
Zona verde
Xardín da Carreira do Conde
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte
Cronoloxía
1900
Autor
Agustín Álvarez Reyero
Historia
A auga é un dos elementos imprescindibles para o desenvolvemento humano, xunto co aire e a luz, e dende sempre influíu coa súa presenza no asentamento dos diversos pobos, que tiveron en conta a súa proximidade e abundancia para instalarse nun territorio. Os principais puntos para a captación de auga da cidade eran as fontes públicas, polo que os gobernantes, o Cabido e a poboación preocupábanse pola súa mellora, conservación e desenvolvemento.
O Bispo Sisnando I (880-920) foi o primeiro que procurou dar á cidade un subministro estable de auga no século X, mais foi o Arcebispo Diego Xelmírez no século XII quen fixo construír un acueduto e todo un sistema de conducións para alimentar Compostela dende a Fonte Branca, nos montes que coroan Vite e O Romaño.
Co crecemento demográfico de Santiago, os antigos recursos hidráulicos axiña se fixeron insuficientes para satisfacer as cada vez máis esixentes demandas de auga, polo que o Concello deulle gran importancia á procura de novos acuíferos, así como a captación e conservación deste recurso.
En Compostela só unha parte da poboación dispoñía dunha subministración propia de auga: aqueles que tiñan un pozo, ou os que conseguiran cota das augas que rebordaban das fontes ou que viñan pola traída da Fonte Branca. Deste xeito, só os máis ricos e as grandes institucións contaban cunha fonte para uso privado. O resto de habitantes tiña que acudir á fonte para o aprovisionamento de auga coa que beber, cociñar ou limpar.
O sistema máis común de recollida da auga baséase na existencia de canos. O cano de auga é o gran protagonista das fontes, pois deles bébese directamente ou se toma a auga en recipientes. Hai fontes nas que, por distintos motivos, a saída da auga lévase a cabo practicamente ao nivel do chan, mais o habitual é que exista certa altura entre o lugar por onde se produce a súa saída e o lugar onde a auga cae, de forma que o seu uso fágase máis fácil.
Dende un punto de vista arquitectónico, case todos os canos instálanse en frontóns ou pilastras. Os frontóns son grandes muros en forma de taboleiro, xeralmente decorados con diversos motivos e de perfil moi variado, de cuxa parte frontal saen os canos da fonte. Estes frontóns poden acharse exentos ou acaroados ás fachadas de vivendas, tapias medianeiras ou simples muros de contención de terras. Outros moitos canos teñen a súa saída por construcións de menor tamaño, que se denominan pilastras ou columnas verticais, por cuxo interior ascende a condución e dun de cuxos lados brota a auga. Aínda que os canos adoitan ser simples tubaxes de ferro, é frecuente que saian de mascaróns, relevos e outros adornos, ás veces da boca de cabezas humanas ou de animais.
O número de canos presente en cada fonte é moi variable, sendo o máis normal que dispoñan dun ou dous. Tamén os píos son habituais en todas as fontes, ou ben grandes tanques deseñados para o abastecemento do gando, ou pequenas cuncas coas funcións de desaugadoiro e servir de plataformas que facilitan a toma de auga e o enchido dos cántaros.
As prazas e lugares onde se instalaba unha fonte pública eran un importante punto de encontro da veciñanza e, polo tanto, un lugar onde informarse do que acontecía na cidade. Na contorna das fontes adoitaban instalarse negocios que consumían gran cantidade de auga, e que non sempre eran agradables: ferreiros, fornos e mesmo curtidoiros.
O crecemento da cidade trouxo unha enorme presión sobre o sistema de abastecemento: as ringleiras nas fontes medraban, o mantemento dos canos e conducións era un pesadelo, os barrios pedían fontes máis próximas e aumentaban as tomas ilegais. Estas penurias limitaban a vida e o desenvolvemento da cidade e das súas xentes.
A cidade de Santiago buscou desesperadamente auga baixo a terra. Os mananciais dos montes de Vite non bastaban para saciar a sede dunha cidade que se expandía cara aos barrios rurais. Estes clamaron por fontes propias, e a construción destas, xunto coa introdución das conducións de ferro na traída, trouxo estabilidade ao sistema e alongou a súa vida até a modernización de 1922.
