mainimg
Código: FL0018
-
Auga
Localización

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Fonte

Cronoloxía

1864

Historia

A auga é un dos elementos imprescindibles para o desenvolvemento humano, xunto co aire e a luz, e dende sempre influíu coa súa presenza no asentamento dos diversos pobos, que tiveron en conta a súa proximidade e abundancia para instalarse nun territorio. Os principais puntos para a captación de auga da cidade eran as fontes públicas, polo que os gobernantes, o Cabido e a poboación preocupábanse pola súa mellora, conservación e desenvolvemento.

O Bispo Sisnando I (880-920) foi o primeiro que procurou dar á cidade un subministro estable de auga no século X, mais foi o Arcebispo Diego Xelmírez no século XII quen fixo construír un acueduto e todo un sistema de conducións para alimentar Compostela dende a Fonte Branca, nos montes que coroan Vite e O Romaño.

Co crecemento demográfico de Santiago, os antigos recursos hidráulicos axiña se fixeron insuficientes para satisfacer as cada vez máis esixentes demandas de auga, polo que o Concello deulle gran importancia á procura de novos acuíferos, así como a captación e conservación deste recurso.

En Compostela só unha parte da poboación dispoñía dunha subministración propia de auga: aqueles que tiñan un pozo, ou os que conseguiran cota das augas que rebordaban das fontes ou que viñan pola traída da Fonte Branca. Deste xeito, só os máis ricos e as grandes institucións contaban cunha fonte para uso privado. O resto de habitantes tiña que acudir á fonte para o aprovisionamento de auga coa que beber, cociñar ou limpar.

O sistema máis común de recollida da auga baséase na existencia de canos. O cano de auga é o gran protagonista das fontes, pois deles bébese directamente ou se toma a auga en recipientes. Hai fontes nas que, por distintos motivos, a saída da auga lévase a cabo practicamente ao nivel do chan, mais o habitual é que exista certa altura entre o lugar por onde se produce a súa saída e o lugar onde a auga cae, de forma que o seu uso fágase máis fácil.

Dende un punto de vista arquitectónico, case todos os canos instálanse en frontóns ou pilastras. Os frontóns son grandes muros en forma de taboleiro, xeralmente decorados con diversos motivos e de perfil moi variado, de cuxa parte frontal saen os canos da fonte. Estes frontóns poden acharse exentos ou acaroados ás fachadas de vivendas, tapias medianeiras ou simples muros de contención de terras. Outros moitos canos teñen a súa saída por construcións de menor tamaño, que se denominan pilastras ou columnas verticais, por cuxo interior ascende a condución e dun de cuxos lados brota a auga. Aínda que os canos adoitan ser simples tubaxes de ferro, é frecuente que saian de mascaróns, relevos e outros adornos, ás veces da boca de cabezas humanas ou de animais.

O número de canos presente en cada fonte é moi variable, sendo o máis normal que dispoñan dun ou dous. Tamén os píos son habituais en todas as fontes, ou ben grandes tanques deseñados para o abastecemento do gando, ou pequenas cuncas coas funcións de desaugadoiro e servir de plataformas que facilitan a toma de auga e o enchido dos cántaros.

As prazas e lugares onde se instalaba unha fonte pública eran un importante punto de encontro da veciñanza e, polo tanto, un lugar onde informarse do que acontecía na cidade. Na contorna das fontes adoitaban instalarse negocios que consumían gran cantidade de auga, e que non sempre eran agradables: ferreiros, fornos e mesmo curtidoiros.

O crecemento da cidade trouxo unha enorme presión sobre o sistema de abastecemento: as ringleiras nas fontes medraban, o mantemento dos canos e conducións era un pesadelo, os barrios pedían fontes máis próximas e aumentaban as tomas ilegais. Estas penurias limitaban a vida e o desenvolvemento da cidade e das súas xentes.

A cidade de Santiago buscou desesperadamente auga baixo a terra. Os mananciais dos montes de Vite non bastaban para saciar a sede dunha cidade que se expandía cara aos barrios rurais. Estes clamaron por fontes propias, e a construción destas, xunto coa introdución das conducións de ferro na traída, trouxo estabilidade ao sistema e alongou a súa vida até a modernización de 1922.

