Parroquia
Sabugueira
Tipoloxía
Fonte
Cronoloxía
1811
Historia
Nos nosos días, a maior parte da auga que consome a poboación, tanto a nivel doméstico como agrícola e industrial, procede de grandes encoros situados no curso dos ríos, os cales permiten acumular importantes cantidades de auga. En épocas pasadas, case toda a auga utilizada procedía de mananciais e fontes, xa que debido á ausencia de presas e elementos reguladores dos cursos fluviais, os ríos adoitaban presentar grandes oscilacións de caudal (estiaxe estival e crecidas estacionais).
De feito, o establecemento dunha rede xeral de subministración de augas conectada a unha planta potabilizadora é, como todos sabemos, un logro recente. Até hai poucos anos, os habitantes de cada vila fornecíanse exclusivamente coa auga das súas fontes, do mesmo xeito que facían os nosos antepasados en época romana ou medieval.
Boa parte das fontes urbanas existen dende hai séculos, xa que é un elemento marcado polo determinismo xeolóxico. Se o manancial non se seca ou non se contamina, manterase imperecedoiro, dispoñible para o uso da poboación. Por iso coñecemos fontes de orixe medieval en Santiago, documentadas xa no século XII.
No século XVIII a concepción do uso da fonte racionalízase e comeza o desenrolo intenso das fontes de carácter urbano, ligadas á ornamentación de xardíns, paseos e espazos públicos, provistas no seu maior parte dunha arquitectura barroca ou neoclásica ricamente decorada. Á vez téndese, nas obras tradicionais, cara a unha maior solidez construtiva.
As fontes, ademais do seu uso utilitario, compren un interesante papel decorativo. O primeiro prevalecía no mundo rural, mentres que a segunda era máis propia de mosteiros, santuarios e os xardíns dos pazos. As fontes ornamentais teñen un importante papel no urbanismo das poboacións, chegando algunhas delas a ter unha sona importante como a Fontana de Trevi en Roma, o Mannekan Piss en Bruxelas, a Cibeles en Madrid ou as Burgas en Ourense.
As fontes foron a base do aprovisionamento humano en vilas, aldeas e camiños, e un lugar de encontro social. Outrora a fonte era símbolo de reunión, de constante carrexo de cántaros e recipientes, de lavado de roupa e paso de gando, de contacto de mozos e mozas, de xogos, de bromas. En definitiva, un marco de sociabilidade, como a parroquia ou o mercado.
A auga que verte a fonte é aproveitada por outras estruturas situadas a continuación: depósito de recollida, bebedoiro ou lavadoiro.
Os marcos urbanos onde con maior asiduidade aparecen as fontes tradicionais son as prazas públicas máis céntricas e frecuentadas ou as aforas da poboación, coincidindo coas saídas das principais vías e camiños, pois a auga era necesaria para as bestas de transporte e viaxeiros.
Tanta foi a importancia das fontes para a poboación, que serviron para denominar terreos ou deslindar límites xurisdicionais. En moitos pobos, os lugares onde estaba emprazada unha fonte importante eran coñecidos polo seu nome.
Os principais elementos decorativos das fontes populares pódense dividir en dous grandes grupos: os que teñen orixe nas formas tradicionais e as variacións populares de formas e estilos decorativos cultos. Nas fontes rurais, os motivos ornamentais máis comúns son as cruces e pináculos, en relación directa co culto ás augas e a cristianización posterior.
Tamén aparecerán figuras de santos e virxes, en relación con esta cristianización das fontes. As figuras de animais ou faces humanas, de ampla tradición no mundo simbólico tradicional; os elementos xeométricos ou con decoración vexetal estilizada; e diferentes elementos da escultura culta como escudos heráldicos que marcarían a fonte como pertencente a unha familia.
Descrición
Está situada no medio da localidade de Lavacolla, nun engrosamento do camiño que leva a San Paio, detrás da antiga fábrica de curtidos que lle da o nome á fonte. Colócase no bordo dunha carballeira, que se aproveitaba para o proceso de transformar a pel en coiro.
Anteriormente estaba pegada aos muros dun dos edificios de servizo que formaban parte do curtidoiro e estaba acompañada por un lavadoiro con catro columnas. Hoxe en día, unha vez desaparecido esta edificación, aparece como construción exenta de considerables proporcións.
Esta fonte debeu ser construída nos primeiros anos do século XIX, coincidindo coa compra establecemento do Curtidoiro de Lavacolla en 1811, cando Francisco Rodríguez Abella merca e reforma a vella tenería fundada por Gregorio Ambrós contra o 1801.
Está construída en pedra de granito, con cachotaría reforzada con perpiaños nos vans e nas esquinas. Consiste nun gran lenzo mural rematado por arquitrabe en forma de cornixa con molduras lonxitudinais. No muro ábrense dous vans rectangulares, entre os cales sitúase un perpiaño no que se dispoñen os dous canos metálicos polos que abrollaba a auga da fonte.
Na actualidade só está en uso un dos canos, que verte a auga cara un pío rectangular apoiado contra o muro da fonte e que conta con ferros de apoio para as sellas e recipientes da recollida de auga para os fogares. Este gran pío pétreo tamén podería servir como bebedeiro dos animais de tiro que traballaban na fábrica.
A auga sobrante sae canalizada para ser incorporada á rede de sumidoiros.
Bibliografía
TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002
VV.AA. As fontes do Camiño de Santiago. Federación de Asociacións de Veciños de Compostela, 1998