mainimg
Código: BS019
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque Fluvial das Brañas de Sar

Barrio

Sar

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Fonte

Cronoloxía

Século XIX

Historia

Antigamente, a Fonte dos Capitáns estaba arrodeada por un souto e unha fraga, xa que tanto castiñeiros coma carballos eran abundantes nesta zona. Na actualidade a súa auga segue sendo aproveitada pola xente do lugar. Mesmo a apreciación desta aparece descrito nun paragrafo dun libro do século XVII de Limón Montero: …Ay algunas aguas en dicho suelo, las quales hazen sobre sigraso, y en el suelo de su fuente aparece suco lento, y mantecoso, y de color palido, como de azufre; y el agua se representa del mismo color una de las quales esta de cerca de Ciudad de Santiago en un montecito a la parte del medio dia en una hermita que llaman Santa Marina cerca de la Iglesia de Sar priorato del Patriarca, y fue Iglesia de Templarios (Limón 1697: 149).

En 1898, mediante un crédito do Concello, construíuse unha banqueta de pedra a carón da fonte.

As fontes, xunto cos muíños e lavadoiros, son áreas de actividade relacionadas coa vida económica e cotiá da comunidade. Ademais de para un uso concreto, a moenda, a recollida de auga ou para lavar a roupa cando non existía traída de auga nas casas, eran lugares moi animados de intensa relación social onde confluía a veciñanza de toda a contorna.

A abundancia de auga no subsolo galego fai posible a constante presenza de mananciais e a aparición de gran variedade de solucións para o seu aproveitamento por medio de fontes ou pozos. Estas fontes poden ser dende unha simple canalización de auga dende a boca do manancial, até a realización de fermosas obras de cantaría.

Ademais dunha canle de condución, unha fonte soe contar cun depósito no que estancar a auga para poder recollela máis facilmente e que serva de bebedeiro para os animais. Este depósito pode aparecer escavado no noiro no que se atopa a boca da canle ou constrúense depósitos cadrados de pedra por tres das súas caras, das que a posterior é o propio noiro no que se atopa o manancial.

No depósito da auga das fontes críanse naturalmente diversos tipos de animais e insectos, entre os que destaca a píntega (Salamandra salamandra). Segundo afirmaba Vicente Risco, para manter as fontes limpas destas formas de vida, adoitábase botar nelas unha troita que se encargase de espantalos.

Descrición

A fonte actual está uns metros máis ao norte que o cano orixinal, que se desmantelou cando os terreos foron ocupados pola estación do ferrocarril. A súa denominación ten a orixe no 1808 durante a Guerra de Independencia. As tropas napoleónicas estaban acuarteladas na Colexiata de Santa María a Real de Sar e saían a facer as súas correrías pola veciñanza. Cando estas facían descanso na fonte mentres bebían dela, os guerrilleiros aproveitaron emboscados no souto e na fraga que a rodeaba para secuestrar aos capitáns da tropa.

Bibliografía

José Antonio Tojo Ramallo (coordinador e asesor do estudo histórico), Belén Requejo Alonso (investigadora) e Almundena Cuns Turnes (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Santiago de Compostela. AQUAGEST. 2002

Abel Fernandez Otero. As fontes de Santiago de Compostela. Tórculo Artes Gráficas S.A., Santiago de Compostela. 1993

Estudio de las Fuentes municipales. Tomo I. Nº 36 Cía. Consultora y C. del Atlántico, S. A., 1994. Arquivo Histórico Universitario. Sección: Fondos municipais. Libro de Consistorios. 1898 (xullo 1898)

José Antonio Tojo Ramallo. Agua y Saneamiento en Santiago de Compostela. Diez siglos de Historia. Aquagest, S. A. 1998. Páx. 230-231

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)