mainimg
Código: GX015
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque Forestal da Granxa do Xesto

Parroquia

Vista Alegre

Información

Tipoloxía

Fonte

Cronoloxía

2003

Historia

A abundancia de auga no subsolo galego fai posible a constante presenza de mananciais e a aparición de gran variedade de solucións para o seu aproveitamento por medio de fontes ou pozos. Estas fontes poden ser dende unha simple canalización de auga dende a boca do manancial, até a realización de fermosas obras de cantaría.

Ademais da canle de condución, unha fonte soe contar cun depósito no que estancar a auga para poder recollela máis facilmente e que serva de bebedeiro para os animais. Este depósito pode aparecer escavado no noiro no que se atopa a boca da canle ou constrúense depósitos cadrados de pedra por tres das súas caras, das que a posterior é o propio noiro no que se atopa o manancial.

No depósito da auga da fonte críanse naturalmente diversos tipos de animais e insectos, entre os que destaca a píntega (Salamandra salamandra). Segundo afirmaba Vicente Risco, para manter as fontes limpas destas formas de vida, adoitábase botar nelas unha troita que se encargase de espantalos.

Descrición

A fonte que ocupa a parte baixa do parque, na zona do souto, está formada por unha sinxela estrutura de pedra, cun muro de contención da terra da ladeira e da auga de escorrentía. Deste muro abrolla a auga proveniente das minas de auga da Granxa do Xesto, despois de percorrer o parque e as diversas lagoas. O líquido cae nunha pía semicircular, da que ao rebordar continúa o seu camiño cara o inferior da aba, nunha canalización soterrada, para finalmente xuntarse coas augas do río Sarela.

Galicia, considerada como o país dos dez mil ríos, posúe innumerables zonas de aspecto similar a esta. Esta zona de sombra, baixo o souto de castiñeiros e xunto a numerosos pés de carballos, posúe as condicións necesarias para que sobre ela broten especies vexetais moi ligadas á humidade, como diversas variedades de musgo, ligues e fentos, das que no parque hai presentes moitas e variadas especies. Neste punto podemos atopar un panel explicativo sobre os fentos característicos das inmediacións de regos e regatos, tan características destes ecosistemas.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)