
Zona verde
Parque do Carme de Abaixo
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte
Cronoloxía
1897
Historia
A auga é un dos elementos imprescindibles para o desenvolvemento humano, xunto co aire e a luz, e dende sempre influíu coa súa presenza no asentamento dos diversos pobos, que tiveron en conta a súa proximidade e abundancia para instalarse nun territorio. Os principais puntos para a captación de auga da cidade eran as fontes públicas, polo que os gobernantes, o Cabido e a poboación preocupábanse pola súa mellora, conservación e desenvolvemento.
O Bispo Sisnando I (880-920) foi o primeiro que procurou dar á cidade un subministro estable de auga no século X, mais foi o Arcebispo Diego Xelmírez no século XII quen fixo construír un acueduto e todo un sistema de conducións para alimentar Compostela dende a Fonte Branca, nos montes que coroan Vite e O Romaño.
Co crecemento demográfico de Santiago, os antigos recursos hidráulicos axiña se fixeron insuficientes para satisfacer as cada vez máis esixentes demandas de auga, polo que o Concello deulle gran importancia á procura de novos acuíferos, así como a captación e conservación deste recurso.
En Compostela só unha parte da poboación dispoñía dunha subministración propia de auga: aqueles que tiñan un pozo, ou os que conseguiran cota das augas que rebordaban das fontes ou que viñan pola traída da Fonte Branca. Deste xeito, só os máis ricos e as grandes institucións contaban cunha fonte para uso privado. O resto de habitantes tiña que acudir á fonte para o aprovisionamento de auga coa que beber, cociñar ou limpar.
O sistema máis común de recollida da auga baséase na existencia de canos. O cano de auga é o gran protagonista das fontes, pois deles bébese directamente ou se toma a auga en recipientes. Hai fontes nas que, por distintos motivos, a saída da auga lévase a cabo practicamente ao nivel do chan, mais o habitual é que exista certa altura entre o lugar por onde se produce a súa saída e o lugar onde a auga cae, de forma que o seu uso fágase máis fácil.
Dende un punto de vista arquitectónico, case todos os canos instálanse en frontóns ou pilastras. Os frontóns son grandes muros en forma de taboleiro, xeralmente decorados con diversos motivos e de perfil moi variado, de cuxa parte frontal saen os canos da fonte. Estes frontóns poden acharse exentos ou acaroados ás fachadas de vivendas, tapias medianeiras ou simples muros de contención de terras. Outros moitos canos teñen a súa saída por construcións de menor tamaño, que se denominan pilastras ou columnas verticais, por cuxo interior ascende a condución e dun de cuxos lados brota a auga. Aínda que os canos adoitan ser simples tubaxes de ferro, é frecuente que saian de mascaróns, relevos e outros adornos, ás veces da boca de cabezas humanas ou de animais.
O número de canos presente en cada fonte é moi variable, sendo o máis normal que dispoñan dun ou dous. Tamén os píos son habituais en todas as fontes, ou ben grandes tanques deseñados para o abastecemento do gando, ou pequenas cuncas coas funcións de desaugadoiro e servir de plataformas que facilitan a toma de auga e o enchido dos cántaros.
As prazas e lugares onde se instalaba unha fonte pública eran un importante punto de encontro da veciñanza e, polo tanto, un lugar onde informarse do que acontecía na cidade. Na contorna das fontes adoitaban instalarse negocios que consumían gran cantidade de auga, e que non sempre eran agradables: ferreiros, fornos e mesmo curtidoiros.
O crecemento da cidade trouxo unha enorme presión sobre o sistema de abastecemento: as ringleiras nas fontes medraban, o mantemento dos canos e conducións era un pesadelo, os barrios pedían fontes máis próximas e aumentaban as tomas ilegais. Estas penurias limitaban a vida e o desenvolvemento da cidade e das súas xentes.
