
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte ornamental
Cronoloxía
1909
Autor
Antonio Flórez Urdapilleta
Historia
Dende a súa orixe na antigüidade, as cidades tiveron que contar con puntos de abastecemento de auga para que os seus habitantes contasen con ela tanto para beber como para as necesidades hixiénicas.
Nas cidades grecorromanas deseñouse un modelo de fonte pública que combinaba a función de surtidor e estanque para servir auga, coa de elemento urbano referencial. Deste xeito as fontes pasaron de ser simples estruturas funcionais, para ser consideradas monumentos públicos que contribuían ao ornato urbanístico.
Durante a Idade Media, os deseños das fontes monumentais adoitaban seguir a tipoloxía do pío circular (en ocasións poligonal ou lobulado) sobre o que se erguía unha árbore central na que se situaban os canos, os elementos ornamentais e os depósitos secundarios de auga, dispostos segundo o eixo de simetría. Rematábase con estatuas ou elementos decorativos.
A cidade monumental de Santiago de Compostela conserva un urbanismo alto-medieval protagonizado pola basílica do Apóstolo, a partir da cal dispóñense as rúas e prazas. Case todas estes espazos abertos nos que se desenvolve a vida urbana contan cun elemento elemental até hai poucos anos para a vida dos cidadáns: a fonte pública. A súa utilidade como servizo público combínanse en ocasións co carácter artístico destas estruturas.
As fontes monumentais soen seguir dúas tipoloxías que se foron constituíndo ao longo dos séculos. A primeira delas está configurada por unha arquitectura mural adornada con grandes escenografías, mentres que a segunda ten unha composición baseada nun elemento singular, exento e de formato circular. Na Compostela de Xelmírez (século XII) levantouse unha fonte ornamental do segundo tipo na Praza do Paraíso (actual Acibachería), que será a primeira de moitas fontes monumentais construídas na cidade sobre todo no Renacemento e o Barroco.
A finais do século XVIII, e durante todo o século XIX, o Concello de Santiago de Compostela acomete unha serie de reformas urbanísticas para a mellora e xeneralización das infraestruturas da cidade. Estas melloras suporán grandes cambios nos servizos urbanos de abastecemento de augas, alumeado, rede de sumidoiros ou pavimentación mediante o lousado en pedra.
Dentro desta mellora e implementación das infraestruturas da cidade destaca o aspecto relacionado coa condución de augas e a construción de fontes, de gran importancia xa que este era o único sistema de abastecemento de auga potable á cidade.
No referente ao programa municipal de melloras no subministro destaca a reparación dos canos, a mellora do servizo das fontes xa existentes e a colocación de novas fontes para ampliar o servizo. Estas novas fontes son, en moitos dos casos, obras monumentais que contribúen ao ornato da cidade.
As fontes ornamentais soen estar localizadas nas prazas máis destacadas da cidade xa que deste modo cumpren coa dobre función de abastecer de auga á poboación e servir de complemento estético do urbanismo da contorna.
Mais as fontes non sempre tiveron a debida consideración, senón que sufriron moitos avatares no seu devir histórico, foron trasladadas, reformadas ou mutiladas dos seus elementos característicos. Por todo isto, recentemente promoveuse a restauración e a recuperación da funcionalidade das fontes históricas da cidade, xunto cun un plan de mantemento que garanta a súa conservación futura. Estas obras están precedidas por un estudo histórico, artístico e social da súa función.
Algunha destas fontes está integrada na rede histórica de abastecemento de auga mentres que outras contan con manancial propio. Os criterios de intervención respectan ao máximo o valor patrimonial, polo que procúrase restablecer o abastecemento da rede histórica onde sexa posible, mentres que nas fontes con manancial propio revísase a captación e compróbanse fugas, nas fontes ornamentais deséñase un sistema de filtrado e recirculación para evitar consumos innecesarios.
Descrición
A gran escalinata de pedra que comunica o Parque da Alameda co Campus Universitario foi proxectada por Antonio Flórez Urdapilleta e construída en 1909. A súa disposición resalta a entrada dende o alto do Paseo de Bóveda, xa que servía para facilitar o acceso á Exposición Regional Gallega celebrada no que hoxe é o Campus Universitario no 1907.
Estes terreos eran chamados o Lugar de don Mendo e os Campillos de Baltar, unha zona de hortas e terreos de labranza que foi transformado para a exposición de 1907, e posteriormente acollerían a residencia de estudantes e os equipamentos que serán o xerme da cidade universitaria ao sueste da cidade.
A escalinata da exposición foi modificada ao longo da primeira metade do século XX. Conserva o seu estilo clasicista no seu trazado, composición e simetría. Ten dous tiros que van unindo e separando ao longo do seu percorrido para formar descansos e balcóns. Alberga entre os seus tramos unha fornela no balcón intermedio e a fonte na parte inferior.
A fonte atópase inserida no oco formado por un arco carpanel. Outra fonte similar podemos atopala na escaleira da Igrexa da Nosa Señora da Escravitude, no Concello de Padrón. Consiste nunha bañeira de pedra de forma semicircular que recolle as augas que saen dun sinxelo cano metálico na parede, ornamentado cunha moldura circular. No espazo cóncavo aberto polo arco atópanse tamén dous banco9s de pedra, un a cada lado da fonte.
Bibliografía
José Antonio Tojo Ramallo (coordinador e asesor do estudo histórico), Belén Requejo Alonso (investigadora) e Almundena Cuns Turnes (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Santiago de Compostela. AQUAGEST. 2002
Eduardo Beiras García. El arte del agua. Compostela y sus fuentes públicas monumentales de la Edad Media al siglo XX.Inédita, A Coruña 2012