mainimg
Código: FL0024
-
Auga
Localización

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Fonte ornamental

Cronoloxía

1820

Autor

Agustín Trasmonte

Historia

Dende a súa orixe na antigüidade, as cidades tiveron que contar con puntos de abastecemento de auga para que os seus habitantes contasen con ela tanto para beber como para as necesidades hixiénicas. Tiñan unha grande importancia, polo que deseguida adoptaron unha dobre función na que o seu utilitarismo como punto de abastecemento complementouse co seu uso como elemento ornamental. Deste xeito as fontes pasaron de ser simples estruturas funcionais, para ser consideradas monumentos públicos que contribuían ao ornato urbanístico.

Nas cidades grecorromanas deseñouse un modelo de fonte pública que combinaba a función de surtidor e estanque para servir auga, coa de elemento urbano referencial. Realizáronse fontes nas que a auga xurdía da boca dun animal, dunha furna, dunha ninfa ou dunha ánfora sostida por un neno, sendo recollida nunha pía decorada.

Durante a Idade Media, os deseños das fontes monumentais continúan a súa evolución como mostra da expresión artística, desenvolvendo as tipoloxías que se irán constituíndo no Renacemento e no Barroco.

A cidade monumental de Compostela conserva un urbanismo alto-medieval protagonizado pola basílica do Apóstolo, a partir da cal dispóñense as rúas e prazas. Case todas estes espazos abertos nos que se desenvolve a vida urbana contan cunha fonte pública no seu centro que artella o espazo.

As fontes monumentais soen seguir dúas tipoloxías que se foron constituíndo ao longo dos séculos. A primeira delas está configurada por unha arquitectura mural na que se insiren os elementos da fonte, mentres que a segunda ten unha composición baseada no pío circular, en ocasións poligonal ou lobulado, sobre o que se erguía unha árbore central na que se situaban os canos e os depósitos secundarios de auga, dispostos segundo o eixo de simetría. A auga elévase até o surtidor, colocado no remate superior do conxunto, para ir caendo a través dos diferentes elementos decorativos que conforman a fonte.

Na Compostela de Xelmírez (século XII) levantouse unha fonte ornamental do tipo de pío circular na Praza do Paraíso, a actual Praza da Inmaculada, que foi a primeira de moitas fontes monumentais construídas na cidade ao longo da súa historia.

A finais do século XVIII, e durante todo o século XIX, o Concello de Santiago acomete unha serie de reformas urbanísticas para a mellora e xeneralización das infraestruturas da cidade. Estas melloras suporán grandes cambios nos servizos urbanos de abastecemento de augas, alumeado, rede de sumidoiros ou pavimentación mediante o lousado en pedra.

Dentro desta mellora das infraestruturas da cidade destaca o aspecto relacionado coa condución de augas, a reparación dos canos e a construción de fontes, de gran importancia xa que este era o único sistema de abastecemento de auga potable á cidade. Estas novas fontes son, en moitos dos casos, obras monumentais que contribúen ao ornato da cidade.

Mais as fontes non sempre tiveron a debida consideración, senón que sufriron moitos avatares no seu devir histórico, foron trasladadas, reformadas ou mutiladas dos seus elementos característicos. Por todo isto, recentemente promoveuse a restauración e a recuperación da funcionalidade das fontes históricas da cidade, xunto cun un plan de mantemento que garanta a súa conservación futura. Estas obras sempre están precedidas por un estudo histórico, artístico e social da súa función.

Algunha destas fontes está integrada na rede histórica de abastecemento de auga mentres que outras contan con manancial propio. Os criterios de intervención respectan ao máximo o valor patrimonial, polo que procúrase restablecer o abastecemento da rede histórica onde sexa posible, mentres que nas fontes con manancial propio revísase a captación e compróbanse fugas, nas fontes ornamentais deséñase un sistema de filtrado e recirculación para evitar consumos innecesarios.

Descrición

A ampliación do sistema de traída de augas de Xelmírez cara a praza de Mazarelos en 1585 para fornecer a esta zona, bastante desabastecida antes da fundación do Colexio da Compañía de Xesús na praza, beneficiaría ao Convento de Mercedarias, Á Fonte de San Antonio e á futura Fonte do Toural.

