
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte ornamental
Cronoloxía
1994
Autor
Álvaro Siza e Isabel Aguirre
Historia
Esta fonte foi creada na rehabilitación do espazo do parque, na que debido á gran abundancia de auga subterránea presente no parque, o que fai necesaria a súa xestión e canalización. A auga presente nos xardíns nace dun manancial situado na carballeira, na parte alta dos terreos ocupados polo parque de San Domingos de Bonaval, e vai sendo conducida a través dun percorrido descendente formado por diversas fontes para salvar o desnivel e chegar ao depósito de auga aloxado baixo o Xardín dos Frades e dende onde ten lugar a rega do parque.
Descrición
Xunto ao edificio do CGAC sitúase a Fonte do Museo, a que está situada no punto máis baixo de todas as fontes do parque. Está realizada con bloques de granito similares aos usados no edificio do Museo Galego de Arte Contemporánea, en contraste co xisto no que están realizados os muros do convento.
Consiste nunha sinxela pía trapezoidal cun desaugadoiro formado por unha pedra de granito na que un oco cilíndrico é o encargado de desaloxar a auga manténdoa sempre a un mesmo nivel, de maneira que a bañeira de pedra estea sempre chea de líquido mais sen chegar a desbordar.