mainimg
Código: XF008
-
Auga
Localización

Zona verde

Xardín do Colexio de Fonseca

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Fonte ornamental

Historia

Dende a súa orixe na antigüidade, as cidades tiveron que contar con puntos de abastecemento de auga para que os seus habitantes contasen con ela tanto para beber como para as necesidades hixiénicas.

Nas cidades grecorromanas deseñouse un modelo de fonte pública que combinaba a función de surtidor e estanque para servir auga, coa de elemento urbano referencial. Deste xeito as fontes pasaron de ser simples estruturas funcionais, para ser consideradas monumentos públicos que contribuían ao ornato urbanístico.

Durante a Idade Media, os deseños das fontes monumentais adoitaban seguir a tipoloxía do pío circular (en ocasións poligonal ou lobulado) sobre o que se erguía unha árbore central na que se situaban os canos, os elementos ornamentais e os depósitos secundarios de auga, dispostos segundo o eixo de simetría. Rematábase con estatuas ou elementos decorativos.

A cidade monumental de Santiago de Compostela conserva un urbanismo alto-medieval protagonizado pola basílica do Apóstolo, a partir da cal dispóñense as rúas e prazas. Case todas estes espazos abertos nos que se desenvolve a vida urbana contan cun elemento elemental até hai poucos anos para a vida dos cidadáns: a fonte pública. A súa utilidade como servizo público combínanse en ocasións co carácter artístico destas estruturas.

As fontes monumentais soen seguir dúas tipoloxías que se foron constituíndo ao longo dos séculos. A primeira delas está configurada por unha arquitectura mural adornada con grandes escenografías, mentres que a segunda ten unha composición baseada nun elemento singular, exento e de formato circular. Na Compostela de Xelmírez (século XII) levantouse unha fonte ornamental do segundo tipo na Praza do Paraíso (actual Acibachería), que será a primeira de moitas fontes monumentais construídas na cidade sobre todo no Renacemento e o Barroco.

A finais do século XVIII, e durante todo o século XIX, o Concello de Santiago de Compostela acomete unha serie de reformas urbanísticas para a mellora e xeneralización das infraestruturas da cidade. Estas melloras suporán grandes cambios nos servizos urbanos de abastecemento de augas, alumeado, rede de sumidoiros ou pavimentación mediante o lousado en pedra.

Descrición

Fonte de estilo decimonónico que está situada nun lugar privilexiado da cidade, no xardín traseiro do Colexio de Fonseca, actual Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.

A fonte está formada por un pío polilobulado, con forma de trevo de catro follas. Este xogo de curvas cóncavas e convexas é moi frecuente na arquitectura renacentista e barroca italiana, nunhas formas compostas que consagrarían autores como Francesco Borromini. Este tipo de pío é moi semellante ao deseñado por Enrique Egás na fonte do patio do Hospital Real de Santiago de Compostela, ou o que presenta a antiga Fonte de Mazarelos, hoxe situada na Praza de San Roque.

No centro deste curioso pío levántase a árbore central, composta por unha columna de base octogonal e lista, sobre a que se sitúa un segundo corpo cilíndrico adornado con estrías. O remate deste tronco vertical consiste nun floreiro de pedra, de onde brota a auga.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)