mainimg
Código: BS017
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque Fluvial das Brañas de Sar

Barrio

Sar

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Lavadoiro

Historia

Os lavadoiros, xunto cos muíños e fontes, son áreas de actividade relacionadas coa vida económica e cotiá da comunidade. Ademais de para un uso concreto, a moenda, a recollida de auga ou para lavar a roupa cando non existía traída de auga nas casas, eran lugares moi animados de intensa relación social onde confluía a veciñanza de toda a contorna.

Foron unhas construcións fundamentais dende finais do século XIX até a década de 1950, xa que melloraron a calidade de vida da xente antes da traída das augas até os fogares: aforraban as viaxes até o río, facilitaban o lavado da roupa e melloraban en xeral as condicións de hixiene das persoas e as súas casas.

Por iso, eran obras deseñadas con gran coidado: había que sanear o manancial, traer as augas e conducilas para que por gravidade, abasteceran os canos e a pía, facer muros de contención e crear canles para aproveitar as augas que rebordaban para as regas. De feito, nesta zona podemos encontrar restos das canalizacións e elementos empregados para a rega dos campos de cultivo.

Os lavadoiros son construcións situadas ao aire libre e creadas especificamente para o lavado da roupa a man, aínda que tamén podían utilizarse para darlle de beber ao gando ou para o baño. Habitualmente situábanse á beira dun río, regato ou nacente de auga, polo que tamén adoitaban estar vinculadas a fontes que aproveitaban a auga sobrante.

Na súa orixe, aproveitábase un lugar onde a auga era abundante, como ao lado dun manancial ou mina, e estancábase unha pequena zona de auga, utilizándose pedras planas de base onde fregar a roupa. Estes lavadoiros primitivos adoitaban estar cerca dunha zona de prado que lle servise para poñer aclarear a roupa.

Os primeiros lavadoiros de pedra carecían de tellado, que foi introducido máis tarde. Normalmente eran de forma rectangular, cun máximo de 10 metros cadrados de superficie. Corría a auga dun extremo a outro e tiñan habilitados, nun ou nos dous lados máis longos, unha plataforma inclinada cara a auga onde fregar a roupa. Periodicamente procedíase á súa limpeza, baleirando a auga polos buracos do desaugadoiro.

Aínda hoxe, algúns lavadoiros son empregados como substituto das máquinas de lavar cando falla o subministro eléctrico, ou no caso de ter que lavar pezas concretas de roupa. Sen embargo perdeuse a súa utilidade social como punto de encontro e reunión que tiña no pasado.

Descrición

Trátase dun lavadoiro composto por varias laxes de anfibolita dispostas de xeito inclinado e situadas na parte dereita na mesma canle de derivación de auga que alimenta aos muíños dos Lavadoiros. O feito que este lavadoiro utilice un estreito curso de auga motiva que so conste de laxes nunha das beiras da canle, que ademais de servir para mover o enxeño dos muíños, utilízase para outros fins como a limpeza das pezas de roupa.

O lavadoiro está a uns doce metros do primeiro dos muíños. Esta parte da canle está cuberta por un emparrado de vide, que coa súa sombra contribúe a equilibrar a temperatura da auga e a mantela ben osixenada.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)