
Zona verde
Parque da Finca do Espiño
Parroquia
San Fructuoso
Historia
Continuando coa tradición dos hortus das vilas romanas e dos mosteiros da Idade Media, nas grandes residencias establecíase un xardín hortícola, onde a elección das especies é con fins utilitarios mais sen descoidar na súa organización os fins ornamentais, para lograr certa ordenación e disposición estética.
Estes coidados hortus medievais evolucionarán cara os xardíns dos pazos e das casas señoriais galegas, que servían para incrementar o rango simbólico do poder e status da familia residente nestas moradas ao igual que a arquitectura de ostentación da vivenda.
Os xardíns servían como espazo de respecto, para incrementar o efecto da arquitectura do edificio principal nos visitantes, complementar o resto da vexetación hortícola e forestal do terreo, e para engadir un lugar de ocio, recreación e esparexemento.
Estes xardíns centrábanse no cultivo de especies ornamentais e exóticas, entre as que destacaba o uso da camelia. Tamén aparecen diversas plantas procedentes de afastados países, que chamaban a atención pola súa floración ou pola coloración das súas follas.
Este afán por adornar as casas con plantas alóctonas redundou na gran riqueza botánica dos xardíns, facilitado polo clima oceánico e a fertilidade do chan galego, que permitía o crecemento das plantacións máis variadas.
Descrición
Dentro do xardín ornamental destacan os espazos ocupados pola horta ornamental, as roseiras e o estanque, situados na parte de atrás do palacete, xunto á porta do garaxe de carruaxes.
Esta fermosa horta ornamental está formada por alcachofas, acelgas, amorodos e outras plantas hortícolas que aportan a súa beleza aos terreos e proporcionan o hábitat e os recursos necesarios para paxaros e insectos. Combínanse con plantas aromáticas e de flor como caléndula, col ornamental, capuchina, xirasol, romeu ou lavanda.
O espazo concíbese como unha horta-xardín, na que se manteñen os parámetros que definen o espazo agrícola, mais na que as especies restrínxese ás plantas medicinais, aromáticas e culinarias, favorecendo o contacto da cidadanía cos ciclos de cultivo.