Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte
Cronoloxía
1830
Historia
A auga é un dos elementos imprescindibles para o desenvolvemento humano, xunto co aire e a luz, e dende sempre influíu coa súa presenza no asentamento dos diversos pobos, que tiveron en conta a súa proximidade e abundancia para instalarse nun territorio. Os principais puntos para a captación de auga da cidade eran as fontes públicas, polo que os gobernantes, o Cabido e a poboación preocupábanse pola súa mellora, conservación e desenvolvemento.
O Bispo Sisnando I (880-920) foi o primeiro que procurou dar á cidade un subministro estable de auga no século X, mais foi o Arcebispo Diego Xelmírez no século XII quen fixo construír un acueduto e todo un sistema de conducións para alimentar Compostela dende a Fonte Branca, nos montes que coroan Vite e O Romaño.
Co crecemento demográfico de Santiago, os antigos recursos hidráulicos axiña se fixeron insuficientes para satisfacer as cada vez máis esixentes demandas de auga, polo que o Concello deulle gran importancia á procura de novos acuíferos, así como a captación e conservación deste recurso.
En Compostela só unha parte da poboación dispoñía dunha subministración propia de auga: aqueles que tiñan un pozo, ou os que conseguiran cota das augas que rebordaban das fontes ou que viñan pola traída da Fonte Branca. Deste xeito, só os máis ricos e as grandes institucións contaban cunha fonte para uso privado. O resto de habitantes tiña que acudir á fonte para o aprovisionamento de auga coa que beber, cociñar ou limpar.
O sistema máis común de recollida da auga baséase na existencia de canos. O cano de auga é o gran protagonista das fontes, pois deles bébese directamente ou se toma a auga en recipientes. Hai fontes nas que, por distintos motivos, a saída da auga lévase a cabo practicamente ao nivel do chan, mais o habitual é que exista certa altura entre o lugar por onde se produce a súa saída e o lugar onde a auga cae, de forma que o seu uso fágase máis fácil.
Dende un punto de vista arquitectónico, case todos os canos instálanse en frontóns ou pilastras. Os frontóns son grandes muros en forma de taboleiro, xeralmente decorados con diversos motivos e de perfil moi variado, de cuxa parte frontal saen os canos da fonte. Estes frontóns poden acharse exentos ou acaroados ás fachadas de vivendas, tapias medianeiras ou simples muros de contención de terras. Outros moitos canos teñen a súa saída por construcións de menor tamaño, que se denominan pilastras ou columnas verticais, por cuxo interior ascende a condución e dun de cuxos lados brota a auga. Aínda que os canos adoitan ser simples tubaxes de ferro, é frecuente que saian de mascaróns, relevos e outros adornos, ás veces da boca de cabezas humanas ou de animais.
O número de canos presente en cada fonte é moi variable, sendo o máis normal que dispoñan dun ou dous. Tamén os píos son habituais en todas as fontes, ou ben grandes tanques deseñados para o abastecemento do gando, ou pequenas cuncas coas funcións de desaugadoiro e servir de plataformas que facilitan a toma de auga e o enchido dos cántaros.
As prazas e lugares onde se instalaba unha fonte pública eran un importante punto de encontro da veciñanza e, polo tanto, un lugar onde informarse do que acontecía na cidade. Na contorna das fontes adoitaban instalarse negocios que consumían gran cantidade de auga, e que non sempre eran agradables: ferreiros, fornos e mesmo curtidoiros.
O crecemento da cidade trouxo unha enorme presión sobre o sistema de abastecemento: as ringleiras nas fontes medraban, o mantemento dos canos e conducións era un pesadelo, os barrios pedían fontes máis próximas e aumentaban as tomas ilegais. Estas penurias limitaban a vida e o desenvolvemento da cidade e das súas xentes.
A cidade de Santiago buscou desesperadamente auga baixo a terra. Os mananciais dos montes de Vite non bastaban para saciar a sede dunha cidade que se expandía cara aos barrios rurais. Estes clamaron por fontes propias, e a construción destas, xunto coa introdución das conducións de ferro na traída, trouxo estabilidade ao sistema e alongou a súa vida até a modernización de 1922.
A cidade devecía pola moderna subministración, mais esta supuxo a fin da razón de ser das propias fontes, que pasaron a ser un ornamento no espazo urbano. Mudou radicalmente a súa función e tamén a forma na que nós as percibimos. A chegada da traída tamén supuxo a fin de dous oficios tradicionais quer eran exercidos por mulleres: as lavandeiras e as augadoras.
As fontes tiñan unha gran importancia económica nas cidades xa que xeraban o oficio de augadora ou fonteira, unha persoa, normalmente muller, que levaba a auga ás casas da xente acomodada. As mozas recollían as sellas, agardaban a súa quenda na fonte, e logo volvían cos baldes na cabeza, facendo moitos portes ao día por unhas poucas moedas. Esta era a principal fonte de ingresos de moitas mulleres e as súas familias.