O Concello tiña proxectado construír unha fonte nesta praza xa dende o século XVI, mais a pesar do apoio veciñal encabezado polo Marqués de Bendaña, haberá que esperar ao Trienio Liberal para a súa realización.

Sitúase no centro da Paza do Toural de Faxeiras, un espazo con forma de trapecio irregular que resulta ser un dos espazos públicos máis concorridos de Compostela. Mándase construír polo Concello no ano 1820 seguindo as trazas do arquitecto municipal Agustín Trasmonte.

Fonte monumental de tanque cúbico no que, en lugar de levantarse a tradicional árbore central propia das fontes de chafariz, estilo preponderante nas fontes ornamentais de Santiago, neste caso aparece un pedestal cuadrangular. Esta base ten unha ornamentación moi sobria e nela están situados os catro canos, un en cada unha das súas caras.

Esta fonte ten un carácter especial, xa que conmemora o alzamento liberal de Rafael Riego en San Fernando no ano 1820, proclamando a restauración da Constitución de Cádiz. Neste alzamento formou parte o xeneral galego Antonio Quiroga Hermida, quen aparecía representado nesta fonte por medio dunha escultura.

Sobre o fuste colocado no depósito cuadrangular colócase unha pilastra toscana que sostiña a figura en pedra do xeneral Antonio Quiroga Hermida, representado como un guerreiro romano, aínda que nalgunhas ocasións foi confundido co deus Marte. Quiroga aparecía de pé, armado con lanza, escudo, coiraza, casco e un manto que o envolvía. Nunha das caras do pedestal existía unha inscrición en letras douradas, colocada en 1822: EL PUEBLO COMPOSTELANO AL RESTAURADOR DE LA CONSTITUCIÓN POLÍTICA EN 1820.

Esta escultura foi substituída en 1948 por unha simple ánfora de pedra, decorada coa tradicional venera xacobea, mentes que a figura do xeneral foi gardada nos almacéns do Concello. Esta remodelación foi levada a cabo por Pons Sorolla e responde a motivacións políticas.

Non se conservan deseños nin planos da fonte, mais aparece frecuentemente nas fotografías antigas, coa estatua cuberta de albaialde figurando mármore, igual que se fixo co busto de Miguel de Cervantes na fonte da súa praza.

En 2013 a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago promoveu a restauración de sete fontes históricas da cidade: Praza de Fonseca, Fonte Sequelo, Virxe da Cerca, Porta do Camiño, San Martiño Pinario, Toural e Santa Clara.

O arquitecto do Consorcio responsable do proxecto, Xosé Allegue Fernández, sinalaba que ademais da restauración, buscábase a recuperación da súa funcionalidade, conservación e posta en valor destas construcións hidráulicas.

Esta fonte abastécese da rede histórica de Xelmírez, e antes da súa restauración manaba pouca auga debido a algún atasco e, ademais, presentaba fugas. Toda a fiada superior atopábase lixeiramente desprazada polo impacto dalgún vehículo.

Nestas obras de mellora de 2013 desatascáronse os canos, restauráronse as barras de ferro que facían de asento aos contedores de auga e limpouse a ánfora decorativa. Tamén fíxose unha limpeza química xeral de musgos, algas e outra sucidade, e reparouse o sistema de baleirado e rebordo.

As diferentes intervencións complétanse co deseño dunha estratexia de mantemento, limpeza e conservación axeitada das fontes. Nesta liña, restableceuse o abastecemento da rede histórica onde foi posible, nas fontes con manancial propio revisouse a captación e comprobáronse as fugas, mentres que nas fontes ornamentais deseñouse un sistema de filtrado e recirculación para evitar un consumo innecesario de auga.

Bibliografía

TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002

BEIRAS GARCÍA, E. El arte del agua: Compostela y sus fuentes públicas monumentales de la Edad Media al siglo XX. InÉditor, A Coruña, 2012

SINFUL, F. La ciudad de las luces. Arquitectura y urbanismo en Santiago de Compostela durante la Ilustración. Consorcio de Santiago, 2001

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)