
Zona verde
Parque de Belvís
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Fraxinus angustifolia Vahl.
Nome común en galego
Freixa, freixo de folla estreita ou freixo de folla pequena
Nome común en castelán
Fresno de hoja estrecha
Características
Atoparémolo entre os labirintos de camelias e a antiga curtiduría das Trompas que hoxe destínase a Centro de Información de Parques e Xardíns. Medra xunto a outros exemplares e especies de menor porte, que dispóñense illadas ocupando o espazo rectangular do xardín.
Orixe e distribución
Procede do occidente da rexión Mediterránea, onde aparece en zonas entre os 300 e os 1.500 metros de altitude. Na península aparece en todas as provincias de clima mediterráneo, alcanzando polo norte os vales inferiores dos Pirineos e o interior de Galicia.
Medra nos solos húmidos das ribeiras dos ríos e nos fondos dos vales frescos. É moi resistente ao frío, aínda que soporta a seca grazas a curiosas adaptacións como a que lle permite desprenderse das follas no verán se a seca é acusada, sempre e cando desenvolveu adecuadamente o seu sistema radical. Por esta razón aparece frecuentemente medrando próximo aos ríos das zonas con precipitacións moderadas, mentres que na vertente cantábrica é máis habitual o freixo (Fraxinus excelsior).
Descrición
Baixo a denominación común de freixo agrúpanse varias especies, sendo as máis comúns na península o Fraxinus angustifolia, o Fraxinus excelsior e o Fraxinus Ornus. Son árbores caducifolias de porte similar, tronco corto e robusto de cortiza lisa na xuventude que se agreta coa idade en fendas lonxitudinais que forman un fino debuxo.
A freixa pode chegar aos 40 metros de altura e aos 200 anos de vida. Ten as pólas erectas e a cortiza vaise agretando coa idade. As xemas son de cor pardo, a diferenza do freixo que as ten de cor negra.
Follas imparipinnadas, con bordo aserrado normalmente na súa metade superior, de forte cor verde na face e máis feble no envés. Ten máis foliolos sésiles e máis curtos que o freixo, en maior cantidade que este, variable entre 5 e 13, sempre en número impar. Son estreitos e en forma de punta de lanza, grandes e distantes, co número de dentes do bordo menos que o de nervios.
Flores unisexuais ou hermafroditas, sen cáliz nin corola, que aparecen na árbore entre febreiro e marzo, agrupados en acios densos mais sen interese ornamental. Froitos moi numerosos, dispostos en acios ao igual que as flores, son sámaras cunha soa á en forma de lingua moi fina (linguliformes) coa semente ocupando a metade ou máis do froito.
Etimoloxía
As pólas son moi empregadas tradicionalmente para facer peches vexetais, uso no que está a orixe do seu nome xenérico Fraxinus, que provén do grego phraxo, cercado. Os folíolos das súas follas, moito máis estreitos que os de outros freixos, son a razón do seu epíteto latino angustifolia (folla estreita).
Usos
O freixo foi venerado polos pobos celtas, romanos e norteafricanos. Na mitoloxía grega aparece consagrado a Poseidón. A súa filla Némesis portaba unha das súas pólas como símbolo de xustiza e Homerao narra nos seus relatos que o propio Aquiles tiña unha lanza feita con madeira de freixo, coa que matou a Héctor na guerra de Troia.
Na mitoloxía escandinava, a árbore do mundo era un freixo chamado Yggdrasil. Dicíase que as súas raíces chegaban até o inferno e a copa tocaba os ceos, mentres que o groso tronco servía de conexión entre ambos mundos. Odín tallou o primeiro home da súa madeira.
A madeira emprégase para a elaboración de obxectos deportivos como tacos de billar, paus de hóckey e cricket, raquetas de tenis, esquís, remos... Utilízase en ferramentas tradicionais como os mangos dos apeiros de labranza, bastóns e outros utensilios domésticos. Tamén úsase na fabricación de armas como béstas, arcos, varas, picas e lanzas.
Destaca o seu uso na fabricación dos eixos e as rodas dos carros. Os primeiros automóbiles tiñan as carrozarías de madeira freixa e aínda hoxe é usado nos paneis de madeira dalgúns coches, como nos Morgan.
Atribúenselle infinidade de propiedades máxicas, entre elas a capacidade de espantar aos raios e ás serpes, segundo conta xa Plinio o Vello no século I, polo que nalgunhas zonas da Península Ibérica elabóranse obxectos protectores coa súa madeira e colocábanse pólas de freixa nos linteis das casas. Antigamente tamén se poñían pólas nas portas das sidrerías, para anunciar as existencias. Estas pólas e follas serven de forraxe para o gando, e as varas pódanse para empregarse como soporte de hortalizas que precisan ser entitoradas, como os feixóns ou as tomateiras.