A cidade devecía pola moderna subministración, mais esta supuxo a fin da razón de ser das propias fontes, que pasaron a ser un ornamento no espazo urbano. Mudou radicalmente a súa función e tamén a forma na que nós as percibimos. A chegada da traída tamén supuxo a fin de dous oficios tradicionais quer eran exercidos por mulleres: as lavandeiras e as augadoras.
As fontes tiñan unha gran importancia económica nas cidades xa que xeraban o oficio de augadora ou fonteira, unha persoa, normalmente muller, que levaba a auga ás casas da xente acomodada. As mozas recollían as sellas, agardaban a súa quenda na fonte, e logo volvían cos baldes na cabeza, facendo moitos portes ao día por unhas poucas moedas. Esta era a principal fonte de ingresos de moitas mulleres e as súas familias.
Os oficios de augadoras e lavandeiras esmoreceron coa instalación da traída de auga ás casas ao ser as familias podentes, que contrataban a estas mulleres, as primeiras en instalar a auga corrente nos seus domicilios. A instalación de pilóns nas casas e a introdución dos electrodomésticos fixo innecesaria a función destas mulleres.
Descrición
A veciñanza do Ensanche solicitou a construción dunha fonte nas inmediacións da Igrexa do Pilar xa en 1840, loitando durante décadas para a consecución desta infraestrutura hídrica. Os veciños devecían por non ter que facer as camiñadas e agardas, baixo sol e chuvia, para poder proverse de auga nas fontes de San Clemente, Santo Antonio ou mesmo na de Cornes.
O que ao principio eran unhas casiñas extramuros coas súas hortas estiradas ao longo dos camiños de Conxo e Ramírez, convertérase nun arrabalde urbano con vivendas, obradoiros, fábricas, fondas e algúns locais de dubidosa reputación. Neste punto comeza o Camiño Novo que se dirixía cara Pontevedra, e que hoxe en día coñecemos como rúa de Rosalía de Castro.
A medida que a poboación desta zona aumenta, o ritmo de peticións veciñais para ter unha fonte continúa cara 1880, xa que a forza do crecemento urbano fíxoa indispensable. A cidade medraba e os novos barrios precisaban de auga.
Mais conceder aos cidadáns da Rapa da Folla a tan ansiada fonte tiña as súas complicacións. A obra era difícil xa que este espazo, xunto á Igrexa do Pilar, caracterízase por ser unha zona en declive pronunciado cara o sur. Esta pendente do terreo causará desacordos polo perigo que a fonte e o seu desaugue representaban para a estabilidade das casas existentes na contorna.
Outro dos problemas que había que afrontar para poder realizar a obra era que o manancial existente era insuficiente para fornecer co seu caudal á nova fonte. Houbo que sanear este manancial e escavar para aumentar a cante, o que desprazou a localización inicial da fonte.
En 1899 o Concello encargará ao arquitecto Agustín Álvarez Reyero o deseño dunha fonte para a Rapa da Folla. O proxecto seguirá o estilo internacional imperante do modernismo eclecticista, e consta dun corpo tronco-piramidal rematado nunha palmeta e dotado dun pío cadrado integrado no conxunto, que serve tanto de baseamento como de depósito da auga que abrolla do picho da fonte.
Esta fonte, que combinaba elementos estéticos de tradición clásica e exipcia, non foi realizada polos problemas de estabilidade do terreo. O ano seguinte, o mesmo arquitecto Álvarez Reyero construirá unha fonte moito máis simple e algo afastada do lugar onde proxectara a anterior.
Aínda que hoxe esta fonte está xa desaparecida, podemos ver a estrutura circular inserida na ladeira de Carreira do Conde onde estaba situada. A traída de augas solucionou o problema de abastecemento deste e outros barrios que non estaban suficientemente atendidos por medio das fontes públicas.
Bibliografía
TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002
BEIRAS GARCÍA, E. El arte del agua: Compostela y sus fuentes públicas monumentales de la Edad Media al siglo XX. InÉditor, A Coruña, 2012
TOJO RAMALLO, J.A. Agua y saneamiento en Santiago de Compostela. Diez siglos de historia, Aquagest 1998