Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte ornamental
Historia
Dende a súa orixe na antigüidade, as cidades tiveron que contar con puntos de abastecemento de auga para que os seus habitantes contasen con ela tanto para beber como para as necesidades hixiénicas. Tiñan unha grande importancia, polo que deseguida adoptaron unha dobre función na que o seu utilitarismo como punto de abastecemento complementouse co seu uso como elemento ornamental. Deste xeito as fontes pasaron de ser simples estruturas funcionais, para ser consideradas monumentos públicos que contribuían ao ornato urbanístico.
Nas cidades grecorromanas deseñouse un modelo de fonte pública que combinaba a función de surtidor e estanque para servir auga, coa de elemento urbano referencial. Realizáronse fontes nas que a auga xurdía da boca dun animal, dunha furna, dunha ninfa ou dunha ánfora sostida por un neno, sendo recollida nunha pía decorada.
Durante a Idade Media, os deseños das fontes monumentais continúan a súa evolución como mostra da expresión artística, desenvolvendo as tipoloxías que se irán constituíndo no Renacemento e no Barroco.
A cidade monumental de Compostela conserva un urbanismo alto-medieval protagonizado pola basílica do Apóstolo, a partir da cal dispóñense as rúas e prazas. Case todas estes espazos abertos nos que se desenvolve a vida urbana contan cunha fonte pública no seu centro que artella o espazo.
As fontes monumentais soen seguir dúas tipoloxías que se foron constituíndo ao longo dos séculos. A primeira delas está configurada por unha arquitectura mural na que se insiren os elementos da fonte, mentres que a segunda ten unha composición baseada no pío circular, en ocasións poligonal ou lobulado, sobre o que se erguía unha árbore central na que se situaban os canos e os depósitos secundarios de auga, dispostos segundo o eixo de simetría. A auga elévase até o surtidor, colocado no remate superior do conxunto, para ir caendo a través dos diferentes elementos decorativos que conforman a fonte.
Na Compostela de Xelmírez (século XII) levantouse unha fonte ornamental do tipo de pío circular na Praza do Paraíso, a actual Praza da Inmaculada, que foi a primeira de moitas fontes monumentais construídas na cidade ao longo da súa historia.
A finais do século XVIII, e durante todo o século XIX, o Concello de Santiago acomete unha serie de reformas urbanísticas para a mellora e xeneralización das infraestruturas da cidade. Estas melloras suporán grandes cambios nos servizos urbanos de abastecemento de augas, alumeado, rede de sumidoiros ou pavimentación mediante o lousado en pedra.
Dentro desta mellora das infraestruturas da cidade destaca o aspecto relacionado coa condución de augas, a reparación dos canos e a construción de fontes, de gran importancia xa que este era o único sistema de abastecemento de auga potable á cidade. Estas novas fontes son, en moitos dos casos, obras monumentais que contribúen ao ornato da cidade.
Mais as fontes non sempre tiveron a debida consideración, senón que sufriron moitos avatares no seu devir histórico, foron trasladadas, reformadas ou mutiladas dos seus elementos característicos. Por todo isto, recentemente promoveuse a restauración e a recuperación da funcionalidade das fontes históricas da cidade, xunto cun un plan de mantemento que garanta a súa conservación futura. Estas obras sempre están precedidas por un estudo histórico, artístico e social da súa función.
Algunha destas fontes está integrada na rede histórica de abastecemento de auga mentres que outras contan con manancial propio. Os criterios de intervención respectan ao máximo o valor patrimonial, polo que procúrase restablecer o abastecemento da rede histórica onde sexa posible, mentres que nas fontes con manancial propio revísase a captación e compróbanse fugas, nas fontes ornamentais deséñase un sistema de filtrado e recirculación para evitar consumos innecesarios.
Descrición
Fonte construída en granito e canos de ferro, localizada no interior do claustro do Convento de Santa Clara.
Este convento era titular no pasado dunha rede privada de fornecemento de auga que tiña a súa orixe nos primeiros tempos da súa fundación, alá polo século XIII. Os mananciais que abastecían este cano atopábanse nos terreos que na actualidade ocupan os edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Caetano e a Estación de Autobuses.
A que foi arqueóloga municipal, dona María Luísa Pérez, estudou con detemento este complexo sistema de cales, detectando con precisión meridiana o seu entramado. Nun informe realizado por pedimento da Concellaría de Augas, describe varios dos treitos por onde pasaba: “Existen documentos do preito posto pola orde con motivo da construción do antigo colexio de xordomudos en 1912, obras que supuxeron a destrución parcial da canalización e do acordo que deu lugar á súa conexión cunha arqueta da Almáciga. O ramal que partía da Estación de Autobuses foi destruído coa construción da rúa de Ánxel Casal”.
Segundo información recollida entre algúns veciños da rúa dos Basquiños a canalización pasaba por debaixo das actuais casas da marxe leste da rúa, localizándose en época recente con motivo da construción da casa onde se instala a cafetería San Caetano. Este treito parece que foi destruído parcialmente con motivo destas edificacións.
Unha segunda canalización, que partía da ladeira sueste da Almáciga, traía auga ao convento correndo polo medio do rueiro que forman as rúas do Escultor Asorey e Enfesta até a horta do convento.
No frontal da fonte, debaixo dun arco, amósase debuxada en cores unha imaxe de Santa Clara cun neno en brazos, rodeada de franciscanos e de dous anxos.
Bibliografía
TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002