Parroquia
Peregrina
Tipoloxía
Petróglifo
Historia
O fenómeno rupestre en Galicia prodúcese principalmente na área atlántica, mais a súa presenza espállase por todo o territorio galego. Os petróglifos sitúanse en penedos graníticos dos afloramentos rochosos preto dos asentamentos humanos. Forman un conxunto de manifestacións artísticas en forma de gravados ou insculturas realizadas mediante a técnica de percusión, compostos de múltiples motivos iconográficos.
A súa datación e interpretación é complexa. Parece que foron realizados a finais do megalitismo e na Idade de Bronce, unha longa etapa de arredor de mil anos que se inicia polo 1800 a.C. Para Galicia supón unha época de importantes contactos co mundo atlántico, complementados coas relacións cos pobos mediterráneos.
O repertorio temático dos gravados rupestres galegos soe dividirse en dous grandes bloques iconográficos:
- Deseños de carácter xeométrico: as figuras non naturalistas compoñen a maioría das representacións dos petróglifos galegos. Estes deseños parecen ser representacións simbólicas ou ideolóxicas. Os temas máis representados son as combinacións circulares, formadas por cazoletas, círculos illados ou concéntricos e formas circulares entrelazadas mediante redes de liñas. Ocasionalmente aparecen tamén as espirais, os deseños labirínticos, cadrados de esquinas arredondadas, zigzags, esvásticas ou cruces. A representación máis sinxela son as cazoletas, tamén chamadas coviñas, foxas ou puntos, que aparecen na práctica totalidade dos complexos rupestres. Represéntanse de forma illada, formando grupos ou combinándose coas figuras do repertorio naturalista.
- Deseños de carácter naturalistas: as figuras de estilo naturalista son as que confiren aos petróglifos galegos dunha marcada identidade dentro dos grandes focos de arte rupestre de Europa occidental. Trátase polo xeral de deseños a media distancia entre a estilización e o esquematismo, sempre cun substancial aforro de detalles. Os temas naturalistas representados con máis frecuencia son os zoomorfos (sobre todo de cérvidos e équidos), os antropomorfos e as imaxes de artefactos como armas e ídolos. Na representación das figuras animais pode darse a variedade estática, na que os cérvidos represéntanse en repouso, ou na variedade dinámica na que os animais aparecen representados en movemento tratando de plasmar un maior naturalismo. As figuras humanas aparecen cazando ou montando a cabalo, e o normal é que porten nas súas mans armas que podemos identificar como azagaias ou arcos.
Descrición
O cumio do Monte Fontecova é rico en afloramentos graníticos, a maior parte deles moi alterados por actividades antrópicas diversas. Nun deles atopamos un estraño gravado histórico elaborado con útiles metálicos, se atendemos á sección en V do seu suco.