Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte
Cronoloxía
1932
Historia
Nos nosos días, a maior parte da auga que consome a poboación, tanto a nivel doméstico como agrícola e industrial, procede de grandes encoros situados no curso dos ríos, os cales permiten acumular importantes cantidades de auga. En épocas pasadas, case toda a auga utilizada procedía de mananciais e fontes, xa que debido á ausencia de presas e elementos reguladores dos cursos fluviais, os ríos adoitaban presentar grandes oscilacións de caudal (estiaxe estival e crecidas estacionais).
De feito, o establecemento dunha rede xeral de subministración de augas conectada a unha planta potabilizadora é, como todos sabemos, un logro recente. Até hai poucos anos, os habitantes de cada vila fornecíanse exclusivamente coa auga das súas fontes, do mesmo xeito que facían os nosos antepasados en época romana ou medieval.
Boa parte das fontes urbanas existen dende hai séculos, xa que é un elemento marcado polo determinismo xeolóxico. Se o manancial non se seca ou non se contamina, manterase imperecedoiro, dispoñible para o uso da poboación. Por iso coñecemos fontes de orixe medieval en Santiago, documentadas xa no século XII.
No século XVIII a concepción do uso da fonte racionalízase e comeza o desenrolo intenso das fontes de carácter urbano, ligadas á ornamentación de xardíns, paseos e espazos públicos, provistas no seu maior parte dunha arquitectura barroca ou neoclásica ricamente decorada. Á vez téndese, nas obras tradicionais, cara a unha maior solidez construtiva.
As fontes, ademais do seu uso utilitario, compren un interesante papel decorativo. O primeiro prevalecía no mundo rural, mentres que a segunda era máis propia de mosteiros, santuarios e os xardíns dos pazos. As fontes ornamentais teñen un importante papel no urbanismo das poboacións, chegando algunhas delas a ter unha sona importante como a Fontana de Trevi en Roma, o Mannekan Piss en Bruxelas, a Cibeles en Madrid ou as Burgas en Ourense.
As fontes foron a base do aprovisionamento humano en vilas, aldeas e camiños, e un lugar de encontro social. Outrora a fonte era símbolo de reunión, de constante carrexo de cántaros e recipientes, de lavado de roupa e paso de gando, de contacto de mozos e mozas, de xogos, de bromas. En definitiva, un marco de sociabilidade, como a parroquia ou o mercado.
A auga que verte a fonte é aproveitada por outras estruturas situadas a continuación: depósito de recollida, bebedoiro ou lavadoiro.
Os marcos urbanos onde con maior asiduidade aparecen as fontes tradicionais son as prazas públicas máis céntricas e frecuentadas ou as aforas da poboación, coincidindo coas saídas das principais vías e camiños, pois a auga era necesaria para as bestas de transporte e viaxeiros.
Tanta foi a importancia das fontes para a poboación, que serviron para denominar terreos ou deslindar límites xurisdicionais. En moitos pobos, os lugares onde estaba emprazada unha fonte importante eran coñecidos polo seu nome.
Os principais elementos decorativos das fontes populares pódense dividir en dous grandes grupos: os que teñen orixe nas formas tradicionais e as variacións populares de formas e estilos decorativos cultos. Nas fontes rurais, os motivos ornamentais máis comúns son as cruces e pináculos, en relación directa co culto ás augas e a cristianización posterior.
Tamén aparecerán figuras de santos e virxes, en relación con esta cristianización das fontes. As figuras de animais ou faces humanas, de ampla tradición no mundo simbólico tradicional; os elementos xeométricos ou con decoración vexetal estilizada; e diferentes elementos da escultura culta como escudos heráldicos que marcarían a fonte como pertencente a unha familia.
Descrición
Fonte actualmente desaparecida. En 1892 realizábanse obras nesta fonte. En outubro de 1932 acórdase a construción dun lavadoiro no barrio, que se realizaría cun orzamento de 1.500 pesetas e por xestión directa segundo unha proposta da Comisión de Fomento.
Esta fonte estaba situada á beira do Camiño Francés, e aínda que hoxe está desaparecida, continúa a constar na toponimia dándolle nome á rúa onde estaba situada, denominada rúa da Fonte dos Concheiros. Este nome provén desta fonte que fornecía de auga aos concheiros, mercadores das cunchas que serven como insignias da peregrinación.
Estaba acondicionada nun desnivel do terreo. Segundo a memoria dos veciños, que a lembran até non hai moitos anos, localizábase nun pequeno recinto delimitado por uns pequenos muros de contención realizados en cachotaría. Estaba formada por un cano que vertía a auga dentro dunha pía de granito de forma alongada. Segundo a descrición dos veciños, tratábase dunha fonte de cantaría á que se descendía por medio de tres chanzos que tiña diante.
A súa auga era boa e utilizábase para o consumo dos veciños da contorna e dos romeiros que facían o Camiño de Santiago. Actualmente está cegada e oculta baixo o firme da beirarrúa.
Desmontouse na década dos 60.
Bibliografía
Fontes do Camiño de Santiago. Fontes e lavadoiros de dominio público no Camiño Francés do termo municipal de Santiago de Compostela. Federación de Asociacións de Veciños de Compostela, 1998
José Antonio Tojo Ramallo (coordinador e asesor do estudo histórico), Belén Requejo Alonso (investigadora) e Almundena Cuns Turnes (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Santiago de Compostela. AQUAGEST. 2002
Arquivo Histórico Universitario. Sección: Fondos municipais. Libro de Consistorios. 1892
Descripción