
Parroquia
Sabugueira
Tipoloxía
Fonte
Historia
Nos nosos días, a maior parte da auga que consome a poboación, tanto a nivel doméstico como agrícola e industrial, procede de grandes encoros situados no curso dos ríos, os cales permiten acumular importantes cantidades de auga. En épocas pasadas, case toda a auga utilizada procedía de mananciais e fontes, xa que debido á ausencia de presas e elementos reguladores dos cursos fluviais, os ríos adoitaban presentar grandes oscilacións de caudal (estiaxe estival e crecidas estacionais).
De feito, o establecemento dunha rede xeral de subministración de augas conectada a unha planta potabilizadora é, como todos sabemos, un logro recente. Até hai poucos anos, os habitantes de cada vila fornecíanse exclusivamente coa auga das súas fontes, do mesmo xeito que facían os nosos antepasados en época romana ou medieval.
Boa parte das fontes urbanas existen dende hai séculos, xa que é un elemento marcado polo determinismo xeolóxico. Se o manancial non se seca ou non se contamina, manterase imperecedoiro, dispoñible para o uso da poboación. Por iso coñecemos fontes de orixe medieval en Santiago, documentadas xa no século XII.
No século XVIII a concepción do uso da fonte racionalízase e comeza o desenrolo intenso das fontes de carácter urbano, ligadas á ornamentación de xardíns, paseos e espazos públicos, provistas no seu maior parte dunha arquitectura barroca ou neoclásica ricamente decorada. Á vez téndese, nas obras tradicionais, cara a unha maior solidez construtiva.
As fontes, ademais do seu uso utilitario, compren un interesante papel decorativo. O primeiro prevalecía no mundo rural, mentres que a segunda era máis propia de mosteiros, santuarios e os xardíns dos pazos. As fontes ornamentais teñen un importante papel no urbanismo das poboacións, chegando algunhas delas a ter unha sona importante como a Fontana de Trevi en Roma, o Mannekan Piss en Bruxelas, a Cibeles en Madrid ou as Burgas en Ourense.
As fontes foron a base do aprovisionamento humano en vilas, aldeas e camiños, e un lugar de encontro social. Outrora a fonte era símbolo de reunión, de constante carrexo de cántaros e recipientes, de lavado de roupa e paso de gando, de contacto de mozos e mozas, de xogos, de bromas. En definitiva, un marco de sociabilidade, como a parroquia ou o mercado.
A auga que verte a fonte é aproveitada por outras estruturas situadas a continuación: depósito de recollida, bebedoiro ou lavadoiro.
Os marcos urbanos onde con maior asiduidade aparecen as fontes tradicionais son as prazas públicas máis céntricas e frecuentadas ou as aforas da poboación, coincidindo coas saídas das principais vías e camiños, pois a auga era necesaria para as bestas de transporte e viaxeiros.
Tanta foi a importancia das fontes para a poboación, que serviron para denominar terreos ou deslindar límites xurisdicionais. En moitos pobos, os lugares onde estaba emprazada unha fonte importante eran coñecidos polo seu nome.
Os principais elementos decorativos das fontes populares pódense dividir en dous grandes grupos: os que teñen orixe nas formas tradicionais e as variacións populares de formas e estilos decorativos cultos. Nas fontes rurais, os motivos ornamentais máis comúns son as cruces e pináculos, en relación directa co culto ás augas e a cristianización posterior.
Tamén aparecerán figuras de santos e virxes, en relación con esta cristianización das fontes. As figuras de animais ou faces humanas, de ampla tradición no mundo simbólico tradicional; os elementos xeométricos ou con decoración vexetal estilizada; e diferentes elementos da escultura culta como escudos heráldicos que marcarían a fonte como pertencente a unha familia.
Descrición
Esta fonte está situada non moi lonxe da praza de Lavacolla, seguindo unha fermosa corredoira bordeada de carballos. Xunto a ela transcorre o Camiño Francés de peregrinación a Santiago de Compostela, polo que con ocasión do ano Xacobeo de 1993 colocouse unha mouteira de pedra coa inscrición FONTE DE LABACOLLA.
A Fonte dos Pelamios, está estreitamente vinculada ao Camiño de Santiago por atoparse no núcleo de poboación da Lavacolla, o Lavamentula ao que se refire o Códice Calixtino. Dese punto do camiño, Aymeric Picaud no século XII dicía que (...) os peregrinos de nacionalidade francesa que se dirixían a Santiago, quitábanse a roupa e, por amor ao Apóstolo, adoitaban lavarse non só as súas partes, senón a sucidade de todo o corpo.
Está realizada en cachotaría, con pequenas pedras de granito e de lousa. O picho está situado a un nivel inferior do Camiño, polo que se accede a ela por medio dunha escaleira de tiro longo. Consta dun muro de cachotería reforzado por perpiaños de granito, que actúa como elemento de contención do terreo. Encaixado neste muro colócase un único cano pechado, realizado en pedra, polo que abrolla a auga directamente contra o chan, cercado de pedra.
A auga sobrante condúcese por medio dun regato en dirección aos prados circundantes, para ser aproveitada para a rega. A auga desta fonte procede do seu propio manancial, situado xunto a ela.
A fonte carece de elementos decorativos, centrándose na súa función utilitaria e sen recrearse na estética destas estruturas, como ven sendo o habitual.
Bibliografía
TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002
VV.AA. As fontes do Camiño de Santiago. Federación de Asociacións de Veciños de Compostela, 1998