
Zona verde
Parque Eugenio Granell
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Hibiscus syriacus L.
Nome común en galego
Hibisco de Siria, roseira de Sharon ou roseira de Siria
Nome común en castelán
Hibisco o rosa de Siria
Características
Este hibisco está situado na parte alta da ladeira onde se sitúan os miradoiros cara a cidade. Na parte cóncava da curva que traza un dos sendeiros, este arbusto pasa bastante desapercibido nos meses máis fríos do ano, cando permanece sen follas, mais ao chegar a primavera énchese de fermosas flores de cor branco rosado que o fan destacar moito entre o resto da vexetación do parque.
Orixe e distribución
A área natural desta especie esténdese polo sueste e Asia, habitando principalmente en China e India. Foron introducidos en Europa durante o século XVII, cando foron obtidos moitos híbridos que se chegan a cifrar en varios centos os cultivares actuais. As dúas especies máis hibridadas son a hibisco da China (Hibiscus rosa-sinensis), moi utilizado nas zonas de climas tropicais e subtropicais, e o hibisco de Siria (Hibiscus syriacus), máis empregado en climas tépedos e fríos.
Descrición
O hibisco de Siria é un arbusto ou pequena árbore que pode alcanzar os seis metros de altura, presenta unha densa copa, cónica e estreita. Ten a cortiza de cor ocre, con pequenas fisuras.
Dentro do xénero Hibiscus hai dúas variedades: o hibisco da China, de folla perenne, e o hibisco de Siria, moi parecida á anterior pero de folla caduca. As follas son simples, alternas, ovais ou romboidais, con bordos de dentes grosos de cor verde escura.
As flores son semellantes ás malvas, podendo ser de varias cores: brancas, rosadas, vermellas, violetas... Cada flor ten unha curta vida, mais como a planta produce moitas, non é raro atopar o arbusto florido dende a primavera até o outono.
O froito é seco, medra dentro dunha cápsula de forma ovoide cuberta de pelos estrelados. Na madurez abre en cinco valvas, con fendeduras que coinciden coas cavidades e nas que se sitúan as sementes, con forma de riles e dotadas de pelos brancos na marxe.
Etimoloxía
Esta especie foi descrita por Carlos Linneo en 1753. O seu nome procede do grego ibiskos, nome dado ao malvarisco (Althaea officinalis), e foi empregado xa por Dioscórides e Plinio o Vello. Este termo pasou ao latín na forma de hibiscum.
Carlos Linneo, por un erro deu o nome específico syriacus, en referencia á procedencia de Siria, dato erróneo xa que procede da China e a India. A Cidade do Hibisco é o alcume da cidade de Chengdu, na China, e o hibisco de Siria é a flor nacional de Corea do Sur, aparecendo en diversos emblemas nacionais.
Usos
Así como a rosa é a flor por excelencia das zonas de clima tépedo, podería dicirse que o hibisco o é naquelas de climas subtropicais e tropicais. O hibisco de Siria foi moi cultivado como especie ornamental en Europa dende o século XVII, tendo o seu máximo esplendor no século XIX cando se empregaba para adornar os xardíns pseudoclásicos como planta floral ou formando sebes.
Ademais do seu interese como especie ornamental en xardinería, dalgunhas especies obtéñense froitos comestibles, fibras, sustancias medicinais e madeira. Tamén son ingrediente frecuente nas infusións de herbas, pode consumirse en ensalada e ten propiedades medicinais, xa que é un excelente tónico circulatorio.