Zona verde
Parque da Lagoa de Cornes
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Lagoa
Historia
A zona da valgada de Cornes aparece representada, na cartografía do Instituto Geográfico Nacional de 1943 e 1944, como unha área de cultivos. Na citada cartografía, non aparece recollida ningunha referencia á lagoa. Si aparece reflexada a chegada da auga recollida da valgada de Cornes, no seu extremo sur, a través dun fluxo superficial temporal e difuso cara o río Sar.
Na fotografía aérea do Voo Americano (USAF 1945-1956), distínguese como o espazo constitúe unha área agrícola, non apreciándose signos da presenza dunha lagoa. Nos sucesivos voos dispoñibles, entre 1945 y 1986, obsérvase unha situación similar, manténdose a paisaxe agrícola tradicional na contorna e a ausencia de signos que evidencien a presenza dunha lámina de auga.
En todas as fotografías aéreas, apréciase a existencia dun terraplén na parte baixa do espazo, sobre o cal descorre a vía do ferrocarril. Na cartografía aparece debuxado un paso baixo o citado terraplén que serviría de desaugue ás augas procedentes da valgada de Cornes cara o río Sar. Este paso pódese apreciar á súa vez nas diferentes fotografías aéreas dispoñibles. A construción do terraplén e a nova vía data de 1943, momento no que a estación de ferrocarril actual substitúe á antiga estación de Cornes. Na fotografía do ano 2012, xa aparece construído o actual viaduto que substitúe a unha parte do antigo terraplén, observándose a lagoa no seu estado actual.
No referente ás pradarías hiperhúmidas, pódese afirmar que o espazo constituíu unha área agrícola tradicional na cal, a presenza dun substrato pouco permeable, determinaría a presenza da auga preto da superficie, e que o uso predominante sería como pasteiros húmidos seminaturais.
O espazo encádrase nunha paisaxe periurbana, na cal se estableceu dende antigo un uso agrícola tradicional, que persistiría até finais dos anos 1980. Este uso relacionaríase coa presenza de pradarías seminaturais de carácter húmido, debido á tendencia ao asolagamento dos terreos. En canto á lagoa, non existe ningún dato que permita afirmar a presenza dunha lagoa na contorna con anterioridade á década de 1980.
Nas fotografías aéreas dispoñibles, obsérvase como na obra inicial de unión da vía do ferrocarril coa nova estación de tren de Santiago, as vías discorrían sobreelevadas pola creación dun terraplén de grandes dimensións que se estendería dente o túnel construído sobre a estrada de Ourense até o actual túnel baixo a estrada SC-11. Este terraplén aparece reflexado na cartografía de 1943.
Nas obras de construción da dobre vía convencional neste treito, substitúese unha parte do terraplén polo actual viaduto, que será finalmente reformado e duplicado coas obras de entrada do tren de alta velocidade na cidade. Dado que as obras de entrada da alta velocidade realizáronse con posterioridade ao “descubrimento” da lagoa, é probable que esta se formase a raíz das obras realizados durante os traballos de desdobramento da dobre vía convencional. A obra do mencionado terraplén, realizada en 1943, rompeu a conexión entre a valgada de Cornes e o río Sar, aínda que o paso da auga mantíñase pola presenza dun paso que aparece sinalado na cartografía da década de 1940.
Tras as obras de construción do desdobramento da vía, non se recuperou a situación inicial, quedando o terreo baixo o novo viaduto, elevado con respecto á valgada de Cornes e ao río Sar. Deste xeito, aínda que se eliminou o terraplén, non se restableceu a conexión superficial e directa entre a valgada e o Sar. Moi probablemente, durante estas obras estableceuse a situación actual, cun terreo sobreelevado que separa a valgada e a canle do Sar, sen unha conexión superficial ou subterránea, baixo o terraplén, directa para as augas entre ambos espazos.
Esta situación, sería con toda probabilidade a que propiciase que a zona de menor cota da valgada, acumulase as augas recollidas no val. A presenza dun substrato de estrutura limosa, pouco permeable e a ausencia dun desaugue directo das augas, conduciría ao estancamento da auga e a formación da lagoa.
Descrición
A Lagoa de Cornes recolle as augas de dous mananciais emprazados no núcleo de Cornes, un asociado a unha fonte e outro a un lavadoiro. Estas descorren valgada abaixo, até que finalmente rematan, a través do subsolo, no leito do río Sar.
Na actualidade, a contorna presenta o aspecto dunha paisaxe agrícola abandonada, con predominio de especies herbáceas e arbustivas de carácter ruderal. Aprécianse signos de presenza da auga no terreo, principalmente na contorna da fonte e o lavadoiro ou na parte central da valgada de Cornes, que representaría o percorrido difuso da auga cara o fondo da valgada. A lagoa presenta actualmente un estado de naturalización elevado, sendo o seu estado de conservación aceptable.
Son claramente visibles signos dunha forte oscilación anual da lámina de auga, amosando a marcada influenza da estacionalidade na conformación da zona húmida. Este ritmo viría determinado pola configuración bioclimática da contorna. Deste xeito, durante os meses invernais, os grandes aportes de auga e a dificultade de saída so sistema da mesma, propicia un acusado incremento da lámina de auga. Por contra, durante os meses estivais, a elevada evapotranspiración e o descenso da precipitación, determinan os mínimos valores de extensión da lagoa. Pese a elevada evapotranspiración rexistrada en Compostela, a lagoa mantén sempre auga durante o verán.
A presenza de algas en superficie durante os meses estivais, relacionaríase con fenómenos de eutrofización, relacionados coa presenza de altas temperaturas e un baixo nivel de auga na lagoa, durante esta estación.
No 2017 realizáronse traballos para o acondicionamento da contorna da lagoa, co obxectivo de gañar un novo espazo verde para a cidade, potenciando un espazo natural moi singular, malia estar rodeado de infraestruturas. Estes traballos consistiron na limpeza e retirada de lixo, eliminación dalgunhas especies exóticas invasoras que puideran afectar á biodiversidade da lagoa, plantación de carballos e sementeira de pradaría natural. Ademais acondicionáronse tres sendeiros, dous pola zona central do ámbito e outro polo bordo, para conectar coa rúa Escultor Camilo Otero. Tamén se crearon dúas zona de miradoiro. Unha delas aproveita o punto máis alto na contorna, e trátase dun miradoiro singular, con paredes de madeira nas que se abren uns ocos dende os que se pode observar a lagoa sen afectarlle á súa protección. A outra zona é unha especie de área de descanso na que se instalaron uns bancos, aproveitando grandes pezas do antigo colector que apareceron na zona, que teñen máis de metro e medio de diámetro, sendo recuperadas par un novo uso.