Zona verde
Xardín da Choupana
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Citrus x sinensis Osbeck
Nome común en galego
Laranxeira
Nome común en castelán
Naranjo
Características
As laranxeiras son moi abondosas no barrio da Choupana, xa que estas árbores froiteiras están presentes nas súas zonas verdes e nos alcorques das súas beirarrúas. Non soamente aportan á cidade os beneficios propios de todas as árbores urbanas (aumento da biodiversidade, redución da contaminación acústica, regulación da choiva...) senón que tamén aportan colorido coa cor laranxa dos seus froitos.
Orixe e distribución
A laranxa é descoñecida en estado salvaxe, polo que considérase un híbrido entre o pomelo (Citrus maxima) e o mandarineiro (Citrus reticulata) que se obtivo por selección na China e Indochina, onde está a súa orixe.
Levouse á zona do Mediterráneo polos comerciantes italianos, e portugueses ao redor do 1500. De feito, en Grecia as laranxas chámanse portokalos, nome que deriva de Portugal. En 1646 fora moi publicitada e era ben coñecida en toda Europa.
Os colonos españois introduciron a laranxa en América do Sur e México a mediados do 1500 e os franceses levárona a Louisiana, dende onde se distribuíu polos Estados Unidos. Actualmente, converteuse na árbore froiteira máis cultivada do mundo, sendo un recurso importante no Extremo Oriente, Sudáfrica, Australia, toda a zona mediterránea, as zonas subtropicais de América do Sur e no Caribe.
Descrición
Árbore perennifolia que pode chegar aos 10 metros de altura, mais de crecemento moi lento. Ten follas perennes, simples, alternas, correúdas, de forma elíptica ou lanceolada e cor verde intensa.
As flores están solitarias ou en pequenos grupos axilares, moi fragantes. Florece na primavera e no inverno dá os froitos denominados laranxas, uns hesperidios comestibles de tona endurecida de cor laranxa e materia carnosa ou polpa formada por carpelos pechados que gardan as sementes. Outros exemplos de hesperidios son os froitos doutras rutáceas coma o limón ou a mandarina.
Etimoloxía
Citrus provén do grego e significa limón. Sinensis é un epíteto latino que alude a que a especie é orixinaria de China. Azar, o nome dado ás súas flores, significa flor branca en árabe.
Un dos seus primeiros nomes rexistrado foi o persa narang, da cal se derivan o nome laranxa, o portugués laranja, o francés orange ou o italiano arancia. Nalgunhas zonas do Caribe e América Latina, a froita chámase naranja de China, China dulce ou China.
Durante moitos anos, esta especie foi coñecida como Citrus aurantium var. sinensis, xa que era considerada unha forma da laranxa agre. Aurantium é unha verba latina que alude ao color dourado do froito. O nome botánico da laranxa é hesperidio, derivado de Hespérides, ninfas mitolóxicas que coidaban do xardín dos deuses onde crecían mazás de ouro.
Usos
Moi cultivada en xardíns polo valor comestible dos seus froitos como polo valor decorativo da especie, xa que a copa redondeada e os froitos de cor laranxa, en forte contraste co verde das follas, brincan unha visual moi interesante en calquera xardín.
Nos xardíns renacentistas eran frecuentes as orangeries, unhas arcadas de metal e vidro baixo as cales se plantaban laranxeiras para protexelas do frío do inverno. A orangerie do Pazo do Louvre (1617) inspirou moitas imitacións até o desenvolvemento dos invernadoiros modernos na década de 1840, xa que unha destas orangeries era signo de distinción nas residencias aristocráticas durante os séculos XVII e XVIII.
As laranxas teñen uso medicinal, xa que son depurativas do organismo polo seu contido vitamínico, azucre, ácido cítrico, fibra, ferro, fósforo, sodio e magnesio. Outras aplicacións son para problemas co sistema dixestivo, parásitos, enrugas, febre, obesidade, problemas cardíacos...
Ademais dos seus usos alimentarios, o aceite obtido da laranxa é un aroma moi apreciado en perfumes e xabóns, ademais do destilado das súas flores, o azar. A madeira é de cor amarela, de gran fino e dura, mais propensa ao ataque polos térmites. As ramas tállanse para facer os bastóns utilizados polos manicuristas para quitar a cutícula das unllas.