A cidade devecía pola moderna subministración, mais esta supuxo a fin da razón de ser das propias fontes, que pasaron a ser un ornamento no espazo urbano. Mudou radicalmente a súa función e tamén a forma na que nós as percibimos. A chegada da traída tamén supuxo a fin de dous oficios tradicionais quer eran exercidos por mulleres: as lavandeiras e as augadoras.

As fontes tiñan unha gran importancia económica nas cidades xa que xeraban o oficio de augadora ou fonteira, unha persoa, normalmente muller, que levaba a auga ás casas da xente acomodada. As mozas recollían as sellas, agardaban a súa quenda na fonte, e logo volvían cos baldes na cabeza, facendo moitos portes ao día por unhas poucas moedas. Esta era a principal fonte de ingresos de moitas mulleres e as súas familias.

Os oficios de augadoras e lavandeiras esmoreceron coa instalación da traída de auga ás casas ao ser as familias podentes, que contrataban a estas mulleres, as primeiras en instalar a auga corrente nos seus domicilios. A instalación de pilóns nas casas e a introdución dos electrodomésticos fixo innecesaria a función destas mulleres.

Descrición

Nun lateral da rúa do Campo do Forno, construída en granito e ferro, á que posteriormente por mor de novas obras de arranxo, engadiuse cemento.

A referencia máis antiga da existencia dunha fonte nesta zona, no punto coñecido como Campo do Forno, data de 1552, ano en que a autoridade pública ordena a varios oficiais de fontanería que acudan tapar o burato por onde sae a auga “desde la huerta de Rubiel a la fuente de San Pedro”.

A documentación municipal garda dende aquela absoluto silencio até 1862, cando 140 veciños da rúa, en representación propia e dos das rúas de Lagartos, Angustias e do Medio, envíen unha solicitude ao Concello para “que de un modo más perfecto se reedifique o rectificase la única y miserable fuente que en dicho barrio existe”.

Certamente, o cualificativo de miserable, empregado no texto, é demasiado xeneroso de atérmonos á descrición que fai a Comisión de Policía Urbana en 1863, cando, referíndose á fonte di que “se halla en deplorable estado, completamente destruída, convertida en un charco, y colocada en el punto más angosto de la calle donde está situada, de suerte que es un obstáculo perenne para el tránsito”. A pesar de todo, dela abastécense preto de catro mil persoas que, até a Porta do Camiño, non dispoñían doutro punto máis preto.

Atendendo á reivindicación veciñal, o Concello envía ao vedor para que recoñeza as canalizacións e atope a causa pola cal non hai auga. Este emitirá un informe o 6 de marzo do ano seguinte, argumentando que a escaseza de auga se debe a que un particular da rúa, don Ventura Pena, abriu un pozo na casa, rompendo as tubaxes da fonte pública. A situación complícase aínda máis cando o inspector confirma que na vivenda nace un manancial do que se abastece unha fonte no centro da cidade. Limitado na súa capacidade de actuación, o Concello queda coas mans atadas para chegar a un acordo satisfactorio a todas as partes. O 13 de abril serán os veciños os que propoñan unha alternativa: trasladar a fonte de lugar “unas cuatro o cinco baras más abajo, adonde hay una plazuela que el dueño de la parte de su terreno la cederá para que pueda colocarse aquella a donde podrá estar más espaciosa por las muchas personas que acuden a ella por agua, y por estar en lo más estrecho de la calle, que dos personas juntas no pueden pasar”.

A sesión plenaria do 9 de outubro aproba por unanimidade esta opción como a máis axeitada. O arquitecto municipal, don Manuel Prado y Vallo elabora o proxecto de translación, que considera suporá un custo de 3.846 reais con 68 céntimos. As obras rematan o doce de maio de 1864, cun custo lixeiramente superior ao previso.

Oito anos máis tarde, as autoridades estudarán unha nova proposta de construír unha segunda fonte na Praciña de San Pedro. A idea, aceptada oficialmente en novembro, farase realidade a mans de don Manuel González Castro en 1874.

Bibliografía

TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)