Zona verde
Parque de Salgueiriños
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Illa de compostaxe comunitaria
Descrición
A directiva europea de residuos do ano 2008 sinala o obxectivo de que, no ano 2020, o 50% dos residuos domésticos sexan reciclados ou recuperados, e por isto é prioritario actuar sobre os restos orgánicos, que supoñen aproximadamente o 42% da bolsa do lixo das familias. Para acadar este obxectivo, o Concello de Santiago de Compostela promove a compostaxe dos residuos orgánicos cun proxecto integral baseado no principio de proximidade é dicir, na compostaxe doméstica e comunitaria realizada polos propios cidadáns.
Para incentivar a compostaxe doméstica, o Concello repartiu durante os últimos anos, composteiros individuais entre os veciños que o solicitaron, para a realización de compostaxe nos seus domicilios. O principal requisito foi o de dispor dunha vivenda habitual que conte cunha pequena zona verde, un xardín ou unha horta onde poder colocar o colector especial ou compostador, que se proporciona para o tratamento dos restos orgánicos, transformándoos nun abono de calidade que é usado na propia horta ou xardín pechando así o ciclo da materia orgánica.
En canto á compostaxe comunitaria, a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia puxo en marcha no 2016, un proxecto piloto co obxectivo de implicar e concienciar ás familias compostelás da necesidade de que sexan responsables coa xestión dos residuos que xeran. Para iso, comezouse coa creación de tres illas de compostaxe comunitarias nos barrios de Galeras, Santa Marta e Salgueiriños.
A illa de compostaxe comunitaria de Galeras está situada na rúa das Galeras, preto da parada do autobús urbano.
Esta illa, ao igual que as outras existentes na cidade, é utilizada directamente polas familias que o desexen, ás que se lles facilita a entrada á zona de compostaxe, posto que esta conta cun acceso restrinxido. Cada illa de compostaxe é utilizada por entre 60 e 80 familias.
O funcionamento destas áreas é simple: é a propia veciñanza a encargada de separar na casa os restos orgánicos, tanto cociñados como sen cociñar, para posteriormente levalos a estas illas e depositalos no interior dos composteiros, mesturándoos con restos de herba e poda triturada. Estes serven como material estruturante, que serve tanto para evitar que os residuos podrezan e produzan cheiros desagradables, como para facilitar que todos os materiais sexan convertidos rapidamente en compost.
Cada illa dispón de tres composteiros, que se van enchendo de xeito progresivo, para que no primeiro estea finalizado o proceso de compostaxe e poida baleirarse cando o terceiro estea cheo. Un traballador do departamento municipal de Parques e Xardíns encárgase de supervisar semanalmente que o proceso funciona axeitadamente.
O contacto coas familias ás que están destinadas as illas de compostaxe para informalas do proxecto realizouse a través dos centros socioculturais e das asociacións de veciños dos barrios nos que están situadas. Complementariamente, Concello porá en marcha un programa educativo en colaboración con ADEGA, que se encargará de formar e informar ás familias participantes, sobre todo co que ten que ver coa compostaxe. Existe outra illa de compostaxe no CEIP Raíña Fabiola, xa que ao contar coa participación dun colexio nesta iniciativa, incídese na importancia que o labor educativo ten que ver coa axeitada xestión de residuos.
O proxecto das illas de compostaxe do Concello de Santiago de Compostela está relacionado con outros que xa se están a levar a cabo noutros puntos tanto a nivel galego, como o de Allariz, coma noutros lugares como Navarra, Cataluña ou o País Vasco.
Data de construcción
2016
Información
A compostaxe comunitaria é un sistema de tratamento de residuos que implica a participación cidadá na xestión dos residuos orgánicos e reporta amplos beneficios ambientais, sociais e económicos. Dende hai varias décadas, a compostaxe comunitaria é unha realidade no tratamento dos residuos orgánicos en moitas localidades europeas e norteamericanas. Numerosas experiencias municipais e cidadás veñen desenvolvéndose no noso país desde fai só dez anos, mais merecen ser tidas en conta polas súa importancia na xestión de residuos.
A compostaxe comunitaria pode definirse como un sistema de tratamento centralizado dos residuos orgánicos xerados por un colectivo ou comunidade. Fronte á compostaxe doméstica, a comunitaria ten unha maior participación e implicación ao ser unha actividade colectiva. Ademais, as iniciativas de compostaxe comunitaria teñen un forte compoñente educativo e de concienciación para a redución e transformación dos restos orgánicos.
Segundo os datos da Rede de Entidades Locais pola Compostaxe Doméstica e Comunitaria (Composta en Rede), en 2012 existían 115 municipios con experiencias de compostaxe doméstica, agrupados en sete comunidades autónomas (Cataluña, Navarra, País Vasco, Andalucía, Asturias, Madrid e Galicia). Cada vez máis, as entidades locais consideran a compostaxe comunitaria como un elemento principal na xestión global dos residuos municipais, e chegan mesmo a ser, xunto á compostaxe doméstica, a única forma de tratamento dos residuos orgánicos (sobre todo en comarcas rurais de Cataluña).