mainimg
Código: XF005
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Xardín do Colexio de Fonseca

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Larix kaempferi (Lamb.) Carr.

Nome común en galego

Lárice

Nome común en castelán

Alerce japonés

Información

Características

Este fermoso exemplar medra exento, destacando no conxunto florístico do xardíns, ao ser o único da súa especie. Emprazado xunto á esquina entre as escaleiras de pedra do Colexio de Fonseca e o muro que limita esta zona verde coa Travesa de Fonseca.

Orixe e distribución

Orixinariamente esta árbore estaba presente tan só no Xapón, mais dende hai tempo foi plantada en considerables extensións forestais a causa de que o seu crecemento é moito máis rápido que o seu parente europeo (Larix decidua).

Descrición

Conífera caducifolia que alcanza case os 40 metros de altura e presenta unha ampla copa cónica. As pólas inferiores sobresaen lateralmente e, chegando ao estremo, viran cara arriba. Ten a cortiza de cor parda, que se desprende en pequenas láminas escamosas.

As follas son acículas brandas, apuntadas e de cor gris azulada, que na parte baixa mostran dúas bandas lonxitudinais de cor gris clara. Agrúpanse en numerosos ramos formados por entre trinta e corenta follas.

Os conos femininos son numerosos nos segmentos superiores das pólas máis fortes. Ao principio son de cor vermella ou amarela, para despois tornaren verdes, e ao madurar pardas. Teñen forma de roseta, con escamas de bordo curvado.

Etimoloxía

O seu epíteto específico kaempferi foi posto na honra ao naturalista alemán Engelbert Kaempfer (1651-1716). Pasou dous anos en Xapón, onde foi o primeiro científico occidental en describir o xinkgo (Ginkgo biloba), que se pensaba extinto. Realizou descricións sistemáticas de moitas plantas de Xapón, con nomes que serían adoptados posteriormente por Carlos Linneo.

Larix é o nome latino para as coníferas da familia das pináceas coñecidas como lárices, formadas por unhas trece especies. O seu nome común xaponés é karamatsu.

Usos

De interese ornamental, non é moi sensible á contaminación atmosférica polo que cada vez é máis cultivado nos parques urbanos. Parece ser que os lárices son máis resistentes ante as chuvias ácidas que as restantes coníferas.

A súa madeira está considerada como un material moi resistente e estable, polo que é utilizada como madeira de construción en casas e barcos, especialmente para taboleiros e revestimentos.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)