
Zona verde
Parque Forestal da Granxa do Xesto
Parroquia
Vista Alegre
Tipoloxía
Lagoa
Cronoloxía
2003
Historia
En Galicia, igual que na maior parte do mundo, os anfibios conforman o grupo de vertebrados máis ameazado. Precisan medios acuáticos para a reprodución, e a dramática perda dos nosos humidais naturais nas últimas décadas é un factor clave no seu declive. A conversión das brañas e turbeiras en pasteiros, a construción e as infraestruturas, reduciron significativamente a superficie do seu hábitat, tendo un impacto negativo nas súas poboacións. Porén, algunhas especies son capaces de colonizar novos medios acuáticos, artificiais na súa orixe, como son os bebedeiros para gando, os pozos antiincendios, ou as charcas como as lagoas da Granxa do Xesto.
Descrición
Na parte alta do Parque Forestal da Granxa do Xesto sitúanse as minas de auga que abastecen por gravidade a unha rede de canles formada por catro lagos artificiais intercomunicados, que ademais da auga das minas tamén recollen a auga de escorrentía superficial das abundantes precipitacións que caen sobre o Monte Pedroso. Cando sobordan as lagoas, desembocan nun pequeno regato que verte as súas augas ao río Sarela. Tres destas lagoas son estreitas e longas e outra delas é un gran estanque redondeado, situado no medio do parque, no que se practica a pesca con solta da troita.
Ademais de aportar frescor, un estanque pode contribuír de forma significativa á biodiversidade, desenvolvendo un asombroso equilibrio ecolóxico. De feito, as lagoas da Granxa do Xesto forman pequenos ecosistemas acuáticos seminaturais nos que existe unha elevada diversidade de flora e fauna que adoitan aparece xunta porque comparten os mesmos requirimentos de auga.
Tanto nas marxes dos estanques coma flotando na auga atópanse vexetación típica de medios acuáticos, adaptadas a ambientes moi húmidos:
- Lirios amarelos (Iris pseudocorus): recoñecibles polas súas fermosas flores amarelas.
- Xuncos (Juncus sp.): herbácea de follas e talos erguidos e ríxidos.
- Carrizos (Phragmites australis): de talos duros, follas planas e con inflorescencias de aspecto plumoso.
- Fento real (Osmunda regalis): especie con con grandes follas que aparece nas ribeiras de ríos e lagoas.
- Ambroíño de río ou nenúfar branco (Nymphaea alba): planta acuática enraizada no solo con follas de longo pecíolo e limbo redondeado flotando na superficie. As súas flores de gran tamaño ábrense na superficie solitarias sobre un longo pedúnculo.
- Espadanas (Thypha latifolia): planta de talos erguidos que rematan nunha espiga ancha e cilíndrica onde se agrupan as flores.
No interior das lagoas hai diversas especies vexetais como a herba lameiriña (Callitriche sp.) ou a lentella de auga (Lemna sp.), e rodeándoas podemos atopar especies arbóreas adaptadas ao exceso de humidade presente no solo, como os salgueiros (Salix sp.) que serviron para a fixación das ribeiras mediante a plantación de estacas nas beiras.
Estas masas de auga son unha importante fonte de alimento, refuxio e refresco para a fauna. Onde as augas se acumulan con máis profundidade, sexan de xeito natural ou nunha charca artificial como estas lagoas, é posible atopar numerosas especies nuns poucos metros cadrados, como as que se citan a continuación:
- Aves durante os meses de primavera e verán, pola abundancia de insectos voadores na contorna das pozas que atrae ás especies insectívoras como a lavandeira branca (Motacilla alba), os rabirrubios (Phoenicurus ochrurus) ou os paporrubios (Erithacus rubecula).
- Libeliñas e cabaliños do demo (Odonatos), cuxas larvas medran no estanque, alimentándose doutros invertebrados até que saen da auga cara a vexetación emerxente onde completan a súa metamorfose.
- Efémeras (Eferópteros), que como o seu nome indica, teñen unha curta vida.
- Zapateiros (Gerris sp.), cuxas longas patas cubertas de pelos hidrófobos permítenlles manterse sobre a superficie da auga onde desprázanse con axilidade para dar caza as pequenos invertebrados que caen na lámina de auga.
- Pulgas de auga (Daphnia sp.), que son pequenos crustáceos filtradores que se alimentan do plancto e serven de alimento a moitos organismos presentes nas lagoas.
- Anfibios como rás verdes (Rana perezi), sapos e pintafontes (Lissotriton boscai), que requiren do medio acuático para reproducirse e completar o seu desenrolo larvario.