
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escultura
Cronoloxía
2020
Autor
César Lombera
Historia
Isaac Díaz Pardo (1920-2012) foi un artista polifacético que participou en todo tipo de iniciativas vinculadas ao galeguismo e á cultura galega. Aínda que a súa traxectoria artística se iniciou na pintura e no deseño, Díaz Pardo foi a alma de proxectos como o Laboratorio de Formas de Sargadelos con Luís Seoane, Cerámicas do Castro, o Museo Carlos Maside...
Compostelán de nacemento, Isaac foi a voz da memoria e do sentimento da Galicia previa a 1936 e trouxo até nós o espírito daquel tempo que dignificou o país, a súa lingua e a súa cultura e soñou cun tempo de progreso que tardaría en chegar. A súa vida foi unha reivindicación daquel esforzo e un labor constante por transmitirllo ás xeracións do presente.
Descrición
A figura miúda e sempre en movemento de Isaac Díaz Pardo conformou unha estampa común na cidade, sendo un persoeiro moi recoñecido nela. Pola súa enorme achega á Galicia que hoxe vivimos, a cidade encargou esta escultura para celebrar o centenario do seu nacemento e para deixar testemuño do seu agradecemento.
A escultura é obra de César Lombera. Neste retrato, vemos unha representación de Isaac na mediana idade, sentado, gozando dunha fermosa vista sobre o seu querido barrio das Hortas.