Parroquia
Peregrina
Tipoloxía
Fonte e lavadoiro
Cronoloxía
1933
Historia
A abundancia de auga no subsolo galego fai posible a constante presenza de mananciais e a aparición de gran variedade de solucións para o seu aproveitamento por medio de pozos, fontes, bebedoiros e lavadoiros.
As políticas ilustradas referentes á mellora da situación hixiénica da cidade publicados durante o século XIX prohibían moitos hábitos insalubres para a poboación urbana como a cría de animais dentro da poboación, botar augas sucias polas fiestras ou o lavado de roupas nas fontes públicas municipais.
Os lavadoiros son construcións situadas ao aire libre e creadas especificamente para o lavado da roupa a man, aínda que tamén podían utilizarse para darlle de beber ao gando ou para o baño. Habitualmente situábanse á beira dun río, regato ou nacente de auga, polo que tamén adoitaban estar vinculadas a fontes que aproveitaban a auga sobrante.
Na súa orixe, aproveitábase un lugar onde a auga era abundante, como ao lado dun manancial ou mina, e estancábase unha pequena zona de auga, utilizándose pedras planas de base onde fregar a roupa. Estes lavadoiros adoitaban estar preto dunha zona de prado que lle servise para poñer a clarear a roupa.
Os primeiros lavadoiros de pedra carecían de tellado, que foi introducido máis tarde. Normalmente eran de forma rectangular, cun máximo de 10 metros cadrados de superficie. Corría a auga dun extremo a outro e tiñan habilitados, nun ou nos dous lados máis longos, unha plataforma inclinada cara a auga onde fregar a roupa. Periodicamente procedíase á súa limpeza, baleirando a auga polos buracos do desaugadoiro.
Os lavadoiros foron unhas construcións fundamentais dende finais do século XIX até a década de 1950, xa que melloraron a calidade de vida da xente antes da traída das augas até os fogares: aforraban as viaxes até o río, facilitaban o lavado da roupa e melloraban en xeral as condicións de hixiene das persoas e as súas casas. Por isto, eran obras deseñadas con gran coidado: había que sanear o manancial, traer as augas e conducilas para que por gravidade, abasteceran os canos e a pía, facer muros de contención e crear canles para aproveitar as augas que rebordaban para as regas.
As fontes e lavadoiros cumpriron un papel de gran importancia social. A fonte era un punto de reunión das mulleres que esperaban á cola para encher as sellas, mais tamén era un lugar de moceo, xa que os mozos aproveitaban para achegarse a falar coas mozas coa escusa dos baldes.
Tamén tiñan unha gran importancia económica nas cidades xa que xeraban o oficio de augadora ou fonteira, unha persoa, normalmente muller, que levaba a auga ás casas da xente acomodada. Así como había augadoras nas fontes, tamén había lavandeiras nos lavadoiros. Tamén producía ingresos para as familias humildes, que moitas veces compatibilizábase co traballo agrícola. Moitas mulleres lavaban a roupa de familias acomodadas, polo que a construción de lavadoiros públicos gratuítos foi unha mellora importante nas condicións laborais deste colectivo.
As lavandeiras gañaban un xornal lavando roupa no río de Vite, en Santa Isabel ou no Sar. O seu era un traballo moi duro: ir polas casas da cidade a recoller a roupa para logo lavala, deixala clarear, secala, para finalmente devolvela. Até que se construíron os lavadoiros, as mulleres lavaban metidas no río ou axeonlladas na beira.
Tanto no inverno como no verán había mulleres lavando e se chovía había que secar a roupa na casa. A humidade perseguía a estas mulleres que envellecían prematuramente e sufrían acotío enfermidades como deformidade dos membros ou problemas de articulacións e de pel derivados da exposición a certos produtos como a sosa usada para branquear a roupa.
A vida das augadoras non era tan miserenta, mais sufrían o maltrato e desprezo das que gañaban a vida servindo polas casas. Eran sobre todo mozas novas que recollían as sellas, esperaban a súa quenda na fonte, e logo volvían cos baldes na cabeza, facendo moitos portes ao día por unhas poucas moedas.
Os oficios de augadoras e lavandeiras esmoreceron coa instalación da traída de auga ás casas ao ser as familias podentes, que contrataban a estas mulleres, as primeiras en instalar a auga corrente nos seus domicilios. A instalación de pilóns nas casas e a introdución dos electrodomésticos, entre eles a lavadora, fixo innecesaria a función destas mulleres.
Aínda hoxe, algúns lavadoiros son empregados como substituto das máquinas de lavar cando falla o subministro eléctrico, ou no caso de ter que lavar pezas concretas de roupa, mais perdeuse a súa utilidade social como punto de encontro e reunión que tiña no pasado.
Descrición
Conxunto de fonte e lavadoiro localizado ao carón do río Sarela, restaurado no 2012.
Como noutras moitas zonas de carácter rural, os lugares da Peregrina e de Sarela de Arriba conseguen a principios de século nutrirse de auga en “un surtidor empotrado en el terreno y tan proximo al río Sarela que con la más pequeña avenida se confunden las aguas”. Isto provocará a solicitude dunha obra que permitise recoller a auga cunhas mínimas garantías de salubridade e con certa comodidade. A pesar da aparente urxencia e necesidade da obra, o informe do arquitecto municipal, que serviría como documento base para a toma de decisión da Comisión de Augas e para a aprobación por parte do Concello, non se expide até un ano despois, en 1901. O 11 de setembro acórdase a reconstrución da fonte. Nel podería destacarse a importancia concedida á redución máxima dos custos da obra, aspecto común á maior parte das actuacións realizadas neste tipo de dotacións públicas, evitando un gasto excesivo que gravase o sempre escaso erario público. As obras centraríanse na “elevación de la fuente rehaciendo todo el caño desde el origen, con mampostería revestido de cemento; ejecutar un muro de contención de una longitud de diez y nueve metros, a fin de encauzar las aguas dejando siempre en seco el espacio ocupado por la fuente”. En febreiro de 1903 ratifícanse os acordos que quedaran incumpridos dende o 16 de outubro, e que autorizaban os créditos propostos daquela para construír fontes públicas que abastecesen de auga aos veciños dos lugares do Valiño, de San Lázaro, de Son e da Peregrina.
No que se refire ao lavadoiro, a proposta para a súa construción foi aprobada o 17 de maio de 1933, segundo os ditames da Comisión de Fomento e da Comisión de Extrarradio. Nada sabemos sobre a finalización desta obra, xa que, se ben a aprobación municipal e a concesión dun crédito poden resultar razóns convincentes para crer que se realizou o traballo, atópanse casos en que a pesar de darse estas circunstancias non se completou até varios anos despois, por causas ás veces indeterminadas.
Bibliografía
TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002