
Zona verde
Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Yucca aloiflora L.
Nome común en galego
Iuca
Nome común en castelán
Yuca, bayoneta Española o planta daga
Características
Está situada no xardín traseiro de Casa Europa, ao bordo do camiño que conduce cara a sede da SGAE. Ten un bo porte e está ramificado en tres pólas principais, coroadas polas características rosetas de follas con forma de espadas e polos seus acios de flores brancas.
Orixe e distribución
O xénero Yucca inclúe unhas 40 especies de plantas de flor oriúndas do sueste dos Estados Unidos e México. Adoitan están asociadas con rexións áridas e desérticas. Crece en chans areentos, especialmente nas dunas de area da costa leste de América do Norte e nas illas do Caribe, mais o seu atractivo aspecto e rusticidade fai que se cultiven amplamente como especies ornamentais en todo o mundo.
Descrición
De porte arbustivo, ás veces tórnase en pequena palmeira de até uns 7 metros. O talo é robusto, a miúdo bifurcado, e está coroado por unha roseta de follas alongadas en forma de espada, de cor verde azulada, que rematan nunha aguda espiña.
As flores, de cor crema, de bo tamaño e moi rechamantes, agrúpanse en acios de longas panículas erectas a finais de primavera e en verán. A súa polinización depende dunha pequena traza (Tegeticula sp.) que introduce unha pequena bóla de pole no estigma de cada flor ao depositar os seus ovos, nunha relación beneficiosa para ambos os dous e vital para a supervivencia de tanto a planta coma o insecto. De feito, as plantas cultivadas en Europa non producen semente se non son polinizadas a man, debido á ausencia das trazas da iuca.
Etimoloxía
O xénero foi descrito por Carlos Linneo en 1753. O nome xenérico dado por Linneo deriva por erro da palabra taína (yucca) que recolle a antiga denominación popular atribuída en América Central a outra iuca, a Manihot esculenta, da que se extrae unhas fariñas comestibles, a mandioca e a tapioca. Aloifolia é un epíteto latino que significa "como as follas de aloe".
Na parte baixa do Medio Oeste de Estados Unidos denomínallelas fantasmas no cemiterio, porque é frecuente o seu crecemento nos cemiterios rurais.
Usos
Aínda que o seu uso ornamental máis común foi en exteriores, tolera ben o cultivo en interior se ben presenta o inconveniente das súas afiadas pugas. Frecuentemente tivo un uso militar nos seus lugares de orixe, de maneira que se creaban plantacións a xeito de estacadas para dificultar así o acceso dos inimigos.
Os talos e froitos de moitas especies de iucas son comestibles, tanto crus coma cociñados. As follas conteñen fibras alongadas que poden retirarse doadamente da planta para fabricar canastros, alfombras cordas, roupa e calzado. Os tubérculos das iucas son moi ricos en saponinas e tradicionalmente foron utilizados polos nativos de México para fabricar a xabón coa que lavaban a roupa, o cabelo e o corpo.