mainimg
Código: LP004
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque Luís Pasín

Barrio

Conxo

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Citrus x limon (L.) Burm.

Nome común en galego

Limoeiro

Nome común en castelán

Limonero

Información

Características

Este limoeiro está situado xunto a un loureiro (Laurus nobilis) a carón do parque infantil do Parque Luis Pasín. É unha das poucas especies froiteiras do parque, xunto cos castiñeiros (Castanea sativa) que medran aos seus lados, posto que no resto das especies vexetais presentes nesta zona verde predomina o uso estético sobre o práctico.

Orixe e distribución

É unha especie orixinaria do nordeste da India, onde aparece estado silvestre nas rexións cálidas ao pé do Himalaia. Desas nacións asiáticas foi levado polos árabes no século X aos xardíns de Omán (Palestina) e a Exipto. En Europa xa se menciona o seu cultivo en Palermo no ano 1260 como árbore froiteira.

Son numerosas as especies e variedades do xénero Citrus que se plantan actualmente na rexión mediterránea, así como noutras rexións de todo o mundo que teñan un clima semellante. Require terras profundas, permeables e fértiles, dotados dunha boa drenaxe xa que non soporta o encharcamento. É unha árbore pouca resistente ao frío e as xeadas, e require situación a pleno sol.

Descrición

Pequena árbore perennifolia de porte dereito, tronco irregular e cortiza lisa de cor gris escura, con finas fisuras negras.

As súas follas son moi semellantes ás da laranxeira (Citrus sinensis), mais no limoeiro a base do limbo é máis estreita, como tamén o son as ás do pecíolo. As follas do limoeiro son simples, alternas, ovado-elípticas e co bordo serrado. As axilas das follas están provistas de espiñas.

As aromáticas flores son brancas con matices de cor púrpura, e aparecen entre maio e xuño nas axilas das follas, solitarias ou formando acios.

O froito é o limón. Mentres que as laranxas frutifican no inverno, o limoeiro dá os seus froitos durante todo o ano, incluso ao mesmo tempo que as flores. Son hesperidios ovoides, nos que dentro dun pericarpo groso e rugoso aparecen entre 8 e 10 cuarteiróns de polpa ácida, nos que se atopan as sementes.

Etimoloxía

O nome xenérico Citrus é o nome latino para esta árbore, que se deriva do vocábulo grego kitros, e que á súa vez podería proceder do etrusco. Este xénero ofrece unha grande variedade de froitos como limóns, limas, laranxas, mandarinas, pomelos e híbridos entre todos eles.

O epíteto específico limón procede do vocábulo persa limum ou leimum, denominación de varias especies do xénero Citrus, como as limas. De este vocábulo tamén deriva a denominación vulgar da árbore e os seus froitos.

Usos

Limoeiros, laranxeiras, mandarinos e outros exemplares de cítricos plantados en macetas son unha presenza habitual en terrazas, soportais e patios. Non son plantas que demanden demasiados coidados, agás ser protexidas do frío e as xeadas.

As orangeries dos palacios europeos servían para que a nobreza tivese o privilexio de gozar das flores e os froitos dos laranxeiras e limoeiros. Estes invernadoiros teñen a súa orixe no renacemento italiano, cando nas loggias dos palazzos cultivábanse laranxeiras baixo teito para poder resistir mellor o frío do inverno. A comezos do século XVII, Catalina de Medicis levou este costume ao Palacio das Tullerías de París, polo que dende entón contar cunha orangerie nos palacios da realeza e a aristocracia converteuse nun signo de distinción en toda Europa.

A pel do froito posúe glándulas que proporcionan unha esencia moi aromática, empregada en repostería. Así mesmo da súa madeira obtense unha resina empregada en perfumería.

Os limóns teñen propiedades medicinais. Foron empregados dende hai anos como antiescorbúticos entre as tripulacións dos barcos. En 1928, o químico húngaro Albert Szent-Györgyi logrou illar o ácido ascórbico, substancia á cal os cítricos deben os seus efectos antiescorbúticos, e que denominou vitamina C. Por este descubrimento concedéuselle o Premio Nobel de Medicina en 1937.

As deliciosas limoadas, ademais de refrescantes, diuréticas e dixestivas, empréganse en inflamacións de garganta. O limoncello é un licor típico de Italia, elaborado tradicionalmente cos limóns cultivados na costa de Amalfi, aínda que tamén se produce noutras partes do país.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)