
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte
Historia
A auga é un dos elementos imprescindibles para o desenvolvemento humano, xunto co aire e a luz, e dende sempre influíu coa súa presenza no asentamento dos diversos pobos, que tiveron en conta a súa proximidade e abundancia para instalarse nun territorio. Os principais puntos para a captación de auga da cidade eran as fontes públicas, polo que os gobernantes, o Cabido e a poboación preocupábanse pola súa mellora, conservación e desenvolvemento.
O Bispo Sisnando I (880-920) foi o primeiro que procurou dar á cidade un subministro estable de auga no século X, mais foi o Arcebispo Diego Xelmírez no século XII quen fixo construír un acueduto e todo un sistema de conducións para alimentar Compostela dende a Fonte Branca, nos montes que coroan Vite e O Romaño.
Co crecemento demográfico de Santiago, os antigos recursos hidráulicos axiña se fixeron insuficientes para satisfacer as cada vez máis esixentes demandas de auga, polo que o Concello deulle gran importancia á procura de novos acuíferos, así como a captación e conservación deste recurso.
En Compostela só unha parte da poboación dispoñía dunha subministración propia de auga: aqueles que tiñan un pozo, ou os que conseguiran cota das augas que rebordaban das fontes ou que viñan pola traída da Fonte Branca. Deste xeito, só os máis ricos e as grandes institucións contaban cunha fonte para uso privado. O resto de habitantes tiña que acudir á fonte para o aprovisionamento de auga coa que beber, cociñar ou limpar.
O sistema máis común de recollida da auga baséase na existencia de canos. O cano de auga é o gran protagonista das fontes, pois deles bébese directamente ou se toma a auga en recipientes. Hai fontes nas que, por distintos motivos, a saída da auga lévase a cabo practicamente ao nivel do chan, mais o habitual é que exista certa altura entre o lugar por onde se produce a súa saída e o lugar onde a auga cae, de forma que o seu uso fágase máis fácil.
Dende un punto de vista arquitectónico, case todos os canos instálanse en frontóns ou pilastras. Os frontóns son grandes muros en forma de taboleiro, xeralmente decorados con diversos motivos e de perfil moi variado, de cuxa parte frontal saen os canos da fonte. Estes frontóns poden acharse exentos ou acaroados ás fachadas de vivendas, tapias medianeiras ou simples muros de contención de terras. Outros moitos canos teñen a súa saída por construcións de menor tamaño, que se denominan pilastras ou columnas verticais, por cuxo interior ascende a condución e dun de cuxos lados brota a auga. Aínda que os canos adoitan ser simples tubaxes de ferro, é frecuente que saian de mascaróns, relevos e outros adornos, ás veces da boca de cabezas humanas ou de animais.
O número de canos presente en cada fonte é moi variable, sendo o máis normal que dispoñan dun ou dous. Tamén os píos son habituais en todas as fontes, ou ben grandes tanques deseñados para o abastecemento do gando, ou pequenas cuncas coas funcións de desaugadoiro e servir de plataformas que facilitan a toma de auga e o enchido dos cántaros.
As prazas e lugares onde se instalaba unha fonte pública eran un importante punto de encontro da veciñanza e, polo tanto, un lugar onde informarse do que acontecía na cidade. Na contorna das fontes adoitaban instalarse negocios que consumían gran cantidade de auga, e que non sempre eran agradables: ferreiros, fornos e mesmo curtidoiros.
O crecemento da cidade trouxo unha enorme presión sobre o sistema de abastecemento: as ringleiras nas fontes medraban, o mantemento dos canos e conducións era un pesadelo, os barrios pedían fontes máis próximas e aumentaban as tomas ilegais. Estas penurias limitaban a vida e o desenvolvemento da cidade e das súas xentes.
A cidade de Santiago buscou desesperadamente auga baixo a terra. Os mananciais dos montes de Vite non bastaban para saciar a sede dunha cidade que se expandía cara aos barrios rurais. Estes clamaron por fontes propias, e a construción destas, xunto coa introdución das conducións de ferro na traída, trouxo estabilidade ao sistema e alongou a súa vida até a modernización de 1922.
A cidade devecía pola moderna subministración, mais esta supuxo a fin da razón de ser das propias fontes, que pasaron a ser un ornamento no espazo urbano. Mudou radicalmente a súa función e tamén a forma na que nós as percibimos. A chegada da traída tamén supuxo a fin de dous oficios tradicionais quer eran exercidos por mulleres: as lavandeiras e as augadoras.
As fontes tiñan unha gran importancia económica nas cidades xa que xeraban o oficio de augadora ou fonteira, unha persoa, normalmente muller, que levaba a auga ás casas da xente acomodada. As mozas recollían as sellas, agardaban a súa quenda na fonte, e logo volvían cos baldes na cabeza, facendo moitos portes ao día por unhas poucas moedas. Esta era a principal fonte de ingresos de moitas mulleres e as súas familias.
Os oficios de augadoras e lavandeiras esmoreceron coa instalación da traída de auga ás casas ao ser as familias podentes, que contrataban a estas mulleres, as primeiras en instalar a auga corrente nos seus domicilios. A instalación de pilóns nas casas e a introdución dos electrodomésticos fixo innecesaria a función destas mulleres.
Descrición
Fonte construída en granito, emprazada no centro do claustro axardinado do Mosteiro de San Martiño Pinario.
Este mosteiro ten a súa orixe nos tempos de Sisnando I, que as antigas crónicas describen como o auténtico e primeiro fundador. A relación cos monxes de Santa María da Corticela, capela actualmente anexa á Catedral, é moi estreita, xa que dende o ano 899 foron os moradores de San Martiño. No século XV concédenselles as rendas procedentes de 32 moratorias, capital que permite acometer a remodelación total do xa deteriorado edificio.
No Libro Tumbo da Cidade descríbese unha doazón feita ao mosteiro dun ramal da praza, entre este e o hospital: “para que se aprovechen della en todo lo que por bien tuviese en condición que cuanto a la arca de agua que viene por dicho canal para la dicha ciudad que es asimismo de la dicha ciudad para el bien e pro común... se obligan a hacer y hagan luego una arca de piedra de grano, de altura de un hombre o lo que fuese menester a vista del maestro de la obra de la Santa Iglesia de Santiago... con su llave, y se de la dicha llave a la persona que la dicha ciudad para ello deputase y mandase para que la venga y vaya a la dicha arca de noche, de día e quando quisiere e fuese menester”.
Ao longo da segunda metade do século XVI, entre 1561 e 1594, sucédese unha serie interminable de queixas e conflitos, en ocasións moi graves, entre a cidadanía e San Martiño, por mor dunha arqueta construída no interior do recinto do edificio. A tensión irá en aumento até chegar a facerse insostible. En 1561, un grupo de veciños acusan aos monxes de apropiarse de maior cantidade de auga da que se lles concedeu no pasado, mentres que moitas das fontes públicas carecen dela. Noutras ocasións, o sentir popular loitará por que se obrigue ao mosteiro a situar a arqueta no lugar de tránsito público onde poida ser controlada diariamente polas autoridades. O Concello verase forzado a intervir, obrigando aos monxes a cambiar a pechadura e, anos máis tarde, a recompoñela dado o seu grave estado de deterioro.
O 10 de marzo de 1569, a situación adquire un cariz extremadamente serio, mesmo con certas connotacións de revolta que obrigan ao Procurador Xeral a presentarse ante a Real Audiencia na busca dunha solución definitiva.
En 1594, a autoridade local determina que “se mude para afuera del Monasterio la arqueta que se encuentra dentro del mismo”.
Bibliografía
TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002