A cidade de Santiago buscou desesperadamente auga baixo a terra. Os mananciais dos montes de Vite non bastaban para saciar a sede dunha cidade que se expandía cara aos barrios rurais. Estes clamaron por fontes propias, e a construción destas, xunto coa introdución das conducións de ferro na traída, trouxo estabilidade ao sistema e alongou a súa vida até a modernización de 1922.
A cidade devecía pola moderna subministración, mais esta supuxo a fin da razón de ser das propias fontes, que pasaron a ser un ornamento no espazo urbano. Mudou radicalmente a súa función e tamén a forma na que nós as percibimos. A chegada da traída tamén supuxo a fin de dous oficios tradicionais quer eran exercidos por mulleres: as lavandeiras e as augadoras.
As fontes tiñan unha gran importancia económica nas cidades xa que xeraban o oficio de augadora ou fonteira, unha persoa, normalmente muller, que levaba a auga ás casas da xente acomodada. As mozas recollían as sellas, agardaban a súa quenda na fonte, e logo volvían cos baldes na cabeza, facendo moitos portes ao día por unhas poucas moedas. Esta era a principal fonte de ingresos de moitas mulleres e as súas familias.
Os oficios de augadoras e lavandeiras esmoreceron coa instalación da traída de auga ás casas ao ser as familias podentes, que contrataban a estas mulleres, as primeiras en instalar a auga corrente nos seus domicilios. A instalación de pilóns nas casas e a introdución dos electrodomésticos fixo innecesaria a función destas mulleres.
Descrición
Localizada na rúa do Carme de Abaixo, ao carón da ponte do mesmo nome. Construída en granito e ferro, á que se accede descendendo dúas escaleiras de tiro longo.
A primeira noticia desta fonte é no ano 1897, cando se realizou unha reparación segundo reza a inscrición REPARADA A PETICIÓN DE LOS SRES VARELA LIMIA Y PARGA. 1897. O 21 de agosto de 1901 acordouse rezala e reparar as canalizacións para desaugar.
En marzo de 1918 a superiora do Convento das Oblatas diríxese ao Concello para expoñer a escaseza de auga que chega ao lavadoiro da comunidade e a propiedade sobre o manancial que abrolla ao exterior, polo que pide permiso para encamiñar a auga que se desaproveita e cae ao río.
Un mes máis tarde, o arquitecto municipal propón que se lle conceda o solicitado, establecendo unha serie de condicións acerca da forma da pía e indicando que a dita concesión non terá carácter definitivo senón que o Concello poderá dispor das referidas augas, en parte o na súa totalidade, no momento que o considere oportuno, ou ben trasladar a fonte de lugar se as necesidades da veciñanza o requiren, así como que os arranxos e a limpeza da pía colectora e da canalización condutora correrán por conta da comunidade.
En abril dese ano apróbase a proposta a condición que as relixiosas cumpran coas esixencias do arquitecto, mais trala publicación no Boletín Oficial da Provincia, atópanse con que os veciños das rúas achegadas ao devandito lugar opóñense por consideraren esta autorización prexudicial para os seus intereses, alegando que a fonte tiña dous canos para desaugar e que as relixiosas suprimíronos sen informalos. Para que a auga non corra continua, os veciños propoñen a instalación dunha billa como medida de aforro e que “si quieren aprovechar las aguas sobrantes; y por tal entendemos las que caen al exterior fuera del caño y en el pilón o depósito (a eso si que nos oponemos) de dicha fuente, pueden hacer una derivación de las mismas desde tal pilón o depósito al interior de la huerta del convento con los fines que desean pero nunca en la forma de villa o grifo, ni de otra ninguna que altere el ordinario funcionamiento de tal fuente”.
En 1932 acórdase, segundo a proposta da Comisión de Fomento, que por xestión directa se contrate a construción dun lavadoiro público no Carme de Abaixo, dispoñendo dun crédito de 1.500 pesetas.
Bibliografía
TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002