
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte e lavadoiro
Cronoloxía
1829
Historia
A abundancia de auga no subsolo galego fai posible a constante presenza de mananciais e a aparición de gran variedade de solucións para o seu aproveitamento por medio de pozos, fontes, bebedoiros e lavadoiros.
As políticas ilustradas referentes á mellora da situación hixiénica da cidade publicados durante o século XIX prohibían moitos hábitos insalubres para a poboación urbana como a cría de animais dentro da poboación, botar augas sucias polas fiestras ou o lavado de roupas nas fontes públicas municipais.
Os lavadoiros son construcións situadas ao aire libre e creadas especificamente para o lavado da roupa a man, aínda que tamén podían utilizarse para darlle de beber ao gando ou para o baño. Habitualmente situábanse á beira dun río, regato ou nacente de auga, polo que tamén adoitaban estar vinculadas a fontes que aproveitaban a auga sobrante.
Na súa orixe, aproveitábase un lugar onde a auga era abundante, como ao lado dun manancial ou mina, e estancábase unha pequena zona de auga, utilizándose pedras planas de base onde fregar a roupa. Estes lavadoiros adoitaban estar preto dunha zona de prado que lle servise para poñer a clarear a roupa.
Os primeiros lavadoiros de pedra carecían de tellado, que foi introducido máis tarde. Normalmente eran de forma rectangular, cun máximo de 10 metros cadrados de superficie. Corría a auga dun extremo a outro e tiñan habilitados, nun ou nos dous lados máis longos, unha plataforma inclinada cara a auga onde fregar a roupa. Periodicamente procedíase á súa limpeza, baleirando a auga polos buracos do desaugadoiro.
Os lavadoiros foron unhas construcións fundamentais dende finais do século XIX até a década de 1950, xa que melloraron a calidade de vida da xente antes da traída das augas até os fogares: aforraban as viaxes até o río, facilitaban o lavado da roupa e melloraban en xeral as condicións de hixiene das persoas e as súas casas. Por isto, eran obras deseñadas con gran coidado: había que sanear o manancial, traer as augas e conducilas para que por gravidade, abasteceran os canos e a pía, facer muros de contención e crear canles para aproveitar as augas que rebordaban para as regas.
As fontes e lavadoiros cumpriron un papel de gran importancia social. A fonte era un punto de reunión das mulleres que esperaban á cola para encher as sellas, mais tamén era un lugar de moceo, xa que os mozos aproveitaban para achegarse a falar coas mozas coa escusa dos baldes.
Tamén tiñan unha gran importancia económica nas cidades xa que xeraban o oficio de augadora ou fonteira, unha persoa, normalmente muller, que levaba a auga ás casas da xente acomodada. Así como había augadoras nas fontes, tamén había lavandeiras nos lavadoiros. Tamén producía ingresos para as familias humildes, que moitas veces compatibilizábase co traballo agrícola. Moitas mulleres lavaban a roupa de familias acomodadas, polo que a construción de lavadoiros públicos gratuítos foi unha mellora importante nas condicións laborais deste colectivo.
As lavandeiras gañaban un xornal lavando roupa no río de Vite, en Santa Isabel ou no Sar. O seu era un traballo moi duro: ir polas casas da cidade a recoller a roupa para logo lavala, deixala clarear, secala, para finalmente devolvela. Até que se construíron os lavadoiros, as mulleres lavaban metidas no río ou axeonlladas na beira.
Tanto no inverno como no verán había mulleres lavando e se chovía había que secar a roupa na casa. A humidade perseguía a estas mulleres que envellecían prematuramente e sufrían acotío enfermidades como deformidade dos membros ou problemas de articulacións e de pel derivados da exposición a certos produtos como a sosa usada para branquear a roupa.
A vida das augadoras non era tan miserenta, mais sufrían o maltrato e desprezo das que gañaban a vida servindo polas casas. Eran sobre todo mozas novas que recollían as sellas, esperaban a súa quenda na fonte, e logo volvían cos baldes na cabeza, facendo moitos portes ao día por unhas poucas moedas.
Os oficios de augadoras e lavandeiras esmoreceron coa instalación da traída de auga ás casas ao ser as familias podentes, que contrataban a estas mulleres, as primeiras en instalar a auga corrente nos seus domicilios. A instalación de pilóns nas casas e a introdución dos electrodomésticos, entre eles a lavadora, fixo innecesaria a función destas mulleres.
Aínda hoxe, algúns lavadoiros son empregados como substituto das máquinas de lavar cando falla o subministro eléctrico, ou no caso de ter que lavar pezas concretas de roupa, mais perdeuse a súa utilidade social como punto de encontro e reunión que tiña no pasado.
Descrición
Conxunto de fonte e lavadoiro no lugar do Viso, construído en pedra con cano metálico. Segundo reza a inscrición que aínda se conserva, foi construído no ano 1829.
O 11 de xaneiro de 1899 autorízase un crédito de 300 pesetas para o arranxo desta fonte, segundo consta na documentación municipal desa data. Ao parecer, a causa do seu mal estado debíase a que as filtracións dende o manancial impedían un fornecemento axeitado ás necesidades dos usuarios.
En 1934 vólvese saber dela, cando os veciños constrúan pola súa conta un lavadoiro preto e, para conducir a auga, teñan que enviala desde esta fonte, situada a 200 metros da recente obra.
O 2 de xaneiro do seguinte ano infórmase ao Concello da necesidade de construír unha arqueta de concentración das augas no lugar onde emerxían e, dende alí, conducila até o lavadoiro por medio dunha canalización de 220 metros de lonxitude.
As últimas novas que falan desta fonte datan de setembro de 1955, cando de novo os veciños soliciten ao Concello un permiso especial para aproveitar o caudal sobrante para as cociñas das súas casas, tendo que instalar con aquel fin varias tubaxes a maior altura da que a fonte amosa.
Bibliografía
TOJO RAMALLO, J.A. (coordinador e asesor do estudo histórico), REQUEJO ALONSO, B. (investigadora) e CUNS TURNES, A. (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Aquagest, 2002