
Zona verde
Parque Luís Pasín
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Photinia x fraseri
Nome común en galego
Fotinia
Nome común en castelán
Fotinia
Características
A fotinia está situada exenta, preto do banco de madeira a continuación do parque infantil. Ao estar relativamente illada doutras plantacións, pódese apreciar o seu porte arredondado e as súas características tonalidades.
Orixe e distribución
O xénero Photinia é orixinario de China, Xapón e Formosa, integrado por unhas 60 especies de arbustos da familia das rosáceas. A Photinia x fraseri é un híbrido entre outras dúas especies, Photinia glabra e Photinia serrulata, realizado en Birmingham (Alabama, Estados Unidos) cara 1940. Foi introducida como especie comercial en 1955.
Entre as diversas variedades de Photinia, a máis difundida por todo o mundo como especie ornamental é a fraseri, pola súa beleza e doado mantemento. É unha planta de rápido crecemento, moi resistente tanto á seca como ás xeadas. Medra tanto a pleno sol como na sombra parcial, tolerando un amplo rango de solos, mais prefire terreos fértiles e con boa drenaxe.
Descrición
Pequeno arbusto perenne que soe alcanzar entre os 4 e 6 metros de altura, con porte globoso e compacto, formado por múltiples troncos, mais que mediante a poda pódese lograr obter un só tronco para darlle forma de árbore.
Follas coriáceas de cor verde escura cando son grandes, mentres que os brotes presentan unha intensa coloración entre o vermello e o bronce. Son alternas, simples, ovales co borde serrado, e miden entre 7 e 10 centímetros de lonxitude.
As flores son pequenas, de cor branco crema e agrupadas en densos grupos, que soen saír na primavera ou a comezo do verán, aínda que pode presentar floracións noutras épocas se as condicións son propicias. Os froitos son pomos pequenos e de cor vermella.
Etimoloxía
O nome xenérico Photinia foi dado por Lindley, secretario da Real Sociedade de Horticultura de Londres, e procede do grego photeinos, que significa luminoso, en alusión á súa follaxe brillante. O epíteto específico alude aos viveiros Fraser, de Birmingham, onde foi orixinado este híbrido.
Usos
A fotinia é unha especie cultivada como ornamental, ideal para sebes e pantallas vexetais decorativas, mais tamén loce como exemplar illado ou nun macizo xunto con especies de flor. Destaca polo contraste de cores entre as súas follas, vermellas e verdes, as flores brancas e os froitos vermellos.