
Zona verde
Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Hórreo
Historia
Os hórreos teñen dende épocas prehistóricas a función de celeiro de cereais (centeo, millo ou paínzo). O hórreo primitivo, neolítico, sería de madeira, circular e sobre piares, para protexer da auga e as rapinas de insectos, roedores e paxaros. Na Idade Media aparecen mencionados xa no século X en Burgos e Huesca, abundando as referencias entre os XII e XIII.
A súas formas e características están condicionadas principalmente polo almacenaxe e secado do millo, un cereal orixinario de América e introducido en Galicia, segundo Fermín Bouza Brey, por Gonzalo de Castro en Mondoñedo no 1604. Foi a partir desta data cando os hórreos cobran unha maior importancia no rural galego, construíndose moitos hórreos nos séculos XVIII e XIX.
As tarefas de curar e desecar o millo condicionan a súa forma: estreito e alto, elevado sobre columnas para estar illado do chan e con aberturas laterais para ventilación, mantendo o grao necesario de humidade e favorecendo a súa conservación.
A voluminosa colleita debe almacenarse para o ano, polo que o hórreo mostra a capacidade produtiva de casa ao ter un volume proporcional á colleita obtida. O seu tamaño, polo tanto, convértese nun elemento de prestixio social ao representar o status da familia á que pertence. Os mellores e máis grandes normalmente eran os que pertencían á Igrexa.
Os hórreos galegos están construídos con materiais locais, que normalmente é madeira, pedra ou mixto. Normalmente son rectangulares, aínda que existen distintas formas de hórreos: redondos, cadrados, octogonais ou en forma de L, adaptándose ao cereal almacenado, ao clima da zona, á cantidade de gran, aos medios económicos dos que se dispoñía ou ás habilidades do construtor.
Descrición
Esta é unha construción popular típica das casas de labranza nos campos galegos, que se situaba preto da eira. Aínda que o nome máis estendido é o de hórreo, segundo a zona tamén pode denominarse cabazo, canastro, celeiro, cabana, caniño, piorno...
O hórreo dos Simeón está realizado en granito. Ao igual que o resto dos hórreos, está formado por tres corpos: o soporte, a cámara e a cuberta.
- O soporte está formado por unha soleira ou base na que se apoian os pés en forma de esteo, tamén chamados pés dereitos ou columnas. Son oito esteos agrupados en parellas, que serven para levantar o a construción para illar o cereal da humidade do chan. As rateiras ou tornarratos están colocadas entre os soportes e a cámara e teñen forma de rodas.
- Sobre o soporte apóiase a cámara, o elemento central do hórreo onde se almacena o cereal. As paredes laterais chámanse costais e as frontais son as penais, e nestas paredes aparecen as aberturas verticais para a ventilación e as portas. Este hórreo ten dúas portas, unha nun penal e outra nun costal, construídas en madeira e pintadas en vermello, o que crea un fermoso contraste co gris da pedra. O acceso realízase mediante escaleiras, que se retiran para que non entren os ratos a comer o millo.
- A cuberta consiste nun tellado a dúas augas cuberto de tellas, formando un beiril pronunciado para protexer as paredes da choiva. Aquí sitúanse os elementos decorativos, coa cruz na cabeceira principal, sobre a porta do penal, que fai do hórreo un lugar sagrado onde se garda o cereal co que se fará o pan, e un bico ou remate piramidal na outra cabeceira.