
Parroquia
Sabugueira
Tipoloxía
Igrexa
Cronoloxía
1840
Historia
A gran maioría das igrexas parroquiais galegas proveñen dun modelo consolidado durante a época Románica, cando a partir do ano 1000, Europa vestiuse dun manto de igrexas.
A pesar das diferenzas rexionais e da complexa realidade destas manifestacións artísticas, o Románico é a primeira arte europea cuns trazos comúns. A unidade vénlle dada pola existencia dun sentimento relixioso común, xa que neste mundo fragmentado o cristianismo converterase nun importante elemento unificador.
A Igrexa ten un enorme poder social e económico e unha autoridade indiscutible, exercendo un auténtico monopolio sobre a cultura da época. Por iso é polo que a arte medieval sexa unha arte esencialmente relixiosa, promovida pola Igrexa e destinada aos fieis cristiáns. Os elementos unificadores deste estilo serán as ordes relixiosas e a aplicación da liturxia romana en toda a cristiandade e as vías de peregrinación tras a reforma gregoriana. Todo iso reflicte a profunda relixiosidade e fervor do mundo medieval.
É unha arquitectura que responde aos principios de monumentalidade e perdurabilidade. Monumentalidade, posto que a grandiosidade dos edificios debía servir para reflectir a importancia da Igrexa. Perdurabilidade, debido a que se trataba dunha arquitectura feita para durar eternamente. A estas esixencias responden as súas características técnicas.
A igrexa é a manifestación máis característica da arquitectura medieval, un espazo que ha de servir como lugar de reunión dos fieis. O seu material fundamental de construción é a pedra, en forma de perpiaño (pedra labrada en forma de paralelepípedo) ou de cachotería (pedras pequenas sen labrar).
Atopamos algúns exemplos de planta central (circular ou poligonal), sen embargo a máis utilizada será a planta basilical, de longa tradición nos edificios relixiosos dende a arte Paleocristián. Está dividida en tres ou cinco naves, a central de maior altura que as laterais. Na diferenza de alturas ábrense xanelas para iluminar o espazo interior.
Pode existir unha nave transversal, chamada transepto, que marca a separación entre o espazo dos fieis e o espazo sacro do presbiterio, situado na zona da cabeceira e que recibe o nome de ábsida, debida á súa planta semicircular.
En alzado, os principais elementos sustentantes son o muro, o piar e as columnas, mais sen respectar as proporcións clásicas e abandonando o emprego das ordes. O capitel ten enorme importancia para a decoración escultórica.
Nas cubertas usouse en principio a madeira, seguindo a tradición das primeiras basílicas cristiás, mais os frecuentes incendios expuxeron a necesidade de comezar a utilizar cubertas de pedra. Esta será a achega máis importante da arquitectura Románica, o abovedamento en pedra de todo o edificio, que contaba xa con antecedentes na arte visigoda e na asturiana.
O exterior destaca pola claridade dos seus volumes e pola perfecta correspondencia entre o exterior e o interior do edificio. O acceso principal á igrexa é a través da portada, que adoita estar flanqueada por torres, reflectindo na súa estrutura e disposición a organización interior do templo.
Descrición
Igrexa parroquial de grandes dimensións, con cemiterio anexo, de traza clasicista e planta rectangular dunha soa nave. Está asentada nun outeiro ao que se accede por unha ampla escalinata con árbores ás beiras. O interior é amplo, dunha nave cuberta con bóveda de canón sostida por arcos faixóns sobre pilastras apegadas ao muro, marcando os tramos de grande amplitude da nave. Muros encalados agás os arcos, coa cornixa e as pilastras moldeadas.
Sobre a entrada, no primeiro de ditos tramos, ten unha gran tribuna de madeira que asenta sobre pequenas ménsulas de granito. O segundo tramo conta cunha porta lateral e enfronte un pequeno altar con fornela albergando unha imaxe en madeira de Santa Bárbara. O seguinte tramo, o inmediatamente ao anterior, presenta retablos neoclásicos embutidos no muro. A iluminación da nave é a través de vans cuadrangulares con derrame, abertos no arranque da bóveda nos dous últimos tramos da nave.
Fachada de cantería tipicamente neoclásica. A entrada principal con porta alintelada flanqueada por dúas pilastras que sustentan sobre os seus capitais unha moldura redonda vertical. Enriba da porta, un van semicircular con vidreira remata o frontispicio en triángulo, baleiro de decoración, co vértice roto para erguer a torre de catro vans, tambor e cupuliña. Nos ángulos da cornixa, remates con forma de fachos. Ao igual que no interior, muros encalados agás as pilastras, base e cornixa.