mainimg
Código: AL094
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque da Alameda

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Populus nigra L.

Nome común en galego

Lamigueiro, lamagueiro, chopo negro ou choupeira

Nome común en castelán

Álamo negro, chopo negro o chopera

Información

Características

Está situado próximo ao Estanque do Ollo, na zona de ladeira entre o Paseo da Ferradura e a parte baixa do Parque da Alameda, onde se empraza o circuíto biosaudable.

Orixe e distribución

Trátase dunha especie de ampla distribución, atopándose de forma natural no sur, centro e leste de Europa, centro-oeste de Asia e norte de África. Como especie cultivada nas súas diferentes variedades distribúese dun xeito moito máis amplo.

Vive en lugares húmidos como as beiras dos ríos. Nas formacións ripícolas mestúrase con especies de similares preferencias, como salgueiros, freixos, ulmeiros ou ameneiros.

Descrición

É unha árbore de folla caduca e crecemento rápido, que pode alcanzar os 30 metros de altura. Ten porte columnar e pólas moi pegadas ao madeiro. A codia, grosa e gris, vaise ennegrecendo e agretando coa idade. As follas teñen forma de rombo cos bordos dentados, son de cor verde brillante cun pecíolo longo e aplanado lateralmente.

É unha especie dioica, xa que un lamigueiro só pode ter flores femininas ou masculinas. Tanto unhas coma outras son moi pequenas e aparecen antes que as follas, formando unha especie de espigas que colgan das pólas.

Etimoloxía

O xénero botánico Populus, nome dado xa por Teofrasto, Dioscórides e Virxilio, foi confirmado por Linneo. Crese que deriva do vocábulo grego paipalleis (axitar), debido á oscilación das follas que provoca calquera vento suave. Tamén hai quen di que a súa orixe está no uso que a estas árbores se lle dou antigüidade, pois adornaban as prazas públicas, denominándoo árbore do pobo, e de aí o populus latino.

O nome común lamigueiro provén da palabra prerromana lama, co significado de lugar enchoupado e lamacento. O nome chopo é de orixe incerta. Parece que foi almo a forma primitiva, probablemente prerromana, dos ulmeiros tomaron tamén o seu nome, referido a unha árbore de alto porte que medra nas ribeiras dos ríos.

Usos

En pobos de moitas rexións de España, os quintos (mozos de 18 anos) cortaban un lamigueiro, levábano á praza e erguíano para celebrar unha festa ao seu arredor. Estas festas, coñecidas como as festas do maio ou da árbore maia, encontran precedentes dende tempos prerromanos e relaciónanse coa chegada da primavera.

É unha árbore usada para aliñacións ou como barreira cortaventos, como podemos encontrar no Parque de Carlomagno en Fontiñas. Plántanse preto das casas situadas en campo aberto, pois crese que a súa forma atrae aos raios. Sen embargo, non é conveniente plantalo moi preto dos edificios, pois as súas raíces medran en busca da auga e poden danar alicerces, canalizacións ou desaugadoiros.

Son moi empregados como ornamentais, xa que grazas ao seu crecemento rápido, deseguida proporcionan abundante sombra e transmiten gran vivacidade aos parques, coas súas follas case en movemento continuo ao mínimo vento que sopre. Por outra parte, son altamente ornamentais pola súa follaxe amarelas e douradas na época outonal.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)