Código: MA024
-
Masas Arboradas
Localización

Parroquia

San Lázaro

Identificación

Nome científico da especie dominante

Quercus robur L.

Nome común en galego

Carballo

Nome común en castelán

Roble

Información

Descrición

As manchas de bosque máis importantes de Galicia son coñecidas como fragas. Son os bosques mais representativos, xa que no pasado ocupaban o litoral galego e gran parte da costa atlántica europea. Teñen grande importancia ecolóxica posto que na actualidade os bosques naturais extensos e ben conservados son escasos no territorio galego, sobrevivindo nuns poucos lugares, sobre todo en certas rexións montañosas como O Courel, Ancares, A Marronda, Vilapena, Muras...

A fraga consiste nun tipo de formacións arbóreas que adoitan estar representadas ou dominadas polo carballo (Quercus robur), aínda que soe estar acompañado por outras especies de árbores e arbustos como salgueiro, bidueiro, acivro, abruñeiro, loureiro, abeleira e castiñeiro. O sotobosque ten xesta, toxo, hedra e fento.

O concepto de fraga ten algunhas connotacións paisaxísticas e de uso. É un bosque de extensión apreciable como para servir de punto de referencia xeográfica e que serviu tradicionalmente ás comunidades rurais da súa contorna como fonte de madeira para a construción, de leña como combustible, de comida para animais domésticos e como reserva de caza, mais sen que ningunha destas actividades arruinase por completo o dosel arbóreo e, polo tanto, o ambiente nemoral.

Estes bosques non só son un conxunto de árbores, senón que se trata de ecosistemas moi complexos onde entran moitos outros elementos vexetais e animais, formando un tramado de relacións dinámicas capaces de responder a accións de forzas externas a el. Os caules e as pólas das árbores que forman este bosque son a base para outras formas de vida, como brións, fentos e liques. O establecemento das diferentes especies de liques considérase como un bioindicador do grao de pureza atmosférica.

Certas plantas gabeadoras, como as hedras (Hedera helix) ou os chuchameles (Lonicera periclimenum) soben polas árbores buscando a luz e o espazo para sobrevivir. As herbáceas coma os couselos (Umbilicus rupestris) ou os fentos medran sobre os carballos a varios metros do chan.

Na fraga podemos atopar diversos exemplos de asociacións xa que, alén de competir entre eles, moitos seres vivos apóianse mutuamente para poder sobrevivir. É o caso dos cogomelos que viven asociados ás raíces dos carballos. Esta asociación entre fungo e árbore chámase micorriza. No chan da fraga poderemos observar diferentes especies de cogomelos. Algún deles, como a netorra (Russula virescens) medran asociados ás raíces das árbores, mentres que outros reciclan os restos de plantas e axudan a enriquecer o solo da fraga.

Entre a fauna que habita nestes bosques destaca sobre todo a presenza dunha comunidade ornítica diversa, constituída por especies forestais. O galo (Garrulus glandarius) aliméntase das landras e dispérsaas. O cabalo rinchón ou peto verdeal (Picus viridis) tamén é unha ave moi presente nas fragas; aniña en furados que fai nas árbores e aliméntase principalmente de formigas que caza no chan ou sobre a casca das árbores.

En canto aos mamíferos, é notable a presenza de mustélidos (armiño, xeneta, marta...) ou o esquío (Sciurus vulgaris). Ademais, as árbores mortas e a madeira podre serven de acubillo e alimento a outros organismos como numerosos arácnidos, anélidos e miriápodos, organismos que constitúen unha das principais fontes de alimento para moitas das aves que habitan nos bosques.

Nos insectos destacan o Cerambyx cerdo e a vacaloura (Lucanus cervus), que teñen as súas poboacións en regresión debido á destrución do seu hábitat polo que son especies protexidas. As larvas destas especies pasan varios anos do seu ciclo vital alimentándose de madeira morta de carballo.

Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)