
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte ornamental
Cronoloxía
1510
Autor
Enrique Egas
Historia
Dende a súa orixe na antigüidade, as cidades tiveron que contar con puntos de abastecemento de auga para que os seus habitantes contasen con ela tanto para beber como para as necesidades hixiénicas. Tiñan unha grande importancia, polo que deseguida adoptaron unha dobre función na que o seu utilitarismo como punto de abastecemento complementouse co seu uso como elemento ornamental. Deste xeito as fontes pasaron de ser simples estruturas funcionais, para ser consideradas monumentos públicos que contribuían ao ornato urbanístico.
Nas cidades grecorromanas deseñouse un modelo de fonte pública que combinaba a función de surtidor e estanque para servir auga, coa de elemento urbano referencial. Realizáronse fontes nas que a auga xurdía da boca dun animal, dunha furna, dunha ninfa ou dunha ánfora sostida por un neno, sendo recollida nunha pía decorada.
Durante a Idade Media, os deseños das fontes monumentais continúan a súa evolución como mostra da expresión artística, desenvolvendo as tipoloxías que se irán constituíndo no Renacemento e no Barroco.
A cidade monumental de Compostela conserva un urbanismo alto-medieval protagonizado pola basílica do Apóstolo, a partir da cal dispóñense as rúas e prazas. Case todas estes espazos abertos nos que se desenvolve a vida urbana contan cunha fonte pública no seu centro que artella o espazo.
As fontes monumentais soen seguir dúas tipoloxías que se foron constituíndo ao longo dos séculos. A primeira delas está configurada por unha arquitectura mural na que se insiren os elementos da fonte, mentres que a segunda ten unha composición baseada no pío circular, en ocasións poligonal ou lobulado, sobre o que se erguía unha árbore central na que se situaban os canos e os depósitos secundarios de auga, dispostos segundo o eixo de simetría. A auga elévase até o surtidor, colocado no remate superior do conxunto, para ir caendo a través dos diferentes elementos decorativos que conforman a fonte.
Na Compostela de Xelmírez (século XII) levantouse unha fonte ornamental do tipo de pío circular na Praza do Paraíso, a actual Praza da Inmaculada, que foi a primeira de moitas fontes monumentais construídas na cidade ao longo da súa historia.
A finais do século XVIII, e durante todo o século XIX, o Concello de Santiago acomete unha serie de reformas urbanísticas para a mellora e xeneralización das infraestruturas da cidade. Estas melloras suporán grandes cambios nos servizos urbanos de abastecemento de augas, alumeado, rede de sumidoiros ou pavimentación mediante o lousado en pedra.
Dentro desta mellora das infraestruturas da cidade destaca o aspecto relacionado coa condución de augas, a reparación dos canos e a construción de fontes, de gran importancia xa que este era o único sistema de abastecemento de auga potable á cidade. Estas novas fontes son, en moitos dos casos, obras monumentais que contribúen ao ornato da cidade.
Mais as fontes non sempre tiveron a debida consideración, senón que sufriron moitos avatares no seu devir histórico, foron trasladadas, reformadas ou mutiladas dos seus elementos característicos. Por todo isto, recentemente promoveuse a restauración e a recuperación da funcionalidade das fontes históricas da cidade, xunto cun un plan de mantemento que garanta a súa conservación futura. Estas obras sempre están precedidas por un estudo histórico, artístico e social da súa función.
Algunha destas fontes está integrada na rede histórica de abastecemento de auga mentres que outras contan con manancial propio. Os criterios de intervención respectan ao máximo o valor patrimonial, polo que procúrase restablecer o abastecemento da rede histórica onde sexa posible, mentres que nas fontes con manancial propio revísase a captación e compróbanse fugas, nas fontes ornamentais deséñase un sistema de filtrado e recirculación para evitar consumos innecesarios.
Descrición
O Hospital Real de Santiago, actual Hostal dos Reis Católicos e Parador Nacional, é un edificio trazado por Enrique Egas que presenta unha planta distribuída en torno a catro patios interiores, dous de estilo renacentista e dous barrocos do século XVIII. Estes patios actuaban como as principais células distribuidoras do edificio, facilitando o tránsito e dando servizo ás dependencias que se atopaban na súa contorna.
Nas trazas dos patios renacentistas interviron un gran número de canteiros de distinta procedencia, fundamentalmente trasmeranos (Cantabria) e portugueses, entre os que figuran Gonzalo Rey, Pedro e Diego de Omono, Juan de los Cotos ou Jácome García, a quen Enrique Egas encomenda a labra das fontes. Coa súa construción déronse por rematadas as obras da primeira fase construtiva do Hospital Real.
Estas fontes dispoñían de manancial propio que abondaba para o correcto funcionamento destas, polo que non recibían as augas provenientes dos mananciais de Chan de Curros ou da Fonte Branca, aínda que estaba establecido que en caso de avaría podían fornecerse da condución xeral de abastecemento para cubrir as necesidades do Hospital, como sucede en 1567, cando se solicita o uso dunha parte das augas da arqueta de San Miguel dos Agros, namentres se reparaban os canos do manancial propio.
As augas do Hospital Real crúzanse coa canle xeral de abastecemento, que leva a auga ás demais fontes da cidade, diante da Capela da Pastoriza, polo que na reparación levada a cabo en 1799 decídese poñer a canle do Hospital Real por baixo da xeral. O Hospital compartía a súa auga co Asilo de Carretas e, tras a reparación de 1844, tamén servía para a rega da horta do Capelán de Carretas.
Nos patios do Hospital Real, hoxe en día podemos aínda contemplar catro fontes: dúas no patio norte e a dúas no patio sur. A que nos ocupa é unha das situadas no patio sur, tamén coñecido como o da Botica. Esta fonte refíxose posteriormente, só conservando da fonte orixinal o pío, porque sendo mestre de obras Mateo López, o Hospital Real costeou a construción dunha fonte nova.
A actual fonte presenta forma de templete circular, que se apoia en seis columnas corintias que sosteñen o arquitrabe, unha cúpula aberta por varios vanos e o remate, que consiste nunha esfera.
Bibliografía
TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002
BEIRAS GARCÍA, E. El arte del agua: Compostela y sus fuentes públicas monumentales de la Edad Media al siglo XX. InÉditor, A Coruña, 2012
TOJO RAMALLO, J.A. Agua y saneamiento en Santiago de Compostela. Diez siglos de historia, Aquagest 1998