
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte ornamental
Historia
Esta fonte está vinculada á gran abundancia de auga subterránea presente no parque, o que fai necesaria a súa xestión e canalización. A auga presente nos xardíns nace dun manancial situado na carballeira, na parte alta dos terreos ocupados polo Parque de San Domingos de Bonaval, e vai sendo conducida a través dun percorrido descendente formado por diversas fontes para salvar o desnivel e chegar ao depósito de auga aloxado baixo o Xardín dos Frades e dende onde ten lugar a rega do parque.
Esta fonte segue a tipoloxía da fontes de cano, que se basean nun simple muro de pedra cun ou dous canos por onde sae a auga. Este muro de pedra pecha a saída da auga do manancial, permitindo canalizar a auga a través dun cano polo que se lle dá saída ao exterior. Soen estar construídas con pedra de cantería e poden contar con inscricións ou estar adornadas con cruces de pedra, imaxes de santos ou figuras de animais, que fan referencia á cristianización das fontes.
Descrición
A continuación do antigo refectorio do convento atopamos a Fonte do Xardín dos Frades, situada contra o muro do edificio e baixo o pequeno xardín xeométrico, onde se atopa soterrado o depósito de auga que garda a auga sobrante do manancial para a rega do parque. O pilón ten unhas dimensións de 50x180x290 centímetros e o cano de granito 30x40x44 centímetros.
Nesta sinxela fonte, a auga mana a través dun cano metálico que sae entre un valo de xisto, harmonizando cos muros do convento. O cano é aberto, formando unha especie de bandexa pola que se desliza a auga. Hai un segundo cano de pedra cónico, do que actualmente non brota líquido.
A pía e rectangular, inserta nas escaleiras que salvan o desnivel co Xardín dos Frades, contén un desaugadoiro formado por unha pedra de granito na que un oco cilíndrico é o encargado de desaloxar a auga manténdoa sempre a un mesmo nivel, de maneira que a bañeira de pedra estea sempre chea de líquido mais sen chegar a desbordar.
Bibliografía
José Antonio Tojo Ramallo (coordinador e asesor do estudo histórico), Belén Requejo Alonso (investigadora) e Almundena Cuns Turnes (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Santiago de Compostela. AQUAGEST. 2002