mainimg
Código: EG016
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque Eugenio Granell

Barrio

Pontepedriña

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Leptospermun scoparium J.R.Forst. & G.Forst.

Nome común en galego

Leptospermo

Nome común en castelán

Leptospermo o árbol del té de Nueva Zelanda

Información

Características

Están presentes en diversas zonas do Parque Eugenio Granell, mais a súa presenza destaca á beira do camiño xunto á pista de skate, dando colorido ao espazo coa súa fermosa floración.

Orixe e distribución

Nativo de Tasmania e o sueste de Australia, medra naturalizado en Nova Zelandia onde é a única especie da familia das Mirtaceas que pode atoparse nestas illas. Foi introducida en Europa, América e África, onde medra como especie ornamental.

Descrición

Arbusto ou pequena árbore moi resistente, de folla perenne, que soe acadar até 1,5 metros de altura co seu lento crecemento, mais en orixe pode chegar incluso aos 15 metros. As matas son densas e moi ramificadas, formadas por talos leñosos erectos e delgados.

As follas son pequenas, simples, coriáceas e de forma alongada. Soen ser verdes, mais poden presentar cambios na súa cor sobre todo no inverno, cando tornan vermellas.

As pequenas flores poden ser brancas, rosas ou vermellas, e manteñen o arbusto florido a maior parte do ano, aínda que aparecen preferentemente na primavera. Sitúanse cubrindo grandes segmentos dos talos, xa que ao carecer de pedúnculo xorden nas axilas das follas. Posúen un perfume moi aromático.

O froito é unha cápsula que aparece durante o verán e no outono.

Etimoloxía

Este arbusto foi descrito en 1775 polos naturalistas Johann Reinhold e Georg Forster, que acompañaban ao Capitán Cook na súa expedición ao Océano Pacífico. O nome xenérico ven dos vocábulos gregos leptos (fina ou sutil) e sperma (semente), polas súas sementes delgadas.

O nome específico scoparium é un termo latino que alude a unha escoba, xa que as súas pólas podían ser empregadas para este fin. Este epíteto específico aparece tamén na xesta (Cytisus scoparius).

Usos

Din que foi o propio capitán Cook quen, na súa segunda viaxe aos Mares do Sur, puxo o nome de árbore do té ao Leptospermun, despois de beber unha infusión preparada polos aborixes. Os maorís empregaban as follas desta planta, que eles chaman manuka, na medicina natural polas súas propiedades antibióticas, e con ela trataban queimaduras e infeccións. Tamén utilizaban as polas para aromatizar as carnes e pescados, mesturándoas coa leña do lume ao cociñar á grella ou ao afumar.

Colócase como especie ornamental nos parques e xardíns debido ás súas fermosas flores, presentes case todo o ano. Deu lugar a numerosos cultivares que rivalizan na cor e complexidade das corolas das flores. Ten un carácter moi robusto e precisa un baixo mantemento xa que resiste a seca, ás baixas temperaturas e soe estar libre de pragas e fungos. Ademais, acepta ben a poda, polo que se soe manter en forma esférica formando manchas no xardín, xa que son particularmente favorables a ser cultivados en grupo.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)