
Zona verde
Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)
Parroquia
San Fructuoso
Historia
As fincas dos pazos constan tradicionalmente con tres espazos: o xardín como área de lecer, o bosque como fonte de madeira e leña e a horta como lugar destinado á produción de froitos e hortalizas. Fronte á finalidade de estética e recreo que protagoniza o espazo do xardín, na horta prima o utilitarismo das especies vexetais. O paso intermedio entre estas dúas utilidades estaría no bosque, que mentres que é unha fonte de recursos como as hortas, tamén aproveitase a súa sombra como espazo estancial de ocio ao igual que no caso do xardín.
Sabemos polos planos da cidade que no 1796 este terreo, chamado Horta de San Martín, era propiedade do veciño mosteiro beneditino de San Martiño Pinario. O uso do solo estaría polo tanto dedicado á horticultura, informándonos do gusto polas plantacións vexetais que mostraban moitos mosteiros, palacios e castelos que excedía do meramente utilitario.
Continuando coa tradición dos hortus das vilas romanas e dos mosteiros da Idade Media, nas grandes residencias establecíase un xardín hortícola, onde a elección das especies é con fins utilitarios mais sen descoidar na súa organización os fins ornamentais, aliñando as árbores froiteiras no borde dos camiños, en parellas ou con patróns regulares ou xeométricos, adaptados ao tamaño e condicións do terreo para lograr certa ordenación e disposición estética.
Descrición
A zona das hortas da antiga residencia da familia Simeón conta con diferentes tipos de árbores froiteiras e de multitude de loureiros.
- O loureiro ou gamallo (Laurus nobilis) é unha árbore mediterránea que pode alcanzar facilmente os 10 metros de altura, aínda que se coñecen algúns na provincial de Lugo que chegan aos 25 m. Pode formar bosques, entre os que destaca o da Illa de Cortegada, na provincial de Pontevedra.
Teñen follas en forma de punto de lanza, utilizadas dende a antigüidade como condimento de guisos e mariscos, e emprégase na elaboración de escabeches polo seu agradable aroma e pola capacidade de diminuír a flatulencia nas dixestións. Tamén serve para afumar as carnes e outros produtos alimenticios.
O mito grego conta como Apolo perseguía á ninfa Dafne que fuxía del, chegou até os pés do seu pai, no río Peneo, e pediulle que a librase de Apolo. Peneo transformouna nunha árbore, o primeiro loureiro (que se chama dafne en grego) polo que, como os artistas e deportistas identificábanse con Apolo, o deus da luz e da perfección, utilizaban ramas e coroas de loureiro nas súas cerimonias. Símbolo da paz, a gloria e a Vitoria, servía para coroar aos xenerais vitoriosos e aparece con frecuencia nos escudos heráldicos.
Durmirse nos loureiros é sinónimo de emborracharse de éxito e, segundo contan as lendas, tras a figura do Cesar adoitaba situarse un filósofo que á par que sostiña sobre a súa cabeza a coroa de loureiro, repetía incesantemente: non esquezas que só es un home.
- A maceira ou mazaira (Malus pumila) é unha arboriña caducifolia de até 7 metros de altura, que florece en primavera e da froitos que maduran en verán e outono. Estas mazás, moi apreciadas por ser comestibles, son algo ácidas e poden empregarse para a destilación na sidra e licores como o calvados. No Imperio Romano xa se coñecían 20 variedades de mazás, e na actualidade existen máis de 7,000, expandidas por todo o mundo. A mazá asóciase ao pecado, por ser a causa da expulsión de Adán e Eva do Paraíso, e tamén á discordia, xa que era o premio no xuízo de Paris por elixir á deusa máis fermosa entre Hera, Atenea e Afrodita, o que daría lugar á Guerra de Troia.
- A cerdeira ou cereixeira (Prunus avium) é unha árbore que alcanza até 25 metros de altura e aparece de forma esporádica nos bosques caducifolios setentrionais da Península Ibérica. Está en floración desde mediados da primavera a principios de verán cunhas fermosas flores brancas, agrupadas en parellas, que se transforman en froitos chamados cereixas, que maduran en verán. Cultívase amplamente para a obtención destes froitos, aínda que a madeira tamén é de utilizada por ser unha das máis vistosas, duras e recoñecidas actualmente. É unha das poucas madeiras, xunto coa do piñeiro, das que aínda se fabrican algúns mobles macizos.
- A pereira (Pyrus communis) é unha arboriña nativa do leste de Europa e do Cáucaso, que ás veces presenta espiñas nas ramas. Ten flores pentámeras agrupadas en inflorescencias de tipo corimbo, de pétalos brancos e estames numerosos. O froito é un pomo carnoso de aspecto globoso e consistencia dura chamado pera, apreciada como froito comestible ou para a elaboración de sidra. É unha especie moi rústica e resistente, incluso pode colonizar solos degradados, polo que a miúdo emprégase como patrón para enxertar outras árbores froiteiras.