Zona verde
Parque do Monte da Almáciga
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Liquidambar styraciflua L.
Nome común en galego
Liquidámbar ou ocozol
Nome común en castelán
Liquidámbar
Características
Unha aliñación de liquidámbares bordea un dos laterais do espazo presidido polo Estanque da Almáciga. Forman unha pantalla vexetal que dá sombra e protexe do vento a este lugar.
Orixe e distribución
Esta árbore é orixinaria do leste e sueste dos Estados Unidos, montañas do centro e sur de México e terras altas de Guatemala. Durante o período Terciario tivo unha distribución ampla, ocupando gran parte do Hemisferio Norte, mais a pesar da súa resistencia ao frío, as glaciacións do Cuaternario eliminaron as poboacións europeas, quedando testemuñas no rexistro fósil que lle outorgan o status de especie reliquia.
Descrición
Árbore caducifolia con copa ancha, porte cónico e pólas horizontais ou lixeiramente dirixidas cara arriba. Non talla máis de 40 metros de altura. Ten a casca lisa e gris cando o exemplar é novo, e vaise agretando co paso do tempo até formar as suberosas.
As follas son alternas, palmeadas e lobuladas, longamente pecioladas e dotadas dun arrecendo agradable. Lembran lixeiramente ás do plátano de sombra ou ás dos pradairos. En verán son de cor verde brillante, mais en outono tornan espectaculares ao adquirir tonalidades vermellas, violetas, amarelas e alaranxadas moi intensas.
Ten flores pequenas, as femininas de maior tamaño que as masculinas, que se agrupan en masas globosas que aparecen na árbore entre abril e maio. Ao igual que as follas, as inflorescencias parécense aos dos plátanos e pradairos, o que apunta á proximidade evolutiva entre as dúas familias. O froito é unha infrutescencia globosa moi característica, formada por pequenas cápsulas que se manteñen agrupados en glomérulos.
Etimoloxía
Liquidambar provén do latín liquie, que destila, e do árabe ambar, en alusión ao fragrante arrecendo das súas follas e tronco. O epíteto específico ven to grego styrax, pola resina das follas, e phluo (fluír) facendo referencia á riqueza en substancias gomosas desta resina, especialmente nun hidrocarburo, o estireno.
Utilízase o nome xenérico liquidámbar para chamar comunmente a esta árbore. Coa sabia deste árbore fabrícase o bálsamo de ocozol ou estoraque, do que provén outro dos seus nomes comúns.
Usos
Emprégase como árbore ornamental polo seu bo arrecendo, rápido crecemento, polo seu bo estado fitosanitario, e porque en outono as follas adquiren unhas fermosas coloracións vermellas, violetas, amarelas e alaranxadas.
A súa madeira é moi apreciada en América, que se utiliza para revestimentos, mobles e molduras, así como para a obtención de papel. A abundancia, calidade e bo aroma desta resina pódese apreciar nos meses cálidos, nos que chega a gotear o zume da árbore. Con este ámbar líquido elabórase o chamado bálsamo do Perú, cicatrizante e balsámico, que nalgunha ocasión foi empregada na elaboración de gomas de mascar.
En 1839, a partir da goma dunha especie próxima, o Liquidambar orientalis, logrouse sintetizar o primeiro polímero artificial, o polistireno, que en 1931 comezou a ser producido a nivel industrial e hoxe é o cuarto plástico máis utilizado, presente nas caixas dos compact disc, embalaxes ou materiais coma o poliexpán.