
Parroquia
Villestro
Tipoloxía
Igrexa
Cronoloxía
Século XIX
Historia
A gran maioría das igrexas parroquiais galegas proveñen dun modelo consolidado durante a época Románica, cando a partir do ano 1000, Europa vestiuse dun manto de igrexas.
A pesar das diferenzas rexionais e da complexa realidade destas manifestacións artísticas, o Románico é a primeira arte europea cuns trazos comúns. A unidade vénlle dada pola existencia dun sentimento relixioso común, xa que neste mundo fragmentado o cristianismo converterase nun importante elemento unificador.
A Igrexa ten un enorme poder social e económico e unha autoridade indiscutible, exercendo un auténtico monopolio sobre a cultura da época. Por iso é polo que a arte medieval sexa unha arte esencialmente relixiosa, promovida pola Igrexa e destinada aos fieis cristiáns. Os elementos unificadores deste estilo serán as ordes relixiosas e a aplicación da liturxia romana en toda a cristiandade e as vías de peregrinación tras a reforma gregoriana. Todo iso reflicte a profunda relixiosidade e fervor do mundo medieval.
É unha arquitectura que responde aos principios de monumentalidade e perdurabilidade. Monumentalidade, posto que a grandiosidade dos edificios debía servir para reflectir a importancia da Igrexa. Perdurabilidade, debido a que se trataba dunha arquitectura feita para durar eternamente. A estas esixencias responden as súas características técnicas.
A igrexa é a manifestación máis característica da arquitectura medieval, un espazo que ha de servir como lugar de reunión dos fieis. O seu material fundamental de construción é a pedra, en forma de perpiaño (pedra labrada en forma de paralelepípedo) ou de cachotería (pedras pequenas sen labrar).
Atopamos algúns exemplos de planta central (circular ou poligonal), sen embargo a máis utilizada será a planta basilical, de longa tradición nos edificios relixiosos dende a arte Paleocristián. Está dividida en tres ou cinco naves, a central de maior altura que as laterais. Na diferenza de alturas ábrense xanelas para iluminar o espazo interior.
Pode existir unha nave transversal, chamada transepto, que marca a separación entre o espazo dos fieis e o espazo sacro do presbiterio, situado na zona da cabeceira e que recibe o nome de ábsida, debida á súa planta semicircular.
En alzado, os principais elementos sustentantes son o muro, o piar e as columnas, mais sen respectar as proporcións clásicas e abandonando o emprego das ordes. O capitel ten enorme importancia para a decoración escultórica.
Nas cubertas usouse en principio a madeira, seguindo a tradición das primeiras basílicas cristiás, mais os frecuentes incendios expuxeron a necesidade de comezar a utilizar cubertas de pedra. Esta será a achega máis importante da arquitectura Románica, o abovedamento en pedra de todo o edificio, que contaba xa con antecedentes na arte visigoda e na asturiana.
O exterior destaca pola claridade dos seus volumes e pola perfecta correspondencia entre o exterior e o interior do edificio. O acceso principal á igrexa é a través da portada, que adoita estar flanqueada por torres, reflectindo na súa estrutura e disposición a organización interior do templo.
Descrición
Igrexa parroquial de estilo barroco clasicista, construída segundo a arquitectura popular: en pedra granítica os muros e a cuberta de tella a dúas augas.
Comezada a finais do século XVIII, acabouse de construír durante o século XIX. De grandes dimensións, a súa planta é de cruz latina, os muros de cantería en granito e a cuberta de tella a dúas augas. A ábsida está orientada cara ao poñente do sol. A fachada monumental remata nunha torre-campanario de orde xónica e cun reloxo no centro da fachada. A portada de medio punto dá acceso a un pórtico que precede ao interior do templo. A sancristía, de planta cuadrangular, está acaroada ao lateral da cabeceira e cóbrese cunha bóveda de cruzaría de gran beleza. O interior, de grandes dimensións, é dunha única nave cuberta por unha bóveda de canón sostida por arcos faixóns sobre pilastras que marcan os tramos da nave. No interior, e seguindo as características clasicistas, podemos contemplar os retablos laterais que están dedicados respectivamente á Virxe do Carme e a San Roque, e o retablo maior está presidido pola Virxe María, flanqueada por San Xosé co Neno e San Xoán Bautista.
Hai dúbidas sobre a antigüidade desta Igrexa, mais tal e como a vemos hoxe en día, pódese dicir que foi obra de dous mestres. O primeiro deles don Francisco Mira e o segundo don Tomás del Río, sendo este último o encargado de levantar a fachada seguindo probablemente os planos de Miguel Ferro Caaveiro. Os promotores da dita obra foron o médico don José Fariña del Valle e o seu sucesor e sobriño don José de Soto y Fariña.
Unha das características desta igrexa é que consta de sete altares: o altar maior e os colaterais foron construídos e tallados no ano 1802 polo mestre escultor don Antonio del Río. O retablo do altar maior é obra do mestre don Benito de Pazos e as imaxes da Virxe María, San Xoán Bautista e San Xosé, que se atopan nel, foron encargadas ao escultor don Bartolomé Fernández.