mainimg
Código: BS018
-
Auga
Localización

Barrio

Sar

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Fonte e lavadoiro

Historia

Os lavadoiros, xunto cos muíños e fontes, son áreas de actividade relacionadas coa vida económica e cotiá da comunidade. Ademais de para un uso concreto, a moenda, a recollida de auga ou para lavar a roupa cando non existía traída de auga nas casas, eran lugares moi animados de intensa relación social onde confluía a veciñanza de toda a contorna.

Foron unhas construcións fundamentais dende finais do século XIX até a década de 1950, xa que melloraron a calidade de vida da xente antes da traída das augas até os fogares: aforraban as viaxes até o río, facilitaban o lavado da roupa e melloraban en xeral as condicións de hixiene das persoas e as súas casas.

Por iso, eran obras deseñadas con gran coidado: había que sanear o manancial, traer as augas e conducilas para que por gravidade, abasteceran os canos e a pía, facer muros de contención e crear canles para aproveitar as augas que rebordaban para as regas. De feito, nesta zona podemos encontrar restos das canalizacións e elementos empregados para a rega dos campos de cultivo.

Os lavadoiros son construcións situadas ao aire libre e creadas especificamente para o lavado da roupa a man, aínda que tamén podían utilizarse para darlle de beber ao gando ou para o baño. Habitualmente situábanse á beira dun río, regato ou nacente de auga, polo que tamén adoitaban estar vinculadas a fontes que aproveitaban a auga sobrante.

Na súa orixe, aproveitábase un lugar onde a auga era abundante, como ao lado dun manancial ou mina, e estancábase unha pequena zona de auga, utilizándose pedras planas de base onde fregar a roupa. Estes lavadoiros primitivos adoitaban estar cerca dunha zona de prado que lle servise para poñer aclarear a roupa.

Os primeiros lavadoiros de pedra carecían de tellado, que foi introducido máis tarde. Normalmente eran de forma rectangular, cun máximo de 10 metros cadrados de superficie. Corría a auga dun extremo a outro e tiñan habilitados, nun ou nos dous lados máis longos, unha plataforma inclinada cara a auga onde fregar a roupa. Periodicamente procedíase á súa limpeza, baleirando a auga polos buracos do desaugadoiro.

Aínda hoxe, algúns lavadoiros son empregados como substituto das máquinas de lavar cando falla o subministro eléctrico, ou no caso de ter que lavar pezas concretas de roupa. Sen embargo perdeuse a súa utilidade social como punto de encontro e reunión que tiña no pasado.

Descrición

Con planta octogonal e un diámetro duns dous metros, está fabricado con laxes de granito e anfibolita. Ten oito zonas de lavado independentes entre si en cada unha das caras do octógono, así como unha canle que recolle a auga dunha pía situada ao lado das escaleiras de granito que chegan da parte alta. A fonte, cun cano metálico, ten unhas dimensións de 85x122x75 centímetros.

O espazo está delimitado por un muro de granito que serve de banco corrido ou de pousadoiro para o cesto da roupa, e inserida no lado noroeste deste muro hai unha saída, que xunto coas escaleiras da fonte de cano serve de acceso ao lavadoiro. A parte oeste do muro está realizado con pedras de menor tamaño talladas de forma rectangular.

Bibliografía

José Antonio Tojo Ramallo (coordinador e asesor do estudo histórico), Belén Requejo Alonso (investigadora) e Almundena Cuns Turnes (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Santiago de Compostela. AQUAGEST. 2002

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)