Parroquia
San Fructuoso
Historia
A sociedade urbana actual demanda zonas de esparexemento no medio natural, de aí a necesidade de promover zonas verdes, parques, áreas recreativas e itinerarios rurais de sendeirismo que lles facilitan aos cidadáns un maior contacto coa natureza e unha estancia agradable en beneficio da súa saúde.
O proxecto das hortas municipais que pretende proporcionar á veciñanza un xeito de ocupar o seu tempo de lecer e contribuír ao mantemento e diversificación dos aproveitamentos dos parques e outros espazos públicos. Nestas hortas municipais promóvese a práctica da horticultura ecolóxica, as técnicas agrarias tradicionais e os hábitos de vida saudables.
Os primeiros hortos urbanos xurdiron durante o século XIX nos barrios obreiros da industrialización, onde algúns gobernos cederon parcelas aos obreiros. Na primeira metade do século XX, estes hortos proliferaron de novo, sobre todo nos anos das grandes guerras. Estados Unidos, Reino Unido ou Alemaña utilizaron terreos e soares que quedaran tras a destrución dos edificios para paliar así a carestía de alimentos básicos entre a poboación.
A aparición de movementos ecoloxistas nos 70 repiten esta solución nas grandes cidades dos Estados Unidos, onde o grupo Green Guerrilla ocupaba soares para convertelos en hortas como unha resposta ao sistema. No sur de Europa a cultura das hortos urbanas foi máis tardía, aínda que pouco a pouco van xurdindo proxectos interesantes e que teñen grande aceptación por parte da poboación.
As primeiras hortas urbanas municipais de Santiago de Compostela naceron no ano 2008 na parte alta do Parque de Belvís como unha experiencia pioneira, xa que foron as primeiras en establecerse en Galicia, dentro dun proxecto que despois veríase continuado co establecemento de outras zonas de hortas situadas noutras zonas verdes municipais. Esta experiencia serviu de referencia para outros concellos, tanto dentro como fóra de Galicia, que se interesaron polo seu funcionamento. Tamén a Escola de Arquitectura da Coruña ou a Universidade de Vigo téñense interesado polo proxecto das hortas urbanas municipais do Concello de Santiago de Compostela.
A continuación, o proxecto das Hortas Urbanas de Compostela continuouse coa ampliación das hortas de Belvís, habilitándose 26 hortas máis na parte baixa do parque no 2010. Estas aumentaron de novo en 2012, coas 39 hortas do Parque de Cotaredo (Fontiñas), co que se sumaban xa 95 parcelas. En 2016 creáronse tres novas zonas hortícolas: no Parque do Monte da Almáciga, con 32 hortas, na Caramoniña con 21 e nas Brañas de Sar, con 54 parcelas. Isto fixo que se duplicasen amplamente as hortas dispoñibles para a veciñanza, alcanzando a cifra de 202 hortas urbanas municipais. E coa habilitación das 38 hortas de Santa Marta e as 53 do Campo das Hortas en 2019, as hortas urbanas municipais demostran ser unha iniciativa salientable entre a poboación compostelá.
O proxecto municipal de hortas urbanas serve como un excelente nexo interxeneracional, pois fomenta o diálogo e o intercambio de coñecementos sobre a arte de cultivar a horta entre os maiores que a traballan dende sempre, os usuarios máis mozos que aprenden, e as visitas de escolares e outros colectivos, que comparten o aprecio pola agricultura e o afán por descubrir os segredos da terra.
Favorécense ás persoas xubiladas na adxudicación de hortas como medio de paliar a falta de recreo específica para este colectivo nunha contorna urbana e a necesidade de actividade física coa que manterse activos, proporcionándolles un espazo para cultivar. Esta actividade produce beneficios físicos e psicolóxicos para a saúde destas persoas mediante uns cambios moi importantes nos seus hábitos. Por un lado ofrecéselles ás persoas maiores unha oportunidade de aprendizaxe e formación mediante o estudo, as charlas, a lectura e o traballo manual e por outra espérase da súa experiencia e sabedoría adquirida ao longo dos anos achegas que enriquezan o conxunto das persoas e a sociedade.
Nas hortas urbanas municipais poderemos atopar unha gran variedade de plantas comestibles, ademais de aromáticas e ornamentais. Entre os cultivos hortícolas destaca a presenza de acelgas, allos, amorodos, cebolas, chícharos, grelos, espinacas, fabas, chícharos, feixóns, leitugas, patacas, pementos, porros, remolachas, tirabeques, tomates ou cenorias. Serven para o autoconsumo das unidades familiares formadas polas persoas concesionarias de cada parcela, que vense de este modo beneficiadas dunhas hortalizas frescas, de tempada e sen tratar con produtos químicos.
Dende que comezou esta experiencia, as hortas urbanas municipais están todas ocupadas por usuarios interesados nesta experiencia pioneira, e mantense unha lista de agarda para substituír as baixas que se puidesen ocasionar. O feito de que todas as parcelas estean adxudicadas e a existencia dunha extensa listaxe de agarda proba o grande interese que este proxecto das hortas urbanas municipais esperta entre a poboación compostelá.
Descrición
No ano 2012 remataron as obras de urbanización do polígono 4 de Fontiñas, que dotaron á área de Concheiros e Fontiñas de 28.000 metros cadrados de zona verde coa inauguración do Parque de Cotaredo, un elemento importante para a revalorización do espazo e no que se implantou un parque infantil, un circuíto biosaúdable e unha zona de hortas urbanas municipais. Os novos terreos destinados a hortas están formados por 39 parcelas de entre 20 e 45 metros cadrados que ocupan un espazo libre de 1.500 metros cadrados útiles anexo á rotonda de Concheiros.
Coa adxudicación destas hortas avanzouse na consecución dos obxectivos previstos no proxecto social das hortas urbanas municipais: establecer a diversificación dos aproveitamentos dos parques, posibilitar neles usos tradicionais, contribuír á posta en valor da agricultura ecolóxica, aumentar a valoración do consumo de alimentos sans e de calidade, fomentar entre a veciñanza unha ocupación saudable para o tempo de lecer, fomentar o exercicio físico e favorecer a convivencia e o troco de coñecementos e experiencias.
Data de construcción
2012