
Zona verde
Parque do Cancelón de Sar
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escultura
Cronoloxía
2022
Autor
María Xosé Díaz
Historia
Xohana Torres naceu no 1929 en Santiago, cidade na que estudou Filosofía e Letras e comezou a súa carreira literaria, sendo unha das voces máis xenuínas e singulares da poesía galega de posguerra. Poeta, narradora e dramaturga, é unha referencia obrigada na historia da literatura galega da segunda metade do século XX e forma parte das xeracións que, comprometidas coa lingua nos difíciles anos da ditadura franquista, contribuíron á normalización da literatura galega tocando todos os xéneros.
Autora de 13 obras, a maior parte de xénero poético, ingresou na Real Academia Galega no ano 2001 e recibiu, entre outros, os premios Pedrón de Ouro (1972), Premio da Crítica (1981), Medalla Castelao (1996) e Premio da Cultura Galega das letras no ano 2017.
María Xosé Díaz, autora da obra, nacida en Catoira en 1949, estudou Belas Artes en Barcelona. De formación pictórica pero cun forte interese polo volume e o espazo. Gústalle explorar as calidades dos materiais: expresividade, resistencia, posibilidades combinatorias... A través da manipulación e mestura dos materiais, harmonízaos en estruturas xeométricas, ás veces estáticas, e ás veces móbiles.
Descrición
O 4 de outubro de 2022 inaugurouse, no Parque do Cancelón de Sar, unha escultura en homenaxe á escritora compostelá Xohana Torres. A peza, obra da artista María Xosé Díaz, pretende recoñecer o seu papel fundamental na poesía galega da posguerra así como o seu compromiso coa lingua e literatura galega, especialmente durante os anos dos franquismo.
A escultura, inspirada na obra da escritora, está integrada por versos do seu poema Penélope, que forma parte da publicación Tempo de ría do 1992. A peza, que ocupa unha superficie de 9,60 m2, está asentada sobre unha base circular pintada en azul cobalto de 3,5 metros de diámetro e cun espesor de 15 centímetros. Nun cadrado de formigón acaroada contén unha placa, na que ademais dos datos da obra e a autora, poder lerse a reprodución do poema que inspira a peza.