
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte ornamental
Cronoloxía
Século XVII
Autor
Jácome Fernández
Historia
Dende a súa orixe na antigüidade, as cidades tiveron que contar con puntos de abastecemento de auga para que os seus habitantes contasen con ela tanto para beber como para as necesidades hixiénicas. Tiñan unha grande importancia, polo que deseguida adoptaron unha dobre función na que o seu utilitarismo como punto de abastecemento complementouse co seu uso como elemento ornamental. Deste xeito as fontes pasaron de ser simples estruturas funcionais, para ser consideradas monumentos públicos que contribuían ao ornato urbanístico.
Nas cidades grecorromanas deseñouse un modelo de fonte pública que combinaba a función de surtidor e estanque para servir auga, coa de elemento urbano referencial. Realizáronse fontes nas que a auga xurdía da boca dun animal, dunha furna, dunha ninfa ou dunha ánfora sostida por un neno, sendo recollida nunha pía decorada.
Durante a Idade Media, os deseños das fontes monumentais continúan a súa evolución como mostra da expresión artística, desenvolvendo as tipoloxías que se irán constituíndo no Renacemento e no Barroco.
A cidade monumental de Compostela conserva un urbanismo alto-medieval protagonizado pola basílica do Apóstolo, a partir da cal dispóñense as rúas e prazas. Case todas estes espazos abertos nos que se desenvolve a vida urbana contan cunha fonte pública no seu centro que artella o espazo.
As fontes monumentais soen seguir dúas tipoloxías que se foron constituíndo ao longo dos séculos. A primeira delas está configurada por unha arquitectura mural na que se insiren os elementos da fonte, mentres que a segunda ten unha composición baseada no pío circular, en ocasións poligonal ou lobulado, sobre o que se erguía unha árbore central na que se situaban os canos e os depósitos secundarios de auga, dispostos segundo o eixo de simetría. A auga elévase até o surtidor, colocado no remate superior do conxunto, para ir caendo a través dos diferentes elementos decorativos que conforman a fonte.
Na Compostela de Xelmírez (século XII) levantouse unha fonte ornamental do tipo de pío circular na Praza do Paraíso, a actual Praza da Inmaculada, que foi a primeira de moitas fontes monumentais construídas na cidade ao longo da súa historia.
A finais do século XVIII, e durante todo o século XIX, o Concello de Santiago acomete unha serie de reformas urbanísticas para a mellora e xeneralización das infraestruturas da cidade. Estas melloras suporán grandes cambios nos servizos urbanos de abastecemento de augas, alumeado, rede de sumidoiros ou pavimentación mediante o lousado en pedra.
Dentro desta mellora das infraestruturas da cidade destaca o aspecto relacionado coa condución de augas, a reparación dos canos e a construción de fontes, de gran importancia xa que este era o único sistema de abastecemento de auga potable á cidade. Estas novas fontes son, en moitos dos casos, obras monumentais que contribúen ao ornato da cidade.
Mais as fontes non sempre tiveron a debida consideración, senón que sufriron moitos avatares no seu devir histórico, foron trasladadas, reformadas ou mutiladas dos seus elementos característicos. Por todo isto, recentemente promoveuse a restauración e a recuperación da funcionalidade das fontes históricas da cidade, xunto cun un plan de mantemento que garanta a súa conservación futura. Estas obras sempre están precedidas por un estudo histórico, artístico e social da súa función.
Algunha destas fontes está integrada na rede histórica de abastecemento de auga mentres que outras contan con manancial propio. Os criterios de intervención respectan ao máximo o valor patrimonial, polo que procúrase restablecer o abastecemento da rede histórica onde sexa posible, mentres que nas fontes con manancial propio revísase a captación e compróbanse fugas, nas fontes ornamentais deséñase un sistema de filtrado e recirculación para evitar consumos innecesarios.
Descrición
Esta fonte foi construída durante as obras do convento promovidas por Jerónimo del Hoyo, cóengo cardeal da igrexa de Santiago no século XVII cando se demoleu o claustro gótico para a construción dun novo espazo acorde coa nova estética clasicista do barroco compostelán. Nestas obras traballou Jácome Fernández xunto a varios dos seus discípulos.
O arquitecto Jácome Fernández encargouse de rematar as obras do seu mestre Ginés Martínez, como as escaleiras da Praza do Obradoiro, a Praza da Quintana ou o Colexio de San Clemente de Pasantes, e dirixiu a construción do Colexio de San Clemente. Foi un bo coñecedor da arquitectura, con fermosas execucións nas que o trazo característico é a volta ás formas renacentistas, renovadas polo clasicismo característico da arquitectura compostelá. No ano 1608 realizou a Fonte de San Clemente e no 1612 reparou as fontes públicas por orden do Concello da cidade.
A tipoloxía, estilo e cronoloxía da Fonte do Convento de San Francisco relaciónana coa citada Fonte de San Clemente así como coa situada no claustro do convento de San Francisco. Este tipo de fontes de chafariz, con influencia portuguesa, tamén aparecen noutros mosteiros galegos como o de Oseira, Poio e Celanova.
Segue o estilo renacentista xa empregado na Fonte de San Clemente, e ambas están dotadas de elementos decorativos similares aos empregados na fachada do Colexio de San Clemente, obra do arquitecto Jácome Fernández.
Conta cun gran pío inferior de forma cilíndrica formado a partir de grandes lascas curvas de pedra encaixadas sobre unha estilóbata que a levanta do chan. Conta con barras de ferro que conectan o borde do pío coa árbore central e que servían para pousar a sella ou recipiente co que se recollía a auga e que foi empregado dende antigo para ter auga fresca nas casas.
A árbore central da fonte ten decoración vexetal e conta cun remate en forma de pináculo co chafariz ou pío elevado, que ten o fondo aplanado e está galonado con baixorrelevos que dividen a superficie en cuarteiróns. Neste chafariz aparecen catro mascaróns con canos de alivio nas bocas.
Antigamente esta non era unha fonte, senón dúas que existían nos dous patios do convento, mais hoxe pódese observar só unha dende os claustros do patio. Da fonte que estivo situada no outro patio, a súa pía está actualmente formando parte dun dos xardíns situados na Rosaleda.
Consta de dobre taza ricamente decorada con motivos florais e mascaróns, recordando polo seu estilo ás fontes portuguesas de chafariz, que irromperon de moda en Compostela durante o Renacemento. Estas fontes, como as de Caminha ou a de Viana do Castelo, están ben armadas de galas grecorromanas que lle dan á súa estrutura unha alta cualificación artística.
Bibliografía
BEIRAS GARCÍA, E. El arte del agua: Compostela y sus fuentes públicas monumentales de la Edad Media al siglo XX. InÉditor, A Coruña, 2012