
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escultura
Cronoloxía
2022
Autor
Soledad Pite
Historia
Exeria foi unha muller que peregrinou a Terra Santa entre os anos 381 e 384. Parte de Gallaecia e chega até o límite entre o Imperio Romano e o Persa. Até o século XIX só sabiamos da súa existencia porque a nomeaba o abade Valerio do Bierzo nunha carta escrita no século VII, na que poñía á benaventurada Exeria como exemplo de fe para os monxes.
En 1884, Gian Francesco Gamurrini atopou o Codex Aretinus, hoxe no museo da cidade de Arezzo, que contiña un fragmento do manuscrito de Exeria, o único do que dispoñemos hoxe. O Codex Aretinus foi copiado no século XI, no Mosteiro de Montecasino. Coa destrución de Montecasino vai ao Mosteiro de Arezzo, e cando Napoleón suprime este mosteiro, no 1810, un fragmento do texto vai parar á Confraternitá dei Laici, na mesma Arezzo, onde se encaderna con outras dúas obras no Codex Aretinus, obra que atopa Gamurrini en 1884.
O Itinerario atopado está dividido en dúas partes. A primeira recolle o último tramo dunha viaxe máis longa, entre decembro do 383 e xuño do 384. Sábese que a viaxe comezou antes, no 381, pois Exeria mesma nos conta que chegou a Xerusalén na Pascua dese ano. A segunda parte describe as liturxias de todo un ano que se realizan na cidade de Xerusalén.
Hoxe existe a constancia de que houbo varias copias completas do Itinerario de Exeria na biblioteca de Toledo e nas bibliotecas dos mosteiros de: San Pedro de Montes (onde a leu Valerio no século VII), Celanova (que a recibe como doazón de San Rosendo na súa fundación, no ano 935), Saint Martial de Limoges (Francia) e Montecasino (Italia).
A obra de Exeria, amais de mencionarse na carta de Valerio do Bierzo, inflúe tamén no Liber de locis sanctis que o bibliotecario de Montecasino Pedro Diácono escribe cara 1137. Este autor non estivo en Terra Santa, mais elaborou unha guía para peregrinos copiando máis dunha descrición de Exeria.
Soledad Pite, autora da obra, naceu en Cacheiras (Teo), 1955. Licénciase en Belas Artes pola Universidade de Sevilla no 1978. No bienio 1991 - 1992 cursa estudios na Universidade de Salamanca no programa Investigación de la Forma. No Centro Internacional da Estampa de Betanzos asistirá a diversos cursos monográficos que lle permitirán abordar disciplinas como a Litografía, a Xilografía ou o Gravado non tóxico con Fotopolímeros. Desde que no 1985 realiza as ilustracións para O misterio do lume de X. Chao Rego, simultánea o labor docente como Catedrática de Ensino Medio coa Ilustración o Debuxo e a Pintura, realizando tamén Libros de Artista, onde as grafías e as cores se alían coa palabra poética.
Descrición
En 2022 instálase esta escultura homenaxe a Exeria, a primeira muller que peregrinou a Terra Santa, iniciativa das Mulleres Cristiás Galegas, co apoio da Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago. A peza escultórica foi inaugurada en2022, ao carón da pérgola do Xardín de Juano Cuadrifonte, que dá inicio ao barrio das Fontiñas.
A escultura está baseada nun debuxo da autoría de Soledad Pite do ano 2012. A súa readaptación escultórica pretende máis que representar ao personaxe, evocalo. Está feita de bronce e supera os dous metros e medio de altura. E na súa parte superior hai estrelas, puntos e palabras en oco para deixar pasar a luz. Cara á parte media fórmase unha liña de horizonte, mediante diferentes pequenos relevos (tamén perforados na súa arte superior) que conforman lixeiras ondulacións representando o mar. Na parte alta poden lerse cinco palabras en latín: dominae, dominae, e sorores lumen meun, extraídas do seu Itinerario, sendo o sentido de lectura diferente desde cada lado da peza, fomentando así o sentido deambulatorio arredor da mesma. Asemade, tamén configuran esta parte alta, elementos de lúa e estrelas troquelados, de xeito que a luz atravesa, con estas formas, cada un dos paramentos.