
Zona verde
Parque Carlomagno
Parroquia
San Lázaro
Tipoloxía
Fonte
Cronoloxía
1993
Historia
Nos nosos días, a maior parte da auga que consome a poboación, tanto a nivel doméstico como agrícola e industrial, procede de grandes encoros situados no curso dos ríos, os cales permiten acumular importantes cantidades de auga. En épocas pasadas, case toda a auga utilizada procedía de mananciais e fontes, xa que debido á ausencia de presas e elementos reguladores dos cursos fluviais, os ríos adoitaban presentar grandes oscilacións de caudal (estiaxe estival e crecidas estacionais).
De feito, o establecemento dunha rede xeral de subministración de augas conectada a unha planta potabilizadora é, como todos sabemos, un logro recente. Até hai poucos anos, os habitantes de cada vila fornecíanse exclusivamente coa auga das súas fontes, como o facían os nosos antepasados en época romana ou medieval.
Boa parte das fontes urbanas existen dende hai séculos, posto que son elementos marcados polo determinismo xeolóxico. Se o manancial non se seca ou non se contamina, manterase imperecedoiro, dispoñible para o uso da poboación. Por iso coñecemos fontes de orixe medieval en Santiago, documentadas xa no século XII.
No século XVIII a concepción do uso da fonte racionalízase e comeza o desenrolo intenso das fontes de carácter urbano, ligadas á ornamentación de xardíns, paseos e espazos públicos, provistas no seu maior parte dunha arquitectura barroca ou neoclásica ricamente decorada. Á vez téndese, nas obras tradicionais, cara a unha maior solidez construtiva.
As fontes, ademais do seu uso utilitario, compren un interesante papel decorativo. O primeiro prevalecía no mundo rural, mentres que o segundo era máis propio de mosteiros, santuarios e pazos. As fontes ornamentais teñen un importante papel no urbanismo das poboacións, chegando algunhas delas a ter unha sona importante, como son a Fontana de Trevi en Roma, o Mannekan Piss en Bruxelas, a Cibeles en Madrid ou as Burgas de Ourense.
As fontes foron a base do aprovisionamento humano en vilas, aldeas e camiños, e un lugar de encontro social. Outrora a fonte era símbolo de reunión, de constante carrexo de cántaros e recipientes, de lavado de roupa e paso do gando, de contacto de mozos e mozas, de xogos, de bromas, en definitiva, un marco de sociabilidade, como a parroquia ou o mercado.
A auga que verte a fonte é aproveitada por outras estruturas situadas a continuación: depósito de recollida, bebedoiro ou lavadoiro.
Os marcos urbanos onde con maior asiduidade aparecen as fontes tradicionais son as prazas públicas máis céntricas e frecuentadas ou as aforas da poboación, coincidindo coas saídas das principais vías e camiños, pois a auga era necesaria para as bestas de transporte e viaxeiros.
Tanta foi a importancia das fontes para a poboación, que serviron para denominar terreos ou deslindar límites xurisdicionais. En moitos pobos, os lugares onde estaba emprazada unha fonte importante eran coñecidos polo seu nome.
Os principais elementos decorativos das fontes populares pódense dividir en dous grandes grupos: os que teñen orixe nas formas tradicionais e as variacións populares de formas e estilos decorativos cultos. Nas fontes rurais, os motivos ornamentais máis comúns son as cruces e pináculos, en relación directa co culto ás augas e a cristianización posterior.
Tamén aparecerán figuras de santos e virxes, en relación con esta cristianización das fontes; as figuras de animais ou faces humanas, de ampla tradición no mundo simbólico tradicional; os elementos xeométricos ou con decoración vexetal estilizada; e diferentes elementos da escultura culta como escudos heráldicos que marcarían a fonte como pertencente a unha familia ou formas de estilos cultos.
Descrición
Este elemento do Parque Carlomagno consiste nunha fonte de pedra encaixada na ladeira do parque, dentro dunhas escaleiras de acceso fronte á rúa de Moscova. Serve para aproveitar e reconducir a abundancia das augas subterráneas presentes no terreo.
A súa estrutura formal é moi sinxela, xa que se coloca un muro de pedra no desnivel do terreo, non sendo este muro completamente recto senón que presenta dous ángulos para crear un espazo cóncavo no que se sitúa o cano metálico. A auga sae ao exterior da parede de pedra a través dun burato practicado nela, no que se coloca o picho, seguindo a tipoloxía tradicional que aparece nos lavadoiros e fontes rurais.
Esta fonte conta ademais cunha escaleira que tamén adopta forma de ángulo, ao igual que as paredes da fonte, a través das cales sálvase o desnivel no acceso ao parque dende este punto.