Os oficios de augadoras e lavandeiras esmoreceron coa instalación da traída de auga ás casas ao ser as familias podentes, que contrataban a estas mulleres, as primeiras en instalar a auga corrente nos seus domicilios. A instalación de pilóns nas casas e a introdución dos electrodomésticos fixo innecesaria a función destas mulleres.
Descrición
Na Baixa Idade Media as fontes documentais falan da existencia de varias fontes dentro da cidade amurallada como a de San Miguel, a da Praza do Campo de San Bieito (hoxe Praza de Cervantes), Praterías, o Franco, Raíña, Pitelos ou Fonte Sequelo.
A Fonte do Franco é posiblemente unha das máis antigas da cidade, pois segundo a lenda, a súa orixe remóntase aos tempos de translación apostólica xa que, segundo a tradición, este foi o punto onde se detiveron para beber os bois que tiraban do carro que transportaba o corpo do Apóstolo no século I. Os bois a causa da sede escavaron coas súas patas na terra e dela manou auga.
Outra lenda, en cambio, identifícaa como unha fonte milagreira, pois devolveulle a visión a un peregrino italiano que bebeu do seu cano. A súa orixe máis fiable atopámola no século X, primeira fase de crecemento urbano e nacemento do Vicus Francorum, a actual rúa do Franco. A historia de Franco de Gamma, persoa pola cal se lle deu este nome á importante rúa do casco histórico da cidade, converteu en tradición para os peregrinos beber do seu cano.
Este importante punto na tradición xacobea está conmemorado por unha capela dedicada a Santiago Peregrino. A fonte está localizada no final da Rúa do Franco, moi preto da Fonte da Praza de Fonseca, baixo un dos poucos soportais que quedan nesta rúa.
Xa en 1541, Gregorio de Seoane, oficial de cantería, describiu o estado desta fonte para a Real Provisión de Carlos V como lamentable, porque bota moi pouca auga, ao igual que outras fontes da cidade como San Miguel, Fonte Sequelo, Pitelos ou Porta do Camiño.
En 1686, o veciño da casa na que se situaba a fonte levou a cabo reparacións na súa vivenda, solicitando que a auga do manancial que subministraba a fonte tivese unha saída directa á súa vivenda. Esta petición foi cumprida a medias, pois aparte dunha entrada directa do manancial, deuse a posibilidade de que o pobo puidese seguir abastecéndose coa súa auga. Mais esta obra non tivo un resultado tan favorable para os veciños, pois do cano público saían inmundicias en vez de auga.
Tras unha inspección se descubriu que o manancial non estaba baixo os cimentos da vivenda, polo que realizouse unha bóveda que cubriría desde o nacemento exacto do manancial até a fonte. Construiríase tamén unha arqueta cunha gran porta co fin de dar acceso aos fontaneiros para a súa limpeza e mantemento.
En 1830 a fonte foi reconstruída, mais será necesaria a reparación dos seus deteriorados canos poucos anos despois. É unha fonte de pedra, moi curiosa xa que está no baixo asoportalado dunha vivenda. Construída no propio muro do inmoble, enmárcase entre dúas pilastras con ménsulas nas que se coloca unha imposta con molduras a modo de repisa.
Un elemento que dende o século XVI aparece con frecuencia nas fontes son as inscricións de carácter fundacional ou conmemorativo, que mencionan a data e, en ocasións, as circunstancias en que se produciu a construción, mellora ou reforma efectuada nela. Estas inscricións adoitan ir colocadas nalgún lugar ben visible, sobre os caños de auga na parte frontal da pilastra ou do frontón, ou sobre os muros do piar. No caso da Fonte do Franco, na metade superior aparece unha placa coa inscrición SE REFICO / AÑO DE 1830.
No extremo inferior, dous canos metálicos verten nun pequeno estanque cuberto de lousa que se atopa a nivel inferior ao da rúa. O seu acceso a través dun soportal de piares encóntrase protexido por unha reixa metálica que o pecha e que non permite pasar ao espazo que ocupa.
A súa reconstrución en 1830 corresponde a un momento de gran actividade renovadora sobre as fontes públicas da cidade: a de Praterías foi reformada en 1826, as de Porta do Camiño e do Matadoiro en 1834, e as fontes de Santo Antonio e de Cervantes en 1840.
Actualmente a Fonte do Franco permanece seca, cos seus dous canos en desuso.
Bibliografía
TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002
TOJO RAMALLO, J.A. Agua y saneamiento en Santiago de Compostela. Diez siglos de historia, Aquagest 1998
VV.AA. As fontes do Camiño de Santiago. Federación de Asociacións de Veciños de Compostela, 1998