mainimg
Código: BE021
-
Espazos Singulares
Localización

Zona verde

Parque de Belvís

Barrio

Belvís-Trisca

Parroquia

San Fructuoso

Información

Historia

Moitas culturas utilizaron os labirintos desde a antigüidade. En Exipto hai referencias dun palacio composto por máis de trescentas habitacións, conectadas entre si de tal forma que confundían a quen as percorría, para protexer as cámaras funerarias dos ladróns de tumbas. Na Grecia clásica o mito di que no palacio de Minos en Knossos na Illa de Creta, atopábase o labirinto deseñado por Dédalo, onde residía o Minotauro.

Será máis tarde, a partir do Renacemento, cando se construíron labirintos nos xardíns feitos con sebes recortadas. Tiñan un uso recreativo, de entretemento, e servían como lugar de encontros clandestinos e galantes.

Dacordo ao seu trazado existen dous tipos de labirinto:

- Unicursais: teñen un só percorrido posible. Dende a entrada o camiño, aínda que tortuoso, lévanos inexorablemente ao final, sen hai posibilidade de perderse.

- Multicursais son aqueles en que as eleccións de camiños son múltiples e non todos nos guían até unha saída. Está cheo de canellóns sen saída ou voltas que nos levan por onde xa pasamos.

Se nos centramos no uso de material vexetal para a súa construción, hai varias clases:

- Labirintos feitos con sebes podados: en xeral úsanse especies como o buxo e o teixo (Taxus baccata).

- Labirintos con outras especies: poden ser os demarcados no chan por áreas con herba e carreiros de grava, ou os realizados con millo ou xirasol, comúns nas áreas agrícolas, que están trazados dentro dos campos destes cultivos.

Descrición

É un conxunto dividido en tres labirintos idénticos formados por arbustos de camelia (Camellia japonica) o único en toda Europa do que se ten coñecemento, aínda que nalgúns países como Portugal ou Italia, a camelia se emprega xa desde hai 150 anos para a formación de barreiras protectoras e sebes. Os labirintos vexetais máis coñecidos están formados por buxos (Buxus sempervirens).

A parcela onde están situados forma una terraza ampla e inclinada encaixada entre muros, a carón do regato Cancelón do Sar. Os labirintos ocupan unha superficie de 4000 metros cadrados e teñen unha altura media de 1,80 metros, formados por un total de 1700 pés de camelia.

Teñen forma cadrada e están provistos de catro entradas ou saídas, unha en cada lado, cun percorrido que pode conducir cara a canellóns sen saída ou á parte central, un espazo rectangular despexado, formando unha pequena praza entre os estreitos corredores do labirinto.

As obras de realización dos labirintos duraron dous meses, e unha tubaxe de seis quilómetros percorre os corredores para a rega dos arbustos, xa que un labirinto co firme sementado con céspede non pode ser regado por aspersión, senón por un sistema de gotexadores.

Substituíu a un conxunto anterior de labirintos creados con canas de bambú que ocupaba aquel terreo desde xuño de 2004. No verán de 2010 remodelouse a zona debido á construción dun colector de pluviais. Aproveitouse para a substitución dos bambús por camelias, por estar considerado o bambú como planta invasora. Conservouse a factura cadrada na forma e a disposición en rúas cun eixo lonxitudinal.

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)