
Zona verde
Parque Carlomagno
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Fraxinus excelsior L.
Nome común en galego
Freixo
Nome común en castelán
Fresno del norte o fresno de hoja ancha
Características
Cinco freixos medran formando unha pequena agrupación monoespecífica na aba do Monte de San Lázaro ou Alto da Canteira, entre a zona habilitada para ter os cans ceibos e a rúa da Agra do Vieiro. Nesta parte do parque poden atoparse outras agrupacións similares, formadas por bidueiros péndulos (Betula pendula), érbedos (Arbutus unedo) ou acivros (Ilex aquifolium).
Orixe e distribución
Amplamente distribuído por toda Europa, chegando tamén ao norte de Rusia e Asia Menor. Habita en arboredos de ribeira poboados con abundante vexetación ou en bosques frescos xunto con olmos, abeleiras, bidueiros, pradairos... Aparece dende zonas baixas dos vales até os 600 metros de altitude, normalmente sobre solos frescos, drenados e fértiles. Preparan o terreo para que medren outros árbores de crecemento máis lento que acabarán constituíndo o bosque maduro.
O freixo é común na vertente cantábrica da península, e vaise enrarecendo a medida que nos desprazamos cara o sur, sendo máis frecuente a freixa (Fraxinus angustifolia) na vertente mediterránea.
Descrición
Árbore caducifolia de bo porte, que pode chegar aos 40 metros de altura e aos 200 anos de vida. A cortiza vaise agretando coa idade en fendas lonxitudinais que forman un fino debuxo. As xemas son de cor negro, a diferenza da freixa que as ten de cor pardo.
Ten follas opostas e compostas imparipinnadas, normalmente de entre 7 e 15 folíolos de bordos dentados. Estas follas son as últimas en abrir na primavera e as primeiras en caer no outono.
As flores son hermafroditas, de cor vermello escuro e elevada produción polínica; aparecen dispostas sobre a árbore formando acios cara o mes de abril, antes que xermolen as follas. Dan lugar a froitos secos tipo sámara, provistos dunha lámina membranosa en forma de á que lle facilita a dispersión anemócora.
Etimoloxía
As pólas son moi empregadas tradicionalmente para facer peches vexetais, uso no que está a orixe do seu nome xenérico Fraxinus, que provén do grego phraxo, cercado.
É unha das árbores autóctonas de folla plana que alcanza maior altura, magnificencia á que alude o epíteto latino de excelsior.
Usos
A madeira emprégase para a elaboración de obxectos deportivos como tacos de billar, paus de hockey e cricket, raquetas de tenis, esquís, remos... Tal e como narra Homero nos seus relatos, o propio Aquiles tiña unha lanza feita con madeira de freixo.
Tamén se emprega en ferramentas tradicionais como os mangos dos apeiros de labranza, bastóns e outros utensilios domésticos. Destaca o seu uso na fabricación dos eixos e as rodas dos carros, os primeiros automóbiles tiñan as carrozarías de madeira freixo e aínda hoxe é usado nos paneis de madeira dalgúns coches, como nos Morgan.
O freixo foi venerado polos pobos celtas, romanos e norteafricanos. Na mitoloxía escandinava, a árbore do mundo era un freixo chamado Yggdrasil. Dicíase que as súas raíces chegaban até o inferno e a copa tocaba os ceos, mentres que o groso tronco servía de conexión entre ambos mundos. Odín tallou o primeiro home da súa madeira.
Atribúenselle infinidade de propiedades máxicas, entre elas a capacidade de espantar aos raios e ás serpes, segundo conta xa Plinio o Vello no século I, polo que nalgunhas zonas da Península Ibérica elabóranse obxectos protectores coa súa madeira e colocábanse pólas de freixo nos linteis das casas. Antigamente tamén se poñían pólas nas portas das sidrerías, para anunciar as existencias. Estas pólas e follas serven de forraxe para o gando, e as varas pódanse para empregarse como soporte de hortalizas que precisan ser entitoradas, como os feixóns ou as tomateiras.