
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escultura
Cronoloxía
2021
Autor
Soledad Penalta
Historia
Vinculado ás vangardas culturais galegas dos anos 20 e 30 do século XX, Carlos Maside abriu estudio en Santiago en 1932 e mantivo unha fonda relación coa cidade durante toda a súa vida, reflectindo na súa obra mil e unha estampas e persoeiros daquela Compostela. Foi dinamizador e integrante de todo tipo de iniciativas artísticas, culturais e mesmo políticas e por iso foi represaliado tras o golpe de estado de 1936. Viviu a partir de entón en Santiago nunha sorte de exilio interior que dificultou tanto a súa vida profesional como artística; con todo mantivo abertas as canles de comunicación coa Galicia do exilio exterior (sobre todo con Luís Seoane) e serviu de ponte cos intelectuais das novas xeracións, como Uxío Novoneyra, Manuel María, Ventura Cores ou o seu sobriño, Xulio Maside. Esta obra e a súa emprazamento nun espazo tan sinalado como é a Alameda honra a valiosa achega deste intelectual á cidade e a Galicia.
Soledad Penalta é unha artista recoñecida pola súa obra en aceiro ou ferro, como é o caso. Usa estes materiais esculpindo o propio espazo baleiro, arrancando del as formas que recoñecemos e dotándoas de certa monumentalidade e dun dinamismo que vén dado por eses xogos e contrastes entre o sólido e o baleiro. Hai varias pezas súas nos parques da cidade sendo especialmente popular a súa intervención para a recuperación do antigo cruceiro de Conxo, hoxe na confluencia das rúas de Sánchez Freire e de García Prieto.
NA MORTE DE CARLOS MASIDE
PODE morrer o home?
Dónde está agora Compostela?
Eu non sei pensarte morto.
Abrio a fiestra
                            e ollo a serra par ti . . .
1958.
Uxío Novoneyra
Descrición
Unha foto de 1952, ambientada nesta mesma Alameda de Compostela, retrata os personaxes desta escultura: Uxío Novoneyra e Manuel María acompañando o pintor Carlos Maside (1897-1958). Dous homes novos unidos polas circunstancias dos tempos -facer o servizo militar obrigatorio- e un terceiro marcado por unha traxectoria vital máis ampla e complexa de compromiso cultural e político nun tempo escuro. A voz da Xeración Nós e a da Galicia que soñou outro futuro dando o relevo aos intelectuais que revivirían o seu legado para traelo até os nosos días.
A peza, da escultura Soledad Penalta, representa os tres artistas nun paseo animado pola Ferradura nun deses días de final do verán, cando as árbores e o frescor do parque convidan a xuntarse e deixarse levar pola